Saltar navegación

1. Grúas de papel

 

Glosario

Estalido

Imaxe dunha fábrica destruída por unha bomba.

Definición:

Ruído seco e forte que produce un elemento ao estoupar.

Exemplo:

Os estalidos dos fogos de artificio asustaron o can.

Grúa

Debuxo dunha grúa, ave migratoria.

Definición:

Ave de patas e pescozo longos, con plumaxe gris e negra. 

Exemplo:

As grúas voan cara a zonas máis cálidas para pasar o inverno.

Origami

Papel dobrado formando un paxaro.

Definición:

Palabra de orixe xaponesa. Técnica artística que consiste en dobrar papel para crear figuras, tamén coñecida como papiroflexia.

Exemplo:

As figuras de origami requiren moita destreza.

Radiación

Fondo amarelo co símbolo da radiación, trevo radioactivo, en cor negra.

Definición:

Emisión de ondas ou partículas a través do espazo.

Exemplo:

Os médicos descubriron que a radiación solar era moi nociva para a pel.

Sakura

Árbore da cerdeira

Definición:

Flor da cerdeira.

Exemplo:

En Xapón a sakura ten un profundo significado cultural, simbolizando a beleza e a esperanza.

Mil grúas no ceo



Comprensión lectora

Imaxe dunha pequena illa cunha construción. xaponesa con árbores floridas ao seu carón.

De xeito individual, no caderno, dá resposta ás seguintes cuestións:

  1. Quen son os protagonistas da historia?
  2. Que lles sucedeu?
  3. Que pensas que representa a pintura da esquerda?
  4. Escoitaches falar algunha vez da bomba atómica?
  5. Busca información sobre o acontecido en Hiroshima e fai un pequeno resumo.

Texto

Conta unha lenda xaponesa que se pregas mil grúas de papel, o teu maior desexo verase cumprido.

 Haruki era feliz, vivía nun val, preto da cidade de Hiroshima. As cerdeiras poboaban os camiños, cun recendo doce a sakura. E as tardes pasaban lixeiras xunto ao seu amigo Mako.

- Cando medre, construirei unha casa preto da túa, aquí no val. A cidade non está feita para min. - Dicía Mako mirando o reflexo da súa cara na auga.

O tempo tecía soños e os dous rapaces medraban fortes, alleos á guerra que se estendía polos mapas.

Ata a mañá que quebrou todas as palabras.

Aquel 6 de agosto, Haruki camiñaba pola montaña na procura de leña. O ceo prendeu cun estalido enxordecedor. Todo se volveu noite de súpeto. Os seus oídos emitían un son continuado, agónico. Correu ás présas cara á casa. O fume estendíase por todo o val; non se distinguían os carreiros, soamente os berros da avoa chamándoo. Dende alí, contemplábase unha cidade derruída, calcinada. Un único edificio en pé. E avións xogando ás agochadas entre as nubes de po.

- Mako! - E correu. Correu cara ao lugar de onde todo o mundo escapaba.

A meirande parte da poboación de Hiroshima pereceu ese día. Outra, morreu meses despois como consecuencia da bomba. Anos máis tarde, a radiación lembraría ese día na pel daqueles que sobreviviron.

Mako pasou un tempo no hospital. Haruki ía todas as tardes.

- Mellorarás! Xa o verás. Seino. Hoxe tes mellor cor.- Dicía cun sorriso murcho mentres pregaba anacos de papel. As súas mans tecían pequenas grúas entre toses. Dobrando sen descanso follas de xornal, creando fermosas figuras de origami.

Mako nunca saíu daquela habitación.

Hoxe, na saia da montaña de Hiroshima, atópase unha casiña de pescadores. O vento leva pétalos de cerdeira cara á súa porta, movendo todas as grúas que colgan das ramas.

Paxariños de papel nas ventás e nos camiños. Tamén no corazón de Haruki.

Elaboración propia (Proxecto cREAgal). Texto baseado en relatos sobre a bomba de Hiroshima.

A bomba de Hiroshima

Sala dun museo cunha instalación artística de grúas.

A imaxe da esquerda é unha instalación artística que reflicte a lenda das mil grúas. Buscade na rede ou na biblioteca do centro a historia de Sadako. Lémbrache ao conto que acabas de ler?

Nesta unidade, aprenderás contidos que servirán de base para unha educación en valores, na que se promoverá unha conciencia emocional e social. A non violencia debería ser o principio fundamental de calquera sociedade.

Adiante!

Lectura facilitada

A imaxe da esquerda é unha instalación artística.

Esta obra conta a lenda das mil grúas.

Busca a historia de Sadako na Internet ou na biblioteca.

Pensa se a historia de Sadako é igual ao conto de antes.

Nesta unidade aprenderás valores.

Estes valores axudan a entender as emocións.

Estes valores tamén axudan a vivir en sociedade.

A non violencia é a norma principal de todas as persoas.

A non violencia axuda a vivir en paz.

Comeza agora o traballo.

Sabías que...

En Hiroshima, a través das pertenzas que deixaron as vítimas, os obxectos bombardeados e as historias das testemuñas, creouse un museo para difundir a mensaxe da natureza inhumana das armas nucleares.

Preme na ligazón: Museo Conmemorativo da Paz de Hiroshima.

Lectura facilitada

As persoas que morreron coa bomba de Hiroshima deixaron obxectos.

O museo de Hiroshima garda estes obxectos.

Este museo ensina que as armas nucleares son moi malas.

As armas nucleares fan moito dano ás persoas.

A ligazón leva ao Museo Conmemorativo da Paz de Hiroshima.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)