Somos escritores...Por primeira vez!!
Somos escritores...Por primeira vez! é un REA que pretende desglosar os pasos, para o alumnado e o profesorado, cando nos enfrentamos á difícil tarefa de ensinar e aprender a escribir un texto literario.
A presente secuencia didáctica está organizada en dous bloques: a descrición de actividades para realizar co alumnado e a guía didáctica coa correspondente xustificación curricular.
Este traballo está deseñado para 2º de Educación Primaria, pero todas as tarefas son abertas polo que pode ser facilmente adaptada e utilizada noutros niveis educativos.
O seu obxectivo fundamental é contribuír ao coñecemento e utilización da lingua para desenvolver hábitos de lectura e escritura no alumnado, así como axudar a comprender a literatura como un xeito de expresión artística a través da cal transmitir valores, emocións e sentimentos.
A boa literatura é a culminación da linguaxe escrita e constitúe unha parte fundamental da cultura que a escola debe poñer ao alcance das nenas e nenos.
O ensino-aprendizaxe da lingua escrita dende un enfoque construtivista
...Os tradicionais métodos de ensino da lectura e a escritura, tanto os analíticos como os sintéticos, elaboran un camiño unidireccional para aprender a ler e a escribir. Un camiño lineal e sumativo, marcado en parte por un ensino que aposta basicamente pola transmisión dunhas habilidades visuais, motrices e auditivas.
Xa non podemos considerar que a aprendizaxe da lectura e a escritura desenvólvese de forma sumativa, senón por reorganizacións de coñecementos de diferente contido, tipo e nivel”
Fons Esteve, M (2004)
Resulta fundamental a idea que cada persoa docente teña acerca de como aprenden as nenas e nenos; tendo en conta que este proceso require actividade mental, esforzo, reconstrución persoal, debate, controversia, erro, interacción,...
¿Que se entende por ler e escribir?
- Ler non é decodificar. Ler é interactuar cun texto.
- Escribir non é codificar. A escritura dáse cando hai intención comunicativa.
A presente secuencia didáctica formula situacións de lectura e escritura con funcionalidade e pretende darlle á lectura e á escritura o seu uso social. Para isto resulta imprescindible incorporar á escola todo tipo de textos. Maruny identifica cinco diferentes:
- Textos informativos
- Textos enumerativos
- Textos prescriptivos
- Textos expositivos
- Textos literarios
Cada un destes tipos de texto posúe unhas características diferenciadas que poden ser estudadas partindo da estrutura de planificación proposta por Myriam Nemirovsky:
- Propiedades do tipo de texto: Función, autor/autores, público potencial, relación co “real”, extensión, fórmulas fixas, léxico, categorías gramaticais, estrutura do texto, tipografía, formato, uso posterior á lectura, modo de lectura, relación título-contido, relación imaxe -texto, soporte, tempos ou modos verbais, personaxes e temática…
- Propiedades do sistema de escritura: diferencia debuxo-escritura, propiedades cualitativas, propiedades cuantitativas, direccionalidade do sistema, tipos de letra, ortografía, puntuación, separación entre palabras…
No traballo con textos escritos é interesante identificar que propiedades son ou non relevantes segundo o tipo de texto ao que nos refiramos. No caso do texto literario, ao que pertence o conto, podemos resaltar as seguintes:
- Función: Inducir na persoa lectora sentimentos e emocións, provocar pracer, entreter e divertir, transmitir valores culturais, sociais, éticos e morais.
- Autor/autores: É fundamental coñecer ás persoas autoras do texto, non só para aumentar a bagaxe cultural das nenas e nenos senón para definir criterios de elección e preferencia de estilos.
- Público potencial: Calquera persoa pode ser lectora dun conto.
- Relación co “real”: Ningunha, o escritor pode deixar voar a súa imaxinación e fantasía. Nada do que se escribe nun conto ten por que ser certo.
- Extensión: Moi variable e decídea o autor (desde Las mil y una noches a contos de 5 liñas).
- Fórmulas fixas: Tenas de comezo (Había unha vez... Nun país moi afastado,...) e de remate (Colorín colorado..., Foron felices e...). É importante coñecelas porque axudan a recoñecer o tipo de texto que encaramos.
- Léxico: Canto máis rico e variado de maior calidade é o texto. Respéctanse as palabras que elixiu o autor, non se substitúen por outras máis “sinxelas” (..o príncipe galopaba no seu brioso corcel...)
- Categorías gramaticais: Abundan os adxectivos, os adverbios e os tempos verbais en pasado.
- Estrutura do texto: Seguiremos a estrutura proposta por Adam: Situación inicial estable + complicación + reacción + novo elemento perturbador + situación final + avaliación. (inicio-nó-desenlace).
- Uso posterior á lectura: Gardalo para volver a lelo, nunca perde vixencia.
- Relación título-contido: Alta, a función do título é anticipar información sobre o contido e chamar a atención do posible lector ou lectora.
- Relación imaxe-texto: Como a relación co real é baixa as ilustracións acostuman a ser debuxos. É importante que a un texto de calidade o acompañen ilustracións tamén de calidade que aporten información para completar e enriquecer a historia que narra o texto.
- Temática: A que se lle ocorra á persoa autora.
Propiedades do texto seleccionadas:
- Función
- Estrutura
- Personaxes
- Relación título-contido
- Fórmulas fixas
- Relación imaxe texto
Propiedades do sistema de escritura seleccionadas:
- Signos de exclamación
- Conectores semánticos
- Ortografía
- Separación de palabras
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0