A nosa tesitura

Comentabamos na sección anterior que o timbre de cada persoa é innato (de nacemento), se ben vaise modificando co paso do tempo debido ás circunstancias que se relacionan ca nosa voz.
A tesitura sen embargo, é a capacidade que temos para reproducir as notas da escala musical en tanto en canto a nosa voz nos permite, pódese adestrar con exercicios de canto específicos e aumenta ou diminúa en función do número de notas que podemos cantar sen forzar demasiado a voz.
Pero... cal é a miña tesitura?
Para coñecer o teu rango vocal ou tesitura aproximada, témolo súper fácil! Simplemente deberedes cantar as notas que forman a escala musical de maneira ordeada e empregando un instrumento como referencia.
Podedes escoller un instrumento real da dotación de aula (xilófono, metalófono, piano...) ou ben facer uso do teclado dixital que xa coñecedes da actividade anterior, o SHARED PIANO do Laboratorio Musical de Google.
A túa tesitura resultará da diferenza entre a nota máis grave (esquerda) e máis aguda (dereita) que podes acompañar coa voz sen demasiado esforzo. A seguinte imaxe resultará de axuda para comprender mellor o que estamos falando:

Por que é importante coñecer a miña tesitura?
Cando un compositor ou unha compositora crea unha canción, precisa saber a tesitura da persoa que ten previsto cantala, para adaptar a nova melodía ás posibilidades interpretativas do/a cantante, de maneira que poida cantala sen forzar a voz.
Se ben é certo que cada persoa ten a súa propia tesitura, como acabades de comprobar, estableceuse unha clasificación universal na que se diferencian certos tipos de voces, de home e de muller, en relación a súa capacidade para cantar sons graves e/ou agudos. Preme na icona "Para saber máis..." e descubre os tipos de voces que existen!
En xeral, podemos establecer a clasificación dos tipos de voces atendendo a dous factores: o sexo e a tesitura. Pero o certo é que quizáis o máis preciso é a súa tesitura, xa que facer unha diferenciación por sexo entre homes e mulleres non sempre é o correcto (hai multitude de casos nos que tanto homes como mulleres non encaixan nos tipos de voces predefinidos para o seu xénero). Son os seguintes:
Voces máis agudas
Correspóndense por regra xeral coas voces de mulleres, e tamén podemos establecer unha clasificación neste senso. Imos aló!