2.1 Argumentación e disputas na cultura tradicional: as regueifas

Actividade de lectura

A regueifa é unha cantiga improvisada entre dúas ou máis persoas que seguen un mesmo cantar ou son durante o tempo que dura unha disputa sobre un tema determinado. Ademais, ten a característica de que cada regueifeiro canta unha estrofa de catro versos octosílabos nos que riman os pares e quedan libres os impares (de maneira que formalmente coincide coa copla popular). Pode verse certo parecido coa tenzón medieval, na que tamén había unha disputa entre dous trobadores sobre un tema determinado, mais a regueifa foi e é máis popular.

Os temas da regueifas son variados, mais polo xeral, hai unha boa dose de humor ou retranca, o que fai que este tipo de cantares sexan moi divertidos para todos os públicos. A controversia entre os regueifeiros pode durar horas, e gáñaa o que canta a última copla. A regueifa é un xénero musical e popular que se está perdendo, ao igual que a cultura tradicional galega (contos, cantigas, refráns, algúns bailes...), pois normalmente non hai relevo xeracional por diversas razóns, aínda que hai zonas máis ricas neste tipo de literatura popular, como pode ser o caso da costa da Morte. Así mesmo tamén se poden escoitar en Portugal os denominados cantares ao desafío, no Brasil e Colombia os chamados repentistas, e na Arxentina e no Uruguai o desafío entre payadores, mais a temática destes últimos é seria e máis poética.

Son poucos os regueifeiros activos que quedan, mais hai algúns recuperadores e divulgadores deste xénero como Pinto d'Herbón ou Luís Caruncho.

[http://www.youtube.com/watch?v=Y_bqbcTbRjI]

Actividades propostas.

S1. Texto 2.1. Se ten acceso a internet, vexa o seguinte vídeo. Lea o texto e responda.

  • Que características propias da regueifa pode apreciar? (escenario, regueifeiros, coplas, público...).

  • O feito de que a rima non sexa perfecta, réstalle valor ou achega espontaneidade?

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License