Saltar navegación

Misión: explotación laboral e infantil

 

Glosario

Mafia

Grupo coas mesmas características

Definición:

Grupo criminal que protexe os seus propios intereses.

Exemplo:

Capone era un membro da mafia italiana.

Precario

Triángulo cunha soa esquina pintada de vermello

Definición:

Que non dispón de medios ou recursos suficientes.

Exemplo:

Os traballadores vivían en situacións precarias.

Sociólogo, socióloga

Unha persoa abraza a outras dúas, unindo o grupo

Definición:

Especialista no desenvolvemento das sociedades humanas.

Exemplo:

O sociólogo determinou que non era un comportamento axeitado.

Misión: explotación laboral e infantil

Addie Card, nena traballando nunha fábrica de algodón

Lewis Hine, sociólogo e fotógrafo documental estadounidense inmortalizou, coa súa cámara, menores traballando nas minas de carbón, plantacións e fábricas téxtiles, denunciando a crueldade do sistema. As súas fotografías convertéronse en ferramentas para a denuncia das condicións de vida dos inmigrantes nos EUA, así como a explotación laboral, conmovendo a opinión pública e fomentando a introdución de reformas lexislativas. Entre elas a prohibición do traballo infantil. 

En 1930, Hine documentou a construción do Empire State Building subindo cos obreiros a centos de metros de altura para retratar as súas caras, dignificando a súa valentía e o seu esforzo físico.

Podedes ver máis fotografías na galería de Wikipedia.

Que pasa hoxe?

Hoxe en día a explotación camúflase baixo contratos laborais precarios e longas xornadas laborais que afectan sobre todo a colectivos vulnerables e sectores tradicionais (agricultura, hostalería, traballos do fogar...).

Entre os colectivos máis afectados están:

  • Mulleres migrantes que traballan no ámbito doméstico sen descanso nin acceso a baixas laborais.
  • Traballadores e traballadoras sen contrato nin alta na Seguridade Social, con exceso de xornada laboral e salarios precarios.
  • Inmigrantes en situación de irregularidade administrativa (sen papeis).
  • Colectivos en situación de pobreza con necesidade urxente de ingresos.
  • Redes de trata ou mafias que enganan para explotar as persoas captadas.

Para combater esta situación é preciso aumentar o control e a inspección laboral, