O merengue
Breve historia

O merengue é o baile nacional da República Dominicana. Nace a finais do século XIX e as súas características son testemuña da fusión cultural existente no país.
Os instrumentos que o interpretan nos seus inicios son as guitarras, a tambora (influencia africana) e a güira (instrumento autóctono) e denomínase “merengue típico”. Relaciónase directamente coa sociedade rural.
Co paso do tempo os instrumentos de corda foron substituídos ou completados por acordeóns (influencia europea). É o denominado “merengue de salón” ou simplemente “merengue”, asociado á sociedade urbana, a Santo Domingo e ás clases altas.
Máis adiante súmanse teclados e aerófonos, nos que se destaca o saxofón, chegando a conformar grandes orquestras (combos). O merengue tivo un momento de grande esplendor na música comercial internacional dos anos 90 do século pasado.
Características

O merengue está composto principalmente no compás de 2/4 aínda que tamén os hai en 4/4.
Os pasos do baile son doados, o que facilita a súa práctica.
Nos seus comezos foi unha danza deseñada para bailar en parella.
Estrutúrase en dúas partes: o "jaleo" e o "paseo".
Intérpretes

Luís Alberti. "Compadre Pedro Juan"
Wilfrido Vargas: "El jardinero"
Johnny Ventura: "Patacón pisao"
Juan Luís Guerra: "Ojalá que llueva café".
Lectura facilitada
Breve historia:
- Baile nacional da República Dominicana.
- Nace a finais do século XIX (vinte).
- Os instrumentos que o interpretan inicialmente son as guitarras, a tambora e a güira.
Co paso do tempo os instrumentos de corda foron substituídos ou completados por acordeóns. - Súmanse teclados e aerófonos, nos que se destaca o saxofón en formación de combos.
Características:
- Compás de 2/4 ou 4/4.
- Pasos de baile doados.
- Nos seus comezos foi unha danza para bailar en parella.
- Estrutúrase en dúas partes: o "jaleo" e o "paseo".

