Escritura do primeiro borrador
A escritura deste primeiro texto servirá para definir o marco do texto final e será pouco guiada. Cando sexa esta unha actividade pouco frecuente na traxectoria do alumnado é importante coidar o aspecto emocional e valorar moi positivamente a súa primeira produción. O fin deste borrador é transmitirlle a idea de que todos os textos son sempre mellorables.
ACTIVIDADE: Escritura do primeiro borrador
De xeito individual, cos elementos traballados ata o momento o alumnado escribirá o seu primeiro borrador do conto. Deberá ter en conta que tódolos textos son sempre mellorables.
Advertiremos ao alumnado que no primeiro borrador non se preocupen demasiado pola corrección formal xa que unha excesiva obsesión por esta impediralles abordar aspectos importantes do contido.
Antxon Álvarez Baz e Pilar López García
Pasos para escribir o borrador:
- Elixe unha fórmula fixa de inicio.
- Presenta e describe a túa personaxe principal.
- Sitúa no espazo e no tempo a acción.
- Utiliza os conectores adecuados
- Introduce unha complicación.
- Resólvea.
- Péchaa cunha resolución
- Elixe unha fórmula de final de conto.
O alumnado atenderá ás seguintes características do sistema de escritura:
- Separación de palabras
- Concordancia de xénero e número
- Ortografía
Saber máis sobre os conectores textuais [1]
Os conectores son marcas que orientan ao lector na comprensión do texto xa que o dotan de coherencia na súa estrutura. A continuación indicamos algúns exemplos que poden axudar ao alumnado nos seus procesos de escritura narrativa:
- Conectores de inicio: úsanse para iniciar a narración, tanto a nivel escrito como verbal. Algún exemplos son: Érase unha vez, Nun tempo moi afastado, Aquel día, En…vivían…, Había unha vez, et.
- Conectores aditivos: para engadir ideas á narración e dicir a orde na que aparecen. Tamén poden empregarse para introducir ideas que sirvan para insistir sobre determinados aspectos da súa narración. Por exemplo: do mesmo modo, no mesmo sentido, en segundo lugar, e o que é máis, por último, de modo semellante, de modo similar, finalmente, de feito, insistindo, unha vez máis, de igual xeito, igualmente, et.
- Conectores temporais: úsanse para indicar en que momento ocorreron as situacións que se narran, segundo a situación temporal desde a que se fala. Por exemplo: antes, anteriormente, por agora, agora, despois, finalmente, ao final, en pouco tempo, inmediatamente, ata agora, despois dun tempo, neses días, antes que, despois de que, máis tarde, de pronto, repentinamente, agora que, Cando, mentres, entón, cada vez que, apenas, en canto, simultaneamente, ao principio, , por último, un día, et.
- Conectores de lugar: serven para sinalar o lugar onde se atopaba o obxecto ou persoa á que se fai referencia ou o sitio onde ocorreron os feitos que o falante quere narrar ao seu interlocutor. Por exemplo: detrás, atrás, na parte posterior, máis adiante, no alto, enfronte, et.
- Conectores para exemplificar: para introducir exemplos ou explicacións que aclaren as ideas expresadas. Por exemplo: en efecto, en particular, así, deste xeito, et.
- Conectores para comparar: para formular comparacións entre feitos, persoas ou obxectos nomeados na narración. Por exemplo: de xeito semellante, igualmente, de igual maneira, do mesmo modo, et.
- Conectores de contraste: úsanse para introducir ideas que sirvan para matizar, contrastar ou refutar ideas formuladas con anterioridade. Por exemplo: máis ben, non obstante, por outra banda, aínda con todo, por outro lado, ao mesmo tempo, sen embargo, et.
- Conectores de concesión: para introducir oracións coas que o falante admite ou asume un suceso ou feito detallado na narración. Por exemplo: admitindo, certo que, con seguridade, seguramente, et.
- Conectores de resultado: introducen oracións onde se detallan as consecuencias ou deducións directas dos feitos relatados. Por exemplo: en consecuencia, como resultado, así, así que, et.
- Conectores de conclusión: serven para introducir de xeito coherente as conclusións ás que se chegou segundo o relatado no texto. Por exemplo: en conclusión, así, así pois, para concluír, abreviando, en resumo, et.
- Conectores para finalizar: permítenlle ao falante dar fin á narración que ven desenvolvendo. Por exemplo: sería conveniente, para terminar, para finalizar, ao final, finalmente, et
[1] Conectores textuais – AíovaiEducación [Internet]. [citado 15 de maio de 2017]. Dispoñible en: http://www.edu.aiovai.org/2017/05/15/conectores-textuais/
Avaliación da actividade
Propoñemos a seguinte rúbrica para guiar ao alumnado en aqueles aspectos aos que se lle debe prestar atención
CRITERIOS |
3 |
2 |
1 |
PUNTUACIÓN |
Estrutura |
Define claramente o inicio, o nó e o desenlace |
Define de xeito difuso o inicio, o nó e o desenlace |
Non hai unha estrutura clara |
|
Inicio |
Describe e sitúa as personaxes no espazo e o tempo no que transcorre a acción. |
Non descobre ou fáltalle por situar algunha das personaxes no espazo e tempo no que transcorre a acción. |
Só presenta un elemento dos propostos |
|
Desenvolvemento |
Identifícase claramente o conflito |
O conflito non está claramente identificado |
Non se identifica o conflito |
|
Desenlace |
Preséntase claramente a solución ao problema |
Pouca claridade na solución do problema. |
Non se presenta solución ao problema |
|
Vocabulario |
Utiliza un léxico específico de texto literario rico e variado e non repite palabras |
Utiliza un léxico limitado pero non repite palabras |
Utiliza un léxico limitado e repite palabras |
|
Uso de conectores |
Utiliza polo menos cinco conectores propios dos textos narrativos |
Utiliza entre tres e catro conectores propios dos textos narrativos |
Utiliza menos de tres conectores propios dos textos narrativos |
|
Signos de puntuación |
Utiliza polo menos cinco conectores propios dos textos narrativos |
Utiliza entre tres e catro conectores propios dos textos narrativos |
Utiliza menos de tres conectores propios dos textos narrativos |
|
Ortografía |
A escritura das palabras é correcta |
Presenta algún erro ortográfico |
Presenta multitude erros ortográficos, algúns asociados á separación de palabras |
|
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0