O reto que tes por diante vaise desenvolver no patio do teu colexio durante o tempo de lecer.
A música vai ser a protagonista, vas montar unha festa. E que se agarda dunha festa? Pois que sexa divertida.
Para iso é preciso que teñas todo moi pensado. O lugar e o momento son claves no deseño da túa festa.
Vas comezar entón polo lugar: o patio.
Lectura facilitada
O reto vaise desenvolver no patio do teu colexio.
Vas montar unha festa.
Audio
Como é o teu patio
Organízate co resto da clase en grupos pequenos (4/5 persoas) e acordade como reescribirades o patio do colexio. Será preciso falar tanto das diferentes zonas como das actividades que se realizan en cada unha delas, incluso daquelas localizacións que non se empregan ou só se acode a elas en determinados momentos.
A continuación fai unha posta en común co resto dos grupos.
Preme no documento para descargar o PDF (ábrese nunha nova xanela).
Lectura facilitada
Describe o teu patio con tres ou catro persoas máis.
Fai unha posta en común co resto dos grupos.
Preme no documento para descargar o PDF (abre nunha nova xanela).
Audio
Onde está a festa?
A nosa terra é famosa, entre outras cousas, pola cantidade de festas que ten. Témolas de todo tipo: verbenas, romarías, foliadas e festas gastronómicas, principalmente. Todas elas teñen en común un elemento que sempre está presente: a música.
As grandes orquestras anegan o panorama musical das nosas festas e, con elas, irrompe no repertorio máis tradicional a música latina. Salsas, merengues e cumbias, entre outros estilos, son protagonistas indiscutibles do abano sonoro das festas galegas.
Coñeces estes estilos? Diferéncialos?
Despois de realizar o reto non haberá pista de baile que se che resista!
Lectura facilitada
En Galicia hai moitas festas.
En todas elas hai música.
A música latina está moi presente no repertorio das orquestras.
Coñeces a música latina?
Audio
Acordamos
Logo da análise que fixeches do patio, chega o momento de tomar decisións e chegar a acordos.
Cal é o mellor lugar do patio para aloxar unha festa? Tes que ter en conta cousas importantes como a distancia ás portas principais para trasladar o material que precises, ou incluso á aula de música, de ser o caso.
Vas precisar alimentación eléctrica, hai enchufes? En caso negativo, como vas levar a electricidade ata alí?
Pensa tamén que un escenario, unhas tarimas, facilitarán ao público a visión do que vas facer. Hai algunha parte do patio que estea elevada e que che sirva como escenario? No caso contrario, podes empregar o material que posúe o teu centro para acadar este efecto?
Acorda, xunto cos teus compañeiros e compañeiras, todos os elementos precisos para que a túa festa teña a mellor das localizacións dentro do patio. Telo?
Lectura facilitada
Acorda cos teus compañeiros o lugar do patio onde ides facer a festa.
Tes que ter en conta:
que estea preto da porta.
que haxa corrente eléctrica.
que sirva como escenario.
Audio
Código patio
Algo estraño aconteceu esta mañá... O teu patio apareceu bloqueado por un sistema de seguridade descoñecido. Na entrada, un cartel pon o seguinte:
"Acceso denegado. Só poderedes acceder ao patio co código secreto. Trátase dunha palabra que fará que o voso patio mellore. Esta palabra responde á seguinte adiviña.
Une a todos sen importar as súas posibilidades. Non necesita instalacións custosas e calquera pode participar."
Isto é o que tes que facer:
Le o desafío.
Realiza cada proba por orde. En cada unha delas terás que solucionar un enigma cunha palabra. Cada certo tempo terás unha pista. As oportunidades son infinitas.
Cando remates, contesta ao desafío coa palabra máxica que fará do teu patio un lugar mellor.
1
Parece que alguén decidiu que o patio non cumpre cos requisitos para ser un espazo inclusivo, equitativo e sostible. Para desbloquealo, terás que descifrar as tres claves das probas que tes arriba, e logo atopar a palabra final que active o sistema para voltar a desfrutar do patio.
Tes 10 minutos para resolvelo. Vai á proba 1.
No plano do patio hai unha área marcada en vermello. Parece que algúns alumnos nunca entran nesa zona.
Que precisamos eliminar para que o patio sexa un lugar equitativo?
No teu patio hai un xogo que non todos poden escoller libremente. Algúns nenos e nenas senten que certas actividades non son para eles porque nunca se lles convida a participar ou porque sempre están ocupadas polos mesmos grupos.
Que aspecto da convivencia do centro hai que mellorar para que acabe esta situación?
Un contador dixital mostra que o patio está a volverse inhabitable. Hai demasiada calor, non hai sombra nin espazos naturais. A conta atrás segue baixando.
Que elementos teremos que poñer no noso patio para que este sexa máis sostible?