2.3 Recuncho de lectura
-
No século XX os físicos pensaban que na natureza había catro forzas fundamentais: a gravitatoria, a electromagnética, a forza débil e a forza forte. A forza gravitatoria, descuberta por Newton, é a responsable dos movementos de planetas, galaxias, satélites, etc. A forza eléctrica e a forza magnética, que foron descubertas como independentes, quedaron unificadas nunha única forza electromagnética ao descubrir que o magnetismo e a electricidade tiñan unha orixe común. As forzas gravitatoria e electromagnética son de longo alcance e por iso notámolas na nosa vida cotiá. As forzas débil e forte (así chamadas porque a primeira é máis débil que a electromagnética e a segunda máis forte) son de moi curto alcance (aproximadamente 10-15 m), polo que non as apreciamos; a forza débil é a responsable da desintegración das partículas subatómicas, e a forza forte é a que mantén unidos a protóns e neutróns.
Os físicos levan anos traballando para intentar unificar estas catro forzas. Xa o conseguiron coas forzas electromagnética e débil: a enerxías suficientemente altas as dúas forzas son a mesma, a forza electrodébil. Pero a forza gravitatoria resístese a ser unificada: son necesarias novas teorías ou novos achados.
Hai poucos anos os astrónomos descubriron que as galaxias e cúmulos de galaxias están separándose cada vez máis apresa. Isto non ten explicación dentro das forzas coñecidas ata hoxe; postúlase a existencia dunha enerxía escura, xa imaxinada por Einstein pero logo rexeitada por el mesmo, ou unha forza “gravitatoria” repulsiva. O 1% do universo coñecido está formado pola materia “ordinaria”, é dicir, a que coñecemos; o 30% é materia escura (que non sabemos que é aínda) e o 70% corresponde á enerxía escura. Se todo segue así, os astrónomos dentro de 100 000 millóns de anos non verán máis que a nosa galaxia, o resto do universo estará demasiado lonxe.
A teoría actual candidata a ser a teoría fundamental unificadora é a teoría de cordas, pero carece de verificación experimental. Propón que o noso universo ten dez dimensións (tres espaciais, unha temporal e as outras microscópicas ou inobservables) e que as partículas da materia corresponden a diversos modos de vibración destas cordas. Nesta teoría de cordas, a gravidade emerxe de forma natural. O noso universo coñecido non sería máis que unha “membrana” de poucas dimensións. Outras membranas son posibles, é dicir, outros universos son posibles paralelos ao noso.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0