Saltar navegación

3.2. Raíñas e revolucións

 

Glosario

Alternancia

Imaxe de dúas persoas intercambiando un obxecto.

Definición:

Sistema no que dous partidos diferentes gobernan por quendas, un tras outro.

Exemplo:

Durante a Restauración, había alternancia no poder entre conservadores e liberais.

Caciquismo

Imaxe dunha persoa roubando ou enganando a outra

Definición:

Forma de controlar as eleccións usando influencias e trampas para que gañe un partido.

Exemplo:

No século XIX, en moitos pobos de España, os caciques obrigaban a votar polo seu partido ameazando a xente con quitarlles o traballo ou a casa.

Exilio

Imaxe dunha persoa escapando

Definición:

Obrigar a unha persoa a marchar do seu país e vivir fóra por motivos políticos.

Exemplo:

Despois da Revolución Gloriosa, Isabel II marchou ao exilio.

Rexencia

Imaxe dunha persoa coidando dun pequeno.

Definición:

Período no que outra persoa goberna no nome dun rei ou raíña menor de idade.

Exemplo:

María Cristina exerceu a rexencia ata que a súa filla Isabel II puido reinar.

Segunda viaxe no tempo

Imaxe de Breogán envolto nun remuíño cun destello amarelo que o fai viaxar no tempo.

O seguinte salto levouno ao ano 1833. Fernando VII morrera, e a súa filla Isabel II, unha nena de ollos grandes e curiosos, era a herdeira. Como era demasiado nova, a súa nai, María Cristina, unha muller de porte elegante e mirada preocupada, gobernaba no seu nome. Pero non todos aceptaban a Isabel II como raíña, e Breogán foi testemuña da feroz loita entre os carlistas, que apoiaban outro candidato ao trono, e os isabelinos, que defendían a raíña.

A medida que Isabel medraba, o seu reinado estivo marcado por intrigas e enfrontamentos políticos. "Parece que os gobernos cambian cada dous por tres", comentou Breogán ao ver como os políticos se disputaban o poder. Finalmente, en 1868, o pobo levantouse na Revolución Gloriosa, obrigando a Isabel II a marchar ao exilio. No seu lugar, España elixiu como novo rei a Amadeo de Savoia, un home de bigote fino e actitude nerviosa. "Non entendo nada, España é ingobernable!", exclamou o rei antes de renunciar en 1873. Entón, España proclamou a Primeira República Española, aínda que só durou un ano antes de que se restaurase a monarquía con Alfonso XII, un mozo rei carismático e valente, xunto co político Cánovas del Castillo, que deseñou un sistema no que os partidos políticos facían quendas no poder.

Lectura facilitada

Breogán chegou ao ano 1833.
Fernando VII morrera.
A súa filla Isabel II era a herdeira.
Era unha nena pequena.
A súa nai gobernaba no seu nome.
Houbo unha guerra.
Os carlistas contra os isabelinos.

Isabel II foi raíña.
Houbo moitas loitas políticas.
En 1868 comezou a Revolución Gloriosa.
Isabel tivo que marchar ao exilio.

O novo rei foi Amadeo de Savoia.
Durou pouco e renunciou en 1873.
España proclamou a Primeira República.
Durou só un ano e volveu a monarquía.
O novo rei foi Afonso XII.
Cánovas del Castillo organizou o goberno.
Os partidos facían quendas no poder.

Dende Isabel II ata o reinado de Afonso XII

Isabel II (1833-1868)

Período de Rexencia (1833-1843)

  • Ao ser menor de idade tiveron que reinar en nome de Isabel. Foron dous rexentes: María Cristina de Borbón, nai de Isabel (1933-1939) e Espartero, un xeneral liberal (1840-1843).
  • Creáronse dous bandos: os liberais, partidarios de que o trono fose para Isabel, e os absolutistas, que defendían que o trono o ocupase o irmán de Fernando VII, Carlos.

Reinado de Isabel (1843-1868)

Imaxe dun posado de Isabel II cun longo vestido branco
  • Consolidouse un período liberal en España, cun sistema político de ideas liberais: o moderado e o progresista.
  • Contou con varios períodos:
    • 1844-1854: o poder estivo no partido moderado, facendo que o poder recaese entre o rei e o pobo. Elaborouse a Constitución de 1854 e tivo lugar a 2ª guerra carlista, porén, Carlos tampouco logrou a coroa.
    • 1854-1856: o poder recaía no pobo e destacaron dous representantes do partido progresista (Espartero e O´Donnell).
    • 1856-1868: liderou o partido moderado e un novo partido, a Unión Liberal.
  • O reinado de Isabel II rematou tras unha crise económica e a Revolución Gloriosa de 1868, que obrigou á raíña a exiliarse, abrindo en España unha nova etapa.

Sexenio Revolucionario (1869-1874)

Amadeo de Savoia (1870-1873)

Amadeo de Savoia sae na imaxe posando cun uniforme militar de cores negra, vermella e branca.
  • Foi elixido polas Cortes en 1870.
  • Enfrontouse ao partido republicano, aos militares e ao partidarios dos Borbóns.
  • Producíronse conflitos sociais e folgas obreiras.
  • Etapa de grande inestabilidade política e social.
  • A terceira guerra carlista (1872), comezou durante o seu reinado.

Finalmente, Amadeo abdicou en 1873, dando paso á Primeira República Española.

