2.9 Principais subxéneros literarios (aspectos teóricos)

Os grandes xéneros literarios divídense en grupos máis concretos de acordo coas características das obras que incluímos neles. Podemos dicir que unha obra literaria é unha narración, pero esa obra quedará mellor cualificada se dicimos que é unha novela, un conto, unhas memorias. O mesmo ocorre co resto dos xéneros literarios. Así, dunha obra teatral diremos se é unha comedia, un drama, unha traxedia; e dun texto lírico, concretaremos se se trata dunha poesía bucólica, dunha oda, etc.

Subxéneros narrativos

  • Conto: narración dunha acción irreal, de carácter sinxelo e breve extensión, de moi variadas tendencias a través dunha rica tradición literaria e popular. Polo xeral, o desenvolvemento narrativo do conto é rectilíneo, presenta poucos personaxes e o proceso do relato concédelle moita importancia ao desenlace.

  • Novela: obra na que se narra unha acción irreal ou semirreal, e cuxo fin é producir pracer estético aos lectores por medio da descrición de sucesos interesante, de personaxes, de paixóns e de costumes. Salvo excepcións, a novela utiliza a prosa, e en contra do conto, nunca é moi breve. A acción é necesaria nesta obra, pero o fundamental son os personaxes e o mundo irreal que os rodea.

  • Novela curta: é a representación dun acontecemento, mais non ten a amplitude da novela normal no tratamento dos personaxes e da trama. A acción, o tempo e o espazo aparecen dunha forma condensada, e presenta un ritmo acelerado no desenvolvemento da trama. As longas digresións e descricións propias da novela desaparecen na novela curta, así coma as exhaustivas análises psicolóxicas dos personaxes.

  • A fábula: é un relato breve de ficción, en verso ou en prosa, xeralmente con animais como personaxes, do que se tira unha ensinanza moral.

  • As memorias: son unha narración nas que o autor expón os feitos máis importantes da súa vida ou dunha determinada etapa da mesma.

Subxéneros dramáticos ou teatrais

  • Traxedia: obra teatral con personaxes ilustres, cuxa finalidade é producir unha crise, é dicir, unha purificación no espectador e que culmina en moitas ocasións coa destrución social ou física do protagonista. Edipo rei de Sófocles é un exemplo deste xénero..

  • Comedia: reflicte a vida humana desde un punto de vista alegre. Produce riso nos espectadores. Sempre acaba ben. Na comedia os personaxes son correntes e encarnan os defectos e vicios dos humanos; o conflito que se presenta é posible e probable na vida real, aínda que o seu contido se esaxera ou ridiculiza para provocar a risa do receptor.

  • Drama: caracterízase por ter personaxes comúns e complexos que se enfrontan a situacións límites da súa vida e que rematan por recoñecer, aínda que isto non necesariamente xera un cambio interno no protagonista

  • Farsa: obra teatral cómica que se escribe e se representa co único fin de facer rir ao público, coa posta en escena de situacións e personaxes ridículos. Nela defórmase a realidade estilizándoa, facéndoa grotesca ou dándolle un aire de Entroido.

 

Subxénero líricos

  • Oda e himno: a oda relaciónase cos sentimentos de admiración e entusiasmo. Ten carácter solemne e linguaxe de gran admiración. A etiqueta himno aplícase en cantos litúrxicos da igrexa e cancións con música cun sentido nacional, político ou ideolóxico.

  • Poesía bucólica: é un canto á paz e á beleza do campo, á vida de pastores, nun ton idealista.

  • Elexía: é unha composición que denota lamentación por diversas causas. Hainas amorosas, relixiosas, patrióticas e, sobre todo, funerarias.

  • Sátira: ridiculiza vicios ou defectos alleos. Adoita ser de ton lixeiro e carácter burlesco; outras veces adquire un sentido máis grave e educador.

  • Copla: é calquera composición poética breve que, illada ou en serie, serve de letra nunha canción popular.

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License