Saltar navegación

Misión: igualdade entre homes e mulleres

 

Glosario

Estereotipo

Etiqueta coa imaxe dunha persoa

Definición:

Idea aceptada comunmente.

Exemplo:

É un estereotipo que ao nenos non lles guste a cor rosa.

Misión: igualdade entre homes e mulleres

Fotografía da praza do Obradoiro cunha instalación artística de Luz Darriba. Teas de cores

Luz Darriba, artista plástica e escritora, transforma espazos públicos coñecidos co fin de facer reflexionar a sociedade sobre a necesidade de construír unha corresponsabilidade real entre mulleres e homes. É dicir, que exista unha distribución equitativa na realización das tarefas domésticas, na planificación e organización do fogar e no coidado dos fillos e fillas ou persoas maiores. De xeito que se compartan as responsabilidades superando o estereotipo de que o coidado e os labores do fogar son tarefa exclusiva das mulleres.

Darriba entende que a violencia de xénero tamén se alimenta do silencio, por iso trata de dar visibilidade aos abusos contra as mulleres nas súas obras.

Tamén leva o seu labor a centros educativos facendo conscientes da importancia de recoñecer e romper estereotipos, así como coidar a linguaxe e o comportamento diario como base para erradicar as condutas sexistas. 

Nas súas intervencións, por un lado invita á comunidade a participar na acción cos seus obxectos e relatos, dando visibilidade. E por outro, involucra ás institucións para que cumpran co seu papel en relación á xustiza. Accións como a de cambiar os bonecos dos semáforos por siluetas de mulleres ou a de encher a praza do Obradoiro con retallos de tea doados por milleiros de mulleres acompañados de mensaxes persoais ou o nome de vítimas de violencia de xénero, cosidos por persoas voluntarias formando unha enorme manta; son algunhas das súas obras.

Podedes coñecer máis sobre a súa obra nesta ligazón: Instalacións de Luz Darriba.

Que pasa hoxe?

Hoxe en día a desigualdade entre mulleres e homes segue a ser unha realidade. A brecha salarial, a menor taxa de emprego feminina, o teito de cristal, a feminización do coidado das persoas e do fogar entre outras, son algunhas das causas. As manifestacións máis estremas e crueis desta desigualdade estrutural, son as cifras da violencia de xénero. A dependencia económica do home, o illamento pola sobrecarga de coidados ou falta de tempo, a falta dunha educación en igualdade nos fogares e os estereotipos sociais deben ser erradicados.

A educación e o uso dunha linguaxe inclusiva e non sexista son factores clave para esta loita.

Lectura facilitada

Luz Darriba é unha artista e escritora de Galicia.

Luz usa os lugares públicos para facer pensar á sociedade.

Luz defende que homes e mulleres compartan as tarefas da casa.

Homes e mulleres deben coidar igual dos fillos e das fillas.

Homes e mulleres deben coidar igual das persoas maiores.

Coidar da casa e da familia non é un traballo só de mulleres.

Luz di que o silencio axuda á violencia contra as mulleres.

Luz ensina estes abusos nas súas obras para que todos os vexan.

Luz tamén vai ás escolas para falar cos alumnos e alumnas.

Luz explica que é moi importante romper os estereotipos.

Debemos coidar a nosa linguaxe e o noso comportamento cada día.

Isto serve para eliminar o machismo da sociedade.

Luz pide á xente que participe nas súas obras con obxectos.

Luz tamén pide ás institucións que fagan xustiza.

Luz fixo obras moi importantes como estas:

  • Cambiar os bonecos dos semáforos por siluetas de mulleres.
  • Poñer retallos de tea de moitas mulleres na praza do Obradoiro.
  • Escribir mensaxes de vítimas de violencia nestes retallos.
  • Coser todos os anacos de tea para formar unha manta moi grande.

Podes coñecer máis sobre as instalacións de Luz Darriba na ligazón.

Hoxe en día as mulleres e os homes aínda non son iguais.

As mulleres cobran menos diñeiro que os homes por traballar.

As mulleres teñen máis difícil chegar a postos de mando.

Moitas mulleres coidan soas da casa e da familia.

A violencia contra as mulleres é a parte máis cruel desta realidade.

Debemos eliminar o control dos homes sobre o diñeiro das mulleres.

Tamén debemos educar en igualdade dentro das casas.

Usar unha linguaxe que inclúa a todos e todas é moi importante.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)