2.2 Textos argumentativos (aspectos teóricos)
Argumentar consiste en achegar razóns para defender unha opinión. A argumentación emprégase para desenvolver temas que se prestan á controversia e, ao mesmo tempo, que intentan dar unha información o máis completa posible sobre eles; pretenden persuadir o lector mediante un razoamento. A argumentación apoiarase en ideas loxicamente aceptables.
Cando queremos manifestar, defender ou contradicir opinións, empregamos diversos argumentos. A solidez das nosas opinións vén dada por eses argumentos e a forma de expolos, que ten que ser clara, ordenada, coherente e xerarquizada, como veremos máis adiante.
Elementos da argumentación
-
Tese: é a idea fundamental que se defende. Constitúe o núcleo da argumentación, onde se expón o tema do que vai tratar o texto. Ten que presentarse de xeito claro, obxectivo e conciso.
-
Corpo: logo de exposta a tese, ofrécense os argumentos para confirmala ou rexeitala (contraargumentos).
-
Conclusión: que reafirma ou reitera a tese, a partir dos elementos do apartado anterior.
Elaboración dun texto argumentativo
Técnicas para expoñer as nosas razóns de maneira convincente:
-
Presentar con sinxeleza e claridade o que queiramos expor. É conveniente expormos a nosa opinión cunha frase breve e simple, sen palabras inútiles. Exemplos: eu penso que, quero expresar o meu desacordo, sobre ese asunto eu quero manifestar, vou dar a miña opinión sobre...
-
Definir previamente o significado das principais palabras coas que expresamos a nosa opinión. Cando poida haber dificultade para que o auditorio ou o lector entendan do que imos falar, é preciso aclarar cal é para nós o significado daqueles termos que poidan interpretarse mal.
-
Termos en conta cal é o público ao que nos diriximos (adecuación). Non é o mesmo unha argumentación dirixida a un público experto ou coñecedor da materia que tratamos, que a un que non sabe nada do asunto, se é un auditorio infantil ou adulto, formado ou non, etc.
-
Empregar argumentos válidos para xustificar a nosa opinión: os que sexan máis eficaces para o público ao que nos diriximos (adecuación). Non podemos usar os mesmos argumentos con nenos que cos adultos, cun auditorio culto que con xente iletrada, etc.
Tipos de argumentos para defender a nosa opinión
-
Experiencia persoal. Hai xente que basea a súa argumentación apelando á súa experiencia: vino eu mesmo, pasoulle a un amigo, segundo a miña experiencia... Son argumentos moi pouco consistentes, porque a visión e a experiencia de cada un pode ser moi limitada e a súa opinión, parcial.
-
Argumento de autoridade. Moitas veces para dar forza á nosa opinión apelamos a outras persoas máis sabias que opinan igual. Exemplos: Estudos realizados en Gran Bretaña demostran isto.. O gran científico Grande Cobián opina de este modo; Spinoza tiña razón cando escribía...
-
Argumento de universalidade. Consiste en defender algo que é aceptado pola opinión xeral. Isto supón que todo o mundo está de acordo. É un argumento moi utilizado na publicidade: Todo o mundo o usa, Todos o toman... Pero é un razoamento pouco consistente e non pode ser o único. Exemplos: Á xente xa non lle produce estrañeza ver estas cousas; A maioría dos países europeos hai tempo que recoñecen eses dereitos.
-
Argumento de singularidade. É o contrario ao anterior. Pode resultar convincente pertencer a unha minoría intelixente, que se distingue dos demais nas súas opinións. É un argumento tamén moi utilizado na publicidade: Poucos o fan así, Pase a formar parte dunha minoría selecta, Sexa único... Tampouco este é un argumento consistente se é o único. Exemplos: Unha minoría distínguese pola súa elegancia; Só uns poucos son capaces de se entregar así.
-
Argumento de semellanza. Ás veces argumentamos expondo un caso de similares características. Así, para defender un argumento falamos dunha situación semellante (analoxía) ou exemplo onde se cumpre o que nós sostemos. Exemplo: Como unha noite dos cristais rotos en Alemaña, así viviron os cidadáns vascos a xornada de onte.
-
Argumentos baseados nas consecuencias dun feito (argumento causa-efecto): deféndese un feito polas boas consecuencias que pode producir ou, pola contra, xúlgase un feito como malo cando as repercusións son perniciosas. Exemplos: É tanto o inmenso dano que causan as drogas que todo é pouco para evitalas; Se todos fixésemos as cousas así, o noso país sería un caos.
-
Argumento por xeneralización. Tómase un acto individual e illado como representativo dunha situación xeral. Non é lícito nin xusto utilizar este razoamento nas argumentacións. Exemplo: Habería que deportar todos eses ilegais que están roubando os nosos postos de traballo.
-
Argumento baseado na persoa en vez das súas razóns. Consiste en valorar o que di a persoa polo seu aspecto ou pola estima que se lle ten. Este argumento tampouco é lícito nin xusto empregalo. Exemplo: Só un fachendoso aparvado coma el podería dicir iso.
Os conectadores nos textos argumentativos
Os conectadores de orde (primeiro, segundo, terceiro, por unha banda, doutra banda, etc.); explicativos (ou sexa, é dicir, isto é, a saber; noutras palabras, etc.) e de contraste (en cambio, pola contra e por contra, etc.) son moi útiles cando redactamos este tipo de textos. Tamén se utilizan moito os conectadores de causa: por, porque, como, posto que, dado que, debido a (que), a causa de (que), considerando (que), tendo en conta (que)...
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License