4.1 Contidos en lingua galega

Bloque de comunicación oral: a regueifa

Importancia da lingua oral como transmisora da tradición popular. Os regueifeiros improvisan coplas sobre diferentes temas, con moita retranca e humor.

Bloque de comunicación escrita: textos argumentativos

  • Elementos da argumentación.

    • Tese: idea que se defende.

    • Corpo: argumentos para confirmar ou rexeitar a tese.

    • Conclusión: reafirma ou reitera a tese a partir dos argumentos.

  • Técnicas para elaborar textos argumentativos

    • Presentación sinxela e clara do que queremos expor.

    • Definición previa das palabras coas que expresamos a opinión.

    • Adecuación da argumentación ao público a quen se dirixe.

    • Emprego de argumentos válidos para xustificar a opinión.

  • Tipos de argumentos:

    • Experiencia persoal: adoitan ser pouco consistentes.

    • Argumento de autoridade: apélase a persoas importantes ou a estudos realizados.

    • Argumento de universalidade: apélase ao aceptado maioritariamente.

    • Argumento de singularidade: toma como exemplo a unha minoría distinguida.

    • Argumento de semellanza: búscanse analoxías, situacións semellantes.

    • Argumentos de causa-efecto: deféndese ou rexéitase un feito polas consecuencias.

    • Argumento por xeneralización: xeneralízanse feitos individuais.

    • Argumento baseado na persoa: valora tan so o aspecto, posición ou estima que se ten a unha persoa.

  • Conectadores que se empregan nos textos argumentativos: os de orde, explicativos, de contraste e de causa.

Bloque de coñecemento da lingua: o uso do r/rr, o dígrafo nh, o adverbio, a preposición e a conxunción

  • O r debe empregarse en posición inicial ou final de sílaba e cando segue a outra consoante. Debe empregarse rr en posición intervocálica e cando a unha palabra que comeza por r se lle antepón outra ou un prefixo rematados en vogal.

  • O dígrafo nh non debe separarse ao final de liña.

  • Os adverbios son palabras invariables que modifican a un verbo, adxectivo ou a outro adverbio. Expresan circunstancias de lugar, tempo, modo e cantidade entre outras. Pódense formar adverbios de modo a partir de adxectivos engadindo o sufixo –mente.

 

 

  • As preposicións son palabras invariables que serven de enlace. A, de, en con, por contraen cos artigos e demostrativos.

  • As conxuncións son palabras invariables que enlazan palabras, oracións ou proposicións. Poden ser coordinantes ( copulativas, disxuntivas, adversativas, distributivas, explicativas) ou subordinantes (causais, comparativas, concesivas, condicionais, consecutivas, finais) .

Bloque de educación literaria: subxéneros literarios. Narración, teatro e lírica

  • Subxéneros narrativos.

    • Conto: narración breve, nalgúns casos de procedencia tradicional e popular.

    • Novela: ficción xeralmente en prosa de maior extensión, con descrición de personaxes, acción e ambiente e narración de acontecementos.

    • Novela curta: relato máis breve cá novela, con acción, tempo e espazo condensados e ritmo acelerado no desenvolvemento da trama.

    • Fábula: ficción en prosa ou verso, con animais en moitos casos, e da que se tira unha ensinanza moral.

    • Memorias: o autor narra os feitos máis salientables da súa vida ou dunha etapa.

  • Subxéneros dramáticos.

    • Traxedia: tenta producir unha especie de catarse no espectador, a través de acontecementos terribles e funestos.

    • Comedia: obra con personaxes que encarnan as virtudes e defectos das persoas. En moitos casos busca provocar a risa dos espectadores con esaxeracións e escenas ridículas.

    • Drama: os personaxes, máis complexos que na comedia, enfróntanse a situacións que xeran cambios na súa vida ou xeito de proceder.

    • Farsa: obra cómica na que se deforma a realidade de xeito grotesco e cuxo fin é divertir ao público.

  • Subxéneros líricos.

    • Oda e himno: a oda é entusiasta e solemne. O himno aplícase a cantos litúrxicos ou/ e patrióticos.

    • Poesía bucólica: canto idealizado á paz, natureza e vida pastoril.

    • Elexía: lamento amoroso, patriótico, relixioso ou/ e funerario.

    • Sátira: ridiculiza os vicios e defectos alleos dun xeito burlesco ou moral.

    • Copla: composición breve que serve de letra a cancións populares.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License