Primeira República (1873-1874)

Imaxe dun debuxo da Asamblea Nacional na proclamación da Primeira República  onde todo o réxime político se atopaba reunido nas cortes.
  • É un tipo de goberno que en lugar dun rei, o xefe do Estado é un presidente, elixido polo pobo ou polo Parlamento.

  • A Primeira República só durou 11 meses, e durante ese tempo cambiaron varias veces de presidente.
    Por iso, caracterizouse por unha grande inestabilidade política.

  • Os republicanos estaban divididos: os que estaban a favor dun Estado central contra os que querían un Estado descentralizado.
  • A terceira guerra carlista tivo lugar durante toda a República (1872-1876).
  • Iniciouse a guerra pola independencia de Cuba.
  • A falta de apoio político e os conflitos sociais fixeron que a República durase pouco.

Restauración 

Afonso XII (1875-1885)

Na imaxe aparece Afonso XII posando cun uniforme militar de cores negra, vermella e branca.
  • Restaurouse a monarquía borbónica.
  • Foi posible grazas á mediación de Cánovas do Castillo: logrou que Isabel II renunciase e conseguiu que as diferentes forzas políticas apoiasen unha monarquía constitucional.
  • O sistema estivo baseado na alternancia pacífica no poder entre dous partidos principais: o Partido Conservador (dirixido por Cánovas) e o Partido Liberal (de Sagasta). Este sistema asegurábase mediante o caciquismo e a manipulación electoral.
  • Fin da terceira guerra carlista (1876), coa vitoria do goberno sobre os carlistas.
  • Constitución de 1876, que estableceu un marco legal duradeiro e permitiu certa estabilidade política.
  • Durante este período ergueuse unha oposición a Restauración, formada por diversos partidos políticos, pola creación do movemento obreiro e polos movementos nacionalistas.

O reinado de Afonso XII rematou coa súa morte prematura en 1885. A súa morte deu paso á rexencia da súa muller, María Cristina, en nome do seu fillo, Afonso XIII, que aínda non nacera cando morreu o rei.

Lectura facilitada

Isabel II (1833-1868)

  • Rexencia (1833-1843)
    • Isabel era menor, así que gobernaron en nome dela:
      • María Cristina, a súa nai.
      • Espartero, xeneral liberal.
    • Houbo loita polo trono:
      • Liberais: a favor de Isabel.
      • Absolutistas: querían a Carlos, irmán de Fernando VII.
  • Reinado de Isabel II (1843-1868)
    • España viviu un tempo liberal, con partidos:
      • Moderados: máis poder para o rei.
      • Progresistas: máis poder para o pobo.
    • Houbo guerras carlistas e moitos cambios de goberno.
    • En 1868, unha crise e a Revolución Gloriosa fixeron que Isabel II marchase de España.

Sexenio Revolucionario (1869-1874)

  • Amadeo de Savoia (1870-1873)
    • Foi elixido rei, pero tivo moitos problemas:
      • Enfrontouse a militares, republicanos e carlistas.
      • Houbo folgas e conflitos sociais.
      • Comezou a terceira guerra carlista.
    • En 1873, abdicou e marchou.
  • Primeira República (1873-1874)
    • Non había rei, senón un presidente elixido.
    • Durou só 11 meses por:
      • Cambios continuos de presidentes.
      • Divisións internas.
      • A guerra carlista e a guerra en Cuba.


Restauración: Afonso XII (1875-1885)

  • Volveu a monarquía borbónica grazas a Cánovas del Castillo.
  • Sistema con dous partidos que se turnaban no poder (liberais e conservadores).
  • Este sistema baseábase no caciquismo (manipulación de eleccións).
  • Fin da terceira guerra carlista (1876).
  • Aprobouse a Constitución de 1876, que deu estabilidade.
  • Morreu en 1885 e a súa muller, María Cristina, foi rexente ata que naceu o seu fillo, Afonso XIII.

Apoio visual

Liña do tempo dende Isabel II ata o reinado de Afonso XII

Curiosidades

Cánovas del Castillo

É un gravado du retrato de perfil de Cánovas do Castillo, onde se ven as súas lentes e cunha gravata bolboreta.
  • Chamábase Antonio Cánovas del Castillo.
  • Foi un político moi importante que organizou a volta dos Borbóns ao trono.
  • Defendeu unha monarquía constitucional, con leis e Parlamento, mais mantendo o rei como figura clave.
  • Cánovas creou un sistema político moi curioso, onde dous partidos se ían alternando no poder… 
  • O seu partido era o Partido Conservador.

Sagasta

Imaxe dun retrato de Sagasta onde aparece cun traxe, barba, moi coidado e moi elegante
  • Chamábase Práxedes Mateo Sagasta.
  • Foi o líder do Partido Liberal durante a Restauración.
  • Gobernaba cando lle tocaba ao seu partido na “quenda pacífica”, creado por Cánovas.
  • Defendía máis dereitos e liberdades, como a liberdade de prensa e o sufraxio máis amplo.
  • Aínda que tiña ideas máis abertas, participou tamén no sistema de trampas electorais.
  • Alternouse no poder varias veces con Cánovas.

Fraude e caciquismo

  • Fraude electoral: As eleccións estaban manipuladas.
  • Cambiábanse votos, ameazábase á xente ou directamente escribían resultados falsos.
  • Caciquismo: Os caciques eran persoas moi poderosas nunha vila ou comarca.
  • Ordenaban a quen había que votar, e moitas veces facíano a cambio de favores ou ameazas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)