Leva, non leva, leva...
Era moi sabia e sabía algo que nós non.
SABIA vs SABÍA
Parecen iguais mais non o son. Fíxate ben, son diferentes só nunha pequena cousa. Viches?
Exacto! O acento gráfico. Esa pequena marca que moitas veces fixo a nosa cabeza tolear. Por que nos complicaron a vida con iso?
Pois aínda que non o pareza son moi, moi útiles.
Ollo, esa pequena marca que teñen algunhas vogais indica se estou seria ou se isto sería unha lea. Se ela xa cantara cando cheguei ou se cantará despois. Ves como cambia o conto dependendo do acento gráfico?
Pois para saber onde poñer ese símbolo hai que ter claros algúns conceptos. Lembras iso de esdrúxulas, graves e agudas?
Nós podemos dividir as palabras en sílabas. Unha desas sílabas leva máis forza de voz que as demais. É a sílaba tónica.
Dependendo do lugar que ocupe esa sílaba tónica nas palabras falamos de palabras esdrúxulas (coa forza de voz na antepenúltima sílaba), graves (na penúltima) e agudas (na última). Con esta información xa podemos saber se poñer ou non o acento gráfico a unha palabra. E tamén onde poñelo.
Lectura facilitada
A importancia do acento gráfico
Unha persoa era moi sabia (intelixente) e sabía cousas que nós non sabíamos.
SABIA e SABÍA
Estas dúas palabras parecen iguais, pero non o son. Mira ben, só se diferencian nunha cousa moi pequena. Viches cal é?
Si! O acento gráfico ( ´ ). Esa pequena marca que moitas veces nos fai pensar moito. Por que existe?
Pois aínda que pareza unha cousa pequena e sen importancia, o acento gráfico é moi, moi útil.
Mira! Esa pequena marca que teñen algunhas letras "a", "e", "i", "o", "u" indícanos cousas importantes.
Por exemplo, se unha persoa cantara (no pasado) cando eu cheguei, ou se cantará (no futuro) despois. Ves como cambia a historia dependendo do acento?
Para saber onde poñer ese símbolo, temos que lembrar algunhas cousas. Lembras cando aprendemos sobre as palabras esdrúxulas, graves e agudas?
Podemos dividir as palabras en partes máis pequenas que chamamos sílabas. Nunha palabra, hai unha sílaba que soa máis forte que as outras. Esa é a sílaba tónica.
Dependendo de onde estea a sílaba tónica, as palabras clasifícanse en:
Palabras esdrúxulas: A sílaba tónica está na antepenúltima sílaba (a terceira contando desde o final).
Palabras graves: A sílaba tónica está na penúltima sílaba (a segunda contando desde o final).
Palabras agudas: A sílaba tónica está na última sílaba.
Con esta información, xa podemos saber se unha palabra leva acento gráfico ou non.
E tamén sabemos en que vogal da sílaba tónica debemos poñelo.
Audio
Lembra
Agudas
Acentúanse cando a palabra acaba en vogal, en N e en S (café, perdón, mañás).
Graves
Acentúanse cando a palabra acaba en consoante diferente de N e S (réptil, carácter).
Esdrúxulas
Acentúanse sempre (cóxegas, mágoa).