2.4 As causas da fame

Actividade de lectura

Outro exemplo de texto argumentativo: un artigo de opinión aparecido na revista El Correo de La Unesco. O temado artigo é determinar as causas da fame que afecta un importante sector da humanidade. É un problema de falta de recursos económicos? Derívase da "explosión demográfica", é dicir, do elevado número de persoas que viven en determinadas zonas? É un problema de escaseza na produción de alimentos? É un problema derivado das estruturas sociais? O autor do artigo expón a súa opinión sobre estas cuestións:

A nosa época e o mundo no que vivimos non ofrecen moitas razóns para ser optimistas.

As grandes cantidades de diñeiro que se gastan en armas poderían e deberían destinarse ao desenvolvemento e a satisfacer as urxentes necesidades dos países do Terceiro Mundo.

Pero, pola contra, a carreira de armamentos continúa. Máis de medio millón de científicos e de técnicos do mundo enteiro están dedicados a perfeccionar armas cada vez máis destrutivas, e máis do setenta por cento das investigacións que se están a realizar na actualidade son de carácter militar. É evidente o desperdicio de recursos que esas actividades entrañan, pero non hai que esquecer que elas comportan enormes ganancias a certas persoas e organismos.

Ao mesmo tempo, os países do Terceiro Mundo sofren de pobreza, de fame e de malnutrición, males que frecuentemente son atribuídos á "explosión demográfica". Pero as verdadeiras causas hai que buscalas na estrutura mesma dos sistemas de produción, se a xente ten fame non é por falla de alimentos. Mesmo no ano 1974, durante a peor crise alimentaria que sufriu o mundo, as reservas mundiais de cereais eran abondas para dar de comer a todos os habitantes do planeta. Pero cada vez é meirande o número de persoas que non poden pagar polos alimentos que necesitan. De aí que, mentres non se produzan cambios estruturais nas relacións de produción (é dicir, quen produce os alimentos, quen os vende, a que prezos, etc.), a acumulación de produtos agrícolas pouco ou nada influirá na erradicación da fame. En Asia do sueste, por exemplo, existen actualmente vinte e dous millóns de toneladas de excedentes alimentarios, mentres que na mesma rexión se contan por millóns as persoas famentas.

A fame é, pois, consecuencia da organización social máis que da produción, e non abonda con aumentar esta última para suprimir a fame no mundo.

Muzammel Huq, El Correo de la UNESCO [adaptación]

Actividades propostas

S3. Lea detidamente o texto e responda:

    • Cal é a idea fundamental (tese) que defende o autor sobre as causas da fame no mundo?

    • Escriba dúas razóns que expoña o autor para defender a súa opinión.

    • Subliñe os conectadores textuais que utiliza o autor.

    • Este texto é argumentativo. Por que?

S4. Para cada un destes fragmentos, escriba se se trata dun texto narrativo, instrutivo ou argumentativo.

A pesar de que os transplantes se converteron nunha práctica habitual, aínda existen
fortes temores na poboación para doar órganos. Lograr a súa superación é a clave para
aumentar o número dos dadores solidarios que fan falta para salvar miles de vidas. As
razóns que dificultan a decisión de ser doante son múltiples. En moitos casos, arraigan en
conviccións de tipo relixioso, moral ou filosófico que cuestionan a doazón.
A miña opinión é que hai que realizar campañas educativas fortes para superar esas ideas previas

Para conectar este aparato de lector de CD é preciso seguir estes pasos. Primeiro,
desenvolva con coidado a caixa. Despois, retire acuberta plástica que a cobre. Terceiro,
comprobe que a súa conexión eléctrica é de 220 voltios...

 

Para realizar o caldo, escaldamos os grelos en auga moi quente para limpalos e que
perdan algo de verde. Poñemos o caldo limpo a quentar e ao ferver engadimos as
patacas, cortadas como para tortilla, os grelos escaldados, as fabas, remolladas do día
anterior e o anaco de unto. Ten que cocer moi forte ó primeiro e logo máis suave...


O bioetanol é un combustible que se obtén a partir de materias vexetais como a cana de
azucre , o sorgo, etc. Chámase por iso biocombustible e é defendido por moitos como a
gran alternativa aos combustibles fósiles, como a gasolina ou o carbón. Non contamina,
non produce gases de efectos invernadoiro, etc.
Pero temos que facernos unha pregunta fundamental. Ten sentido dedicar grandes
cantidades de vexetais a producir combustible cando hai millóns de persoas que pasan
fame?...

 

Meu avó morreu dun ataque ao corazón nada máis estoupar a guerra. Caeu ao pé dunha
viña e ficou abrazado a ela. Sei que a súa sensibilidade e o seu amor pola sinxeleza da
vida non puideron aturar tanto desastre. Eu non puiden ir despedilo no seu derradeiro
adeus porque a guerra colleume en Madrid onde recén remataba a carreira de Dereito.
Coa súa falta medrou a miña atracción pola súa rexa figura, para min un mito de enerxía e
valor... Eu fun fillo único e crieime sen nai, quen morreu ao darme á luz. Sempre tiven a
sensación de que meu pai non mo perdoara completamente... (Alfonso Álvarez Cácamo,
O Bandeira). 

S5.  Escriba vostede agora un texto argumentativo sinxelo, seguindo os pasos sinalados. Pode escoller un tema que lle interese persoalmente ou un tema de interese xeral. Por exemplo, calquera destes:

    • Debe prohibirse camiñar en traxe de baño, sen camiseta, polo centro das cidades?

    • Está de acordo co carné de conducir por puntos?

    • É certo que os condutores máis perigosos son as persoas novas?

Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License