DESCRICIÓN DO ODE
INTRODUCIÓN
O presente Obxecto Dixital Educativo (en adiante ODE) representa unha secuencia didáctica completa dentro do proxecto presentado para a concesión da licenza, baixo o título "ObraDOiro MuSIcal", e a súa secuenciación correspóndese coa unidade número catro dentro da estrutura do mesmo.
Tal e como se detalla na proposta de proxecto, o seu obxectivo principal é lograr unha aproximación efectiva do alumnado cara a industria musical, a prol de discriminar as principais profesións que integran o sector, recoñecer e valorar a labor de cada unha das persoas que interveñen neste proceso de principio a fin. Na súa liña de acción principal o alumnado creará a súa propia produción musical, experimentando de maneira activa todas as etapas progresivas para logralo e relacionándoas coas achegas dos profesionais en cada ámbito.
Nesta secuencia didáctica en concreto deseñaremos a liña melódica da nosa composición e introduciremos ó alumnado no concepto de polifonía para a posterior formación de acordes e elaboración dun acompañamento melódico sinxelo.
Na súa estruturación interna esta unidade conta cunha sección inicial que actúa a modo de introdución e/ou contextualización dos contidos da unidade coñecida como “INTRO”, e presenta tamén unha sección final de ampliación denominada “¿SABÍAS QUE?”.
* As referencias sobre os distintos elementos curriculares que se amosan a continuación se elaboraron en base ó establecido para o nivel educativo de quinto curso de educación primaria no Decreto 155/2022, do 15 de setembro, polo que se establecen a ordenación e o currículo da educación primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.
OBXECTIVOS
A través desta unidade, o alumnado traballará os seguintes obxectivos de área:
OBX2. Recoñecer os elementos básicos específicos da linguaxe musical, a través da percepción e da análise de diferentes fragmentos e obras, para chegar á comprensión das diferentes manifestacións culturais e artísticas.
OBX4. Expresar e comunicar de maneira creativa ideas, sentimentos e emocións, experimentando coas posibilidades do son, do corpo e dos medios dixitais, para producir obras propias.
OBX5. Participar do deseño, elaboración e difusión de producións culturais e artísticas musicais e dancísticas, tanto individuais coma colaborativas, poñendo en valor o proceso e asumindo diferentes roles na consecución dun resultado final, para desenvolver a creatividade, a noción de autoría e o sentido de pertenza.
No referente a obxectivos didácticos podemos detallaros seguintes:
- Identificar a altura como unha das cualidades do son e a súa unidade de medida en hertzs (Hz).
- Introdución ao concepto de afinación musical.
- Comprender a relación existente entre a altura do son e a súa discriminación en agudo ou grave.
- Establecer unha relación directa entre a altura do son e a composición e ordenación das notas da escala musical.
- Coñecer o método dos "sonocolores" (S. Aschero) como unha aproximación á lectura musical non convencional.
- Realizar unha aproximación á polifonía para comprender despois a formación de acordes e poder elaborar un acompañamento musical sinxelo en base a unha liña melódica.
- Establecer unha tipoloxía de voces na práctica vocal coñecendo as diferentes tesituras.
- Empregar as TIC como ferramenta educativa a través de plataformas en aberto relacionadas coa proposta didáctica.
CONTIDOS
En relación ó establecido no currículo de referencia os contidos traballados son os seguintes:
Bloque 1. Educación musical: percepción e análise.
▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Profesións vinculadas á creación e interpretación musical. Coñecemento e valoración. // ▪ O son e as súas calidades: identificación visual e auditiva, clasificación e representación de diversidade de sons e estruturas rítmicas e melódicas a través de grafías convencionais e non convencionais. // ▪ A voz e os instrumentos musicais. Familias e agrupacións máis representativas. Clasificación e comprensión da natureza da produción sonora en cada tipo. Identificación visual e auditiva. // ▪ O pulso, o acento e o compás: identificación e diferenciación entre compás binario, ternario e cuaternario. Introdución ao concepto de subdivisión. // ▪ A melodía e a forma musical. Repetición e variación melódica.
Bloque 2. Educación musical: creación e interpretación.
▪ Práctica instrumental, vocal e corporal: experimentación, exploración creativa, interpretación, improvisación e composición con pautas guiadas a partir das súas posibilidades sonoras e expresivas. Respiración consciente e hixiene e corrección postural. // ▪ Linguaxes musicais: aplicación dos seus conceptos fundamentais na interpretación e na improvisación guiada de propostas musicais vocais e instrumentais. O silencio como
elemento fundamental da música: utilización adecuada na interpretación musical. // Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. // ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións musicais.
Bloque 3. Educación en artes escénicas e performativas: percepción e análise.
▪ Estratexias de recepción activa. // ▪ Profesións vinculadas ás artes escénicas e performativas. Coñecemento e valoración. // ▪ Recursos dixitais de uso común para as artes escénicas e performativas.
Bloque 4. Educación en artes escénicas e performativas: creación e interpretación.
▪ O corpo e as súas posibilidades motrices, dramáticas e creativas: interese na experimentación e exploración a través de execucións individuais e grupais vinculadas co movemento, coa danza, coa dramatización e coa representación teatral como medio de expresión e diversión. // Fases do proceso creativo: planificación, interpretación, experimentación e avaliación. // ▪ Avaliación, interese e valoración, tanto do proceso coma do produto final, en producións escénicas e performativas.
METODOLOXÍA
A metodoloxía a empregar nesta unidade fomenta a adquisición de coñecemento mediante o descubrimento guiado. O modelo de aprendizaxe plantexa unha visión constructivista da intervención pedagóxica para acadar un aprendizaxe significativo no alumnado.
O método didáctico responde a unha metodoloxía específica por ámbitos, de maneira que se seleccionan contribucións de autor diversas en función das necesidades educativas que plantexa cada actividade. A continuación se detallan os métodos pedagóxicos empregados especificando o autor e as actividades que os integran:
- Diagrama pancromático (E. Willems)- "O son e as ondas"
- Discriminación auditiva (M. Martenot)- "Sabías que?"
- Sonocolores (S. Aschero)- "SonOcolores"
ORIENTACIÓNS METODOLÓXICAS
A figura docente está disposta neste proxecto como axente facilitador da aprendizaxe, de maneira que sexa o propio alumnado o protagonista do seu procedemento de ensino-aprendizaxe dende unha visión activa. O docente exercerá de mediador, con especial relevancia nos puntos de inicio (explicación das tarefas) e nas situacións de debate ou actividades grupais, tentando sempre limitar as súas intervencións na medida do posíbel.
O tempo de realización das propostas didácticas establecido, así como a distribución do espazo e a formación de grupos de traballo é orientativa, sendo susceptíbel de ser modificada a criterio docente en función das necesidades da súa realidade educativa.
Os métodos didácticos anteriormente citados poden ser tamén adaptados na práctica se así se considera, na procura de adecuar as actividades ao noso contexto próximo (dotación instrumental de aula, recursos materiais, distribución des espazos...)
COMPETENCIAS CLAVE
- CCL: estará presente en tódolos intercambios orais que se desenvolvan na aula nos seus diferentes rexistros (espazos para o debate, exposicións) no coñecemento e uso dunha linguaxe técnica precisa adecuada a esta disciplina artística e no uso de linguaxe musical.
- CAA: mediante a inmersión do alumnado nun método de aprendizaxe activo, que implica a interiorización de conceptos tratados na aula desde unha perspectiva máis ampla, que permite a súa implementación en diferentes contextos.
- CSC: derivada dun comportamento axeitado nas distintas situacións de ensino-aprendizaxe durante o desempeño das tarefas.
- CD: adquirida no emprego de aplicacións e plataformas específicas na rede para o desenvolvemento das actividades.
AVALIACIÓN
O procedemento de avaliación desta unidade didáctica está baseado na aprendizaxe por descubrimento guiado, de maneira que é o discente o que realiza a súa autoavaliación interactiva e recibe en tempo real a retroacción correspondente a través da propia plataforma. Neste senso, empregaranse instrumentos de avaliación de índole variada para enriquecer e potenciar a capacidade de resolución de problemas e o pensamento lóxico. Os instrumentos a empregar detállanse a continuación:
- Actividades de selección múltiple (varias das opcións propostas como resposta poden ser correctas)
- Actividade de encher os espazos (completar os ocos nunha oración coa palabra axeitada)
- Lista desordenada (enumerar os elementos nunha listaxe)
- Actividade de resposta única (soamente unha opción é correcta a escoller entre varias)
- Preguntas de verdadeiro ou falso
Así mesmo, algunhas das propostas didácticas que se presentan como tarefas, debido ao carácter práctico desta disciplina artística, son deseñandas para executarse na aula e polo tanto cómpre aplicar un sistema de avaliación que reforce a observación directa por parte docente. Preséntanse tamén actividades complementarias de ampliación e reforzo, e contidos relacionados coa unidade nun formato despregable baixo o título "SABÍAS QUE?"
RECURSOS MATERIAIS
Para levar a cabo as diferentes propostas didácticas desta unidade precisaremos soamente dun dispositivo con conexión a internet para facer as actividades complementarias que requiran de conexión a rede.
A continuación amósase a listaxe de referencias multimedia empregadas para a elaboración deste ODE.