Saltar navegación

Revisión do borrador dun compañeiro

ACTIVIDADE de co-avaliación: Revisión do borrador dun compañeiro

Realizamos un intercambio de textos entre iguais co fin de propoñer melloras e realizar unha crítica construtiva ao traballo dun compañeiro ou compañeira. O alumnado incorporará, na medida do posible as reflexións sobre estratexias de escritura froito da elaboración do texto colectivo.

Corrixir en parellas: É un dos métodos máis efectivos e máis utilizados como técnica de corrección dentro da aula. Lévase á práctica unha vez que a composición está rematada. É moi habitual que aos alumnos se lle formulen dúbidas durante a práctica deste tipo de corrección; sirvan de exemplo frases como: é correcto o que escribín ou é correcto o que di o meu compañeiro? Será tarefa do docente resolver todo tipo de dúbidas e proporcionar aos alumnos as explicacións pertinentes para que todo quede ben claro.

Antxon Álvarez Baz e Pilar López García

Atendendo ás normas da revisión colectiva e ao guión que presentamos, o alumnado debe revisar o borrador dun compañeiro:

Guión para a revisión textual

  • Aparece claramente a descrición do personaxe principal? Si/Non
  • Está definido o espazo? Si/Non
  • Está definido o tempo? Si/Non
  • Utiliza os conectores semánticos adecuados? Si/Non
  • Estrutura:
    • Identifícase a situación inicial estable? Si/Non
    • Identifícase a complicación? Si/Non
    • Existe un desenlace claro? Si/Non

Identifica melloras facendo unha revisión do sistema de escritura:

  • Separación de palabras: Sinala posibles erros.
  • Concordancia de xénero e número: Sinala posibles erros.
  • Ortografía: Sinala posibles erros.

Importancia da co-avaliación

Confrontar ás partes implicadas no proceso de co-avaliación require da intervención da persoa docente para clarificar e resolver cuestións referidas ás propiedades do texto e ás propiedades do sistema de escritura. O modelo a entregar ao alumnado contén un espazo para que esta faga as anotacións pertinentes.

correccion

A continuación presentamos unha cita de Antxon Álvarez Baz e Pilar López García que pode servir de reflexión sobre o proceso de corrección:

A continuación imos presentar unha serie de propostas para corrixir produtos textuais. Ditas propostas foron experimentadas na aula ou son produto da nosa experiencia docente. A aplicación combinada destas técnicas levounos a obter óptimos resultados na aula.

  1. Corrixir mentres están a escribir: Mentres o alumnado está escribindo en clase o docente irá presentándolles a axuda que precisen. Sempre manténdose á marxe para que sexa o alumnado o protagonista da súa propia produción. O docente estará dispoñible para resolver calquera dúbida que teña o alumnado no proceso de confección do texto. Ben sexa facéndolle reflexionar sobre o contido do texto ou sobre a estrutura do mesmo.
  2. Corrixir unha parte e a outra que sexa autocorreción. Esta proposta lévase a término do seguinte xeito: O docente corrixe unha parte do produto final; nesta parte sinala os diferentes tipos de erros que o alumnado puidera ter. O docente especifica cada erro, clasifícao e explícallo ao alumno. A continuación tócalle a quenda ao alumando; este ten que autocorrixir o resto da composición procurando non cometer erros similares ao xa corrixidos.

Antxon Álvarez Baz e Pilar López García

 

Modelo para o alumnado

libreofficeglEntregar este modelo ao alumnado para a co-avaliación do primeiro borrador, tendo en conta que é posible á súa adaptación previa por parte do docente co software LibreOffice Writer