2.8 O ladrón de palabras
Actividade de lectura
Era un país hai moito tempo no que as palabras eran valiosas como o pan ou a auga, como en todos os países do mundo.
Un día chegou un estranxeiro e parou a falar cunha muller nun camiño. Aquel home levaba un coitelo ao cinto e un dente de ouro. Estiveron falando e falando e, nun momento dado, o estranxeiro fixo así coa man e rouboulle unha palabra á muller e saltou ao cabalo e marchou a galope.
O ladrón de palabras seguiu galopando até que chegou a unha aldea. Alí entrou nunha pousada e púxose a falar cun médico que viña de curar un enfermo. O ladrón sacou unha moeda de ouro e dixo:
—Cámbioche esta moeda de ouro polas tres últimas palabras que acabas de dicir.
O médico dixo que non. As palabras non son miñas, que son de moita outra xente. Mais o ladrón de palabras agardouno no bosque e púxolle na gorxa o coitelo e rouboulle aquelas tres palabras sen perder o sorriso dourado.
Ao día seguinte o ladrón chegou a unha cidade e entrou nun pazo. Nunha man levaba unha bolsa con ouro e noutra, unha bolsa con palabras. Díxolle ao señor mostrándolle o ouro:
—Mércoche todas as palabras que pronunciaches hoxe.
—Non —dixo o nobre—, as palabras non se venden.
Mais o estranxeiro ameazouno co coitelo e rouboullas unha a unha.
Máis adiante, o ladrón de palabras asaltou un home que viaxaba a cabalo. Era un poeta especialista en cancións de amor. O ladrón sacou a daga e díxolle:
—As palabras ou a vida.
O poeta respondeu:
—As palabras non son miñas, son do meu pobo. Eu nunca as vendería.
Mais o ladrón de palabras foi contra el e arrincoulle as palabras do corazón.
Axiña correu a voz por todo o país de que lles estaban roubando as palabras. E moita xente botou man das armas para defendelas. Cóntase que, de entre toda a xente da vila, os que mellor protexeron as palabras foron os labregos coas gadañas e as fouciñas, e os mariñeiros, cos coitelos e os arpóns. E que as mulleres máis valentes as escondían nas faldriqueiras ou nas camisas de liño.
Mais o ladrón de palabras continuou roubándolles as palabras mesmo ás nenas que aprendían a ler e aos nenos que ían mercar zapatos. E aos mestres nas escolas e aos avogados que sabían de leis. E pouco a pouco aquel país seguiu perdendo moitas das súas palabras e foise facendo día a día cada vez máis pobre porque era o país ao que lle roubaban as palabras.
Dise que a xente para protexer as palabras e gardalas en segredo mesmo as deixou de escribir. E que por medo ao ladrón de palabras moitas persoas, desconfiadas, durante séculos só pronunciaban as súas palabras coa familia ou entre xente amiga.
Así pasaron os anos e cóntase que naquel país aínda hai xente que segue tendo medo do ladrón de palabras. E hai quen di que ás veces o ladrón segue aparecendo nunha parada de bus ou nunha floraría ou nunha escola cunha bolsa e un coitelo e un sorriso cun dente de ouro.
Sende, Sechu, Made in Galiza, Galaxia, Vigo, 2007
Actividades propostas
S15. Lea o relato O ladrón de palabras e responda as cuestións:
-
Cal é o tema principal do texto?
-
Este relato divídese en tres partes diferenciadas: presentación, nó e desenlace. Márqueas e delimíteas no texto. De que se nos fala en cada unha das partes? Hai algún tipo de relación entre elas? Por que?
Obra colocada bajo licencia Creative Commons Attribution Non-commercial Share Alike 3.0 License