Saltar navegación

1.4. Diario de aprendizaxe

Haikus

Ao remate de cada fase, na sección do diario de aprendizaxe, convidámoste a que crees un haiku!

O haiku é unha composición poética de orixe xaponés que consta de tres versos de cinco, sete e cinco sílabas respectivamente. 

Emprega unha linguaxe sensorial para plasmar un sentimento ou imaxe. Orixinalmente, os poetas buscaban inspiración a través da natureza como experiencia emotiva.

Pasos:

Paso 1. Organiza a estrutura básica:

  • Primeiro verso: 5 sílabas.
  • Segundo verso: 7 sílabas.
  • Terceiro verso: 5 sílabas.

Paso 2. Pensa na temática:

  • Inspírate en elementos da natureza.
  • Describe unha sensación ou emoción.

Paso 3. Perfecciona o estilo:

  • Emprega unha linguaxe sinxela, sen adornos excesivos.
  • Evita explicar o significado.

Paso 4. Fai unha lectura en voz alta:

  • Esa é a idea que queres transmitir?
  • Reflicte algún elemento da natureza?

Lectura facilitada

Neste REA vas escribir un haiku no teu diario.

O haiku é un tipo de poesía de Xapón.

Esta poesía ten tres versos.

O primeiro verso ten cinco sílabas.

O segundo verso ten sete sílabas.

O terceiro verso ten cinco sílabas.

Usa palabras que falen dos sentidos para explicar un sentimento.

Tamén podes usar palabras que falen dunha imaxe.

Os poetas buscan ideas na natureza para escribir.

A natureza axuda a explicar as emocións.

Sigue os pasos do cadro verde.

Exemplo

O meu poema plantouse neste xardín e quere soñar.

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapa

Chega o momento de reflexionar. Busca a fase 1 do diario de aprendizaxe e completa os apartados correspondentes.

Toma o tempo que precises para pensar sobre o reto proposto e para analizar os obxectivos a acadar.

Será o punto de partida para avanzar no traballo con éxito e resolver así as dúbidas que poidan aparecer.

Accede aquí ao teu diario de aprendizaxe

Lectura facilitada

Agora é o momento de pensar no que aprendiches.

Busca a fase 1 no teu diario de aprendizaxe.

Completa as partes que corresponden a esa fase.

Tómate o tempo que precises para pensar no reto.

Mira ben cales son os obxectivos que debes lograr.

Este traballo serve para resolver as túas dúbidas.

Preme na ligazón para entrar no teu diario.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)