Saltar navegación

2.1. A nosa batucada

Batucada

Icona de Brasil que amosa a xeografía do país coa súa bandeira dentro. Representa o país de orixe da batucada.

Orixinaria de Brasil, a batucada é un estilo musical que está directamente relacionado coa Samba e co Carnaval de Río de Janeiro. Naceu da tradición musical africana que chegou ao continente americano a través das persoas escravizadas. A mestura dos ritmos e os instrumentos cos da cultura brasileira deu lugar a este novo estilo.

Hoxe en día é un símbolo de festa e identidade cultural que está presente en moitos lugares do mundo, chegando incluso ata Galicia. Asociacións como Trópico de Grelos ou Latexo Percusión entre outros, achegan esta manifestación musical ata as nosas terras.

Lectura facilitada

A batucada é un estilo musical de Brasil relacionado coa samba.

Provén de África, de persoas escravizadas e mestúrase coa cultura brasileira.

En Galicia está presente grazas a asociacións como Trópico de Grelos ou Latexo Percusión.

Os instrumentos

Fotografía de persoa tocando instrumentos de percusión, típicos na batucada.

Agogós, caixas e surdos, son algúns dos instrumentos propios que se empregan nas batucadas tradicionais. Neste caso, no noso colexio, non temos todos os instrumentos precisos e por iso faremos os ritmos con instrumentos reutilizados. Baldes, caldeiros, garrafas grandes de auga ou botes de pintura pódenche servir. Pon en marcha a túa imaxinación e escolle aqueles que mellor soen e poidan empregarse para a nosa batucada. Debes ter en conta que é preciso conseguir sacarlle dous sons: un máis grave, percutindo no medio; e outro máis agudo e curto, golpeando no bordo. Isto será indispensable para logo facer os ritmos base. As baquetas empregadas serán as de batería ou, se non hai suficientes, podemos utilizar paus que sexan fortes e do tamaño axeitado.

Cando toda a clase teña instrumento deberás clasificalos polo seu son máis grave (golpeando no centro) facendo dous grupos: instrumentos graves e instrumentos agudos. Se a escolla foi axeitada debería haber máis instrumentos agudos que graves.

Fotografía de instrumentos non convencionais que iolustran a actividade a realizar.

Lectura facilitada

Nas batucadas empréganse agogós, caixas ou surdos.

No noso colexio, faremos os ritmos con baldes, caldeiros, garrafas ou botes de pintura.

Sacaremos dous sons: un grave e outro agudo.

As baquetas serán as de batería ou paus.

Deberás clasificar os instrumentos polo seu son en graves e agudos.

Os ritmos

Comeza a nosa batucada!

Preme nas imaxes para descargar a partitura en PDF (ábrense nunha nova xanela).

Aprendemos os ritmos

Toda a clase xunta aprenderá os ritmos comezando pola voz de Percusión 4 e subindo ata chegar á de Percusión 1.

As figuras que teñen a cabeza en forma de xe debes tocalas golpeando no bordo ou aro do instrumento (son máis agudo).

Imaxe dunha negra con cabeza de xe
  1. Comeza practicando a un tempo lento (50) para logo ir subindo a
    Icona de frecha

    velocidade ata chegar á indicación que pon a partitura (80).Axúdate do metrónomo para non perder o tempo.
  2. Unha vez practicadas todas as voces por separado, é o momento de xuntalas e tocalas simultaneamente.

Para aprender a facelo dividiredes o traballo en 3 fases:

  • Fase A: A clase dividida en dous grupos. Un interpreta a percusión 4 e o outro, a percusión 3.
  • Fase B: A clase dividida en tres grupos. Interpretaredes a percusión 4, a percusión 3 e a percusión 2.
  • Fase C: A clase dividida en catro grupos. Cada un interpreta unha voz. Neste paso é importante que os instrumentos máis graves fagan as voces 3 e 4 e que os máis agudos sexan os das voces 1 e 2.

Iso é! Xa temos o ritmo base da nosa batucada.

Lectura facilitada

Toda a clase xunta aprenderá os ritmos comezando pola voz de Percusión 4 e ata chegar á de Percusión 1.

Comeza practicando a un tempo lento.

Unha vez practicadas todas as voces por separado, xúntanse e tócanse simultaneamente.

Para aprender a facelo dividiredes o traballo en 3 fases.

En cada fase sumarase un ritmo novo.

Os cortes

Durante a batucada pode haber certos cambios de ritmo ou cortes que serven para darlle dinamismo e estruturar a interpretación. Estes cortes son dirixidos por unha persoa encargada da dirección da batucada (mestre/a ou alumno/a). Empregando un chifre e axudándose de xestos, indica cando executar o corte e cal se debe facer.

Na nosa batucada hai 3 cortes establecidos que debe interpretar todo o grupo ao unísono para logo integralos durante a actuación.

Preme nas imaxes para descargar o PDF (ábrense nunha nova xanela).

Corte 1

Imaxe do ritmo do corte 1

Corte 2

Imaxe do ritmo do corte 2

Corte 3

Imaxe do ritmo do corte 3
Logo de dúas persoas compartindo información que ilustra a actividade grupal a realizar..

Cada un deles terá unha palabra clave e un xesto para que quen dirixe poida indicar claramente cal se debe tocar.

En gran grupo, decidide que palabra e que xesto representará a cada un, é o voso código secreto!

Por exemplo: imos empregar o compás de catro por catro. A persoa directora marcará cos seus brazos o xesto acordado (cruz cos brazos), berrará a palabra clave (chocolate) e marcará os catro tempos do compás coas baquetas sen que a música deixe de soar en ningún momento. Despois do corte continúa o ritmo base.

Lectura facilitada

Durante a batucada pode haber cortes que serven para darlle dinamismo a interpretación.

Estes cortes son dirixidos empregando un chifre e con xestos.

Na nosa batucada hai 3 cortes que debe interpretar todo o grupo.

Cada un deles terá unha palabra clave e un xesto.

Decidide que palabra e que xesto representará a cada un.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)