Saltar navegación

3.2 Desenvolver

A ciencia ficción é un xénero que nos invita a explorar territorios descoñecidos, tanto no espazo exterior como nos límites da mente humana. Aínda que algúns de nós asociamos este xénero con elementos como naves espaciais, alieníxenas ou robots, a súa verdadeira esencia vai moito máis alá. A ciencia ficción é, en realidade, unha forma de narrativa que reflexiona sobre como os avances científicos e tecnolóxicos afectan ás sociedades e ás persoas. Non se trata unicamente de imaxinar o imposible, senón de propor futuros posibles baseados en principios lógicos e racionais, aínda que estes futuros poidan parecer sorprendentes ou incluso inquietantes.

O termo ciencia ficción quizais sexa o máis común, aínda que boa parte dos autores do xénero prefiren termos como narrativa de anticipación científica, “ficción especulativa” ou “novela de anticipación”. Estes nomes reflicten a diversidade de enfoques que caracterizan o xénero.

Este xénero literario e audiovisual ten a capacidade de facernos cuestionar aspectos fundamentais. Por exemplo, ¿que significa ser humano se as máquinas poden pensar e sentir? ¿Como cambiaría o noso mundo se as máquinas traballaran por nós? ¿Poderían as intelixencias artificiais solucionar o cambio climático ou a súa esixencia enerxética acelerará o colapso medioambiental?

Ademais, a ciencia ficción non sempre se desenvolve nun futuro afastado. Moitas veces utiliza contextos cercanos ou incluso alterna entre pasado, presente e futuro para analizar problemas contemporáneos desde unha perspectiva diferente. En ocasións, o xénero combina elementos doutros estilos narrativos, como o thriller, o drama ou incluso o humor, para ofrecer unha visión máis completa e diversa dos desafíos humanos. A través de obras clásicas e contemporáneas, exploraremos como a ciencia ficción evolucionou ao longo do tempo, desde os primeiros experimentos literarios do século XIX ata as complexas reflexións actuais sobre a intelixencia artificial, o cambio climático ou a identidade humana.

Os autores de ciencia ficción usan naves espaciais, robots ou planetas afastados para falarnos de problemas reais: a desigualdade, a ética científica ou a crise climática. As súas historias, en aparencia escapistas, recordan que cada avance tecnolóxico ou decisión social ten consecuencias, e que o futuro non está escrito: construímolo día a día.

Como cidadáns do século XXI, enfrontarédes a desafíos complexos: intelixencia artificial, cambio climático, manipulación xenética… A ciencia ficción ofrécevos ferramentas para analizalos con perspectiva e creatividade.

A próxima vez que leades unha novela, vexades unha serie ou xogueades a un videoxogo de ciencia ficción, recordade: non estades consumindo simples fantasías. Estades explorando mapas do mañá, críticas do hoxe e, sobre todo, preguntas que están nas vosas mans responder.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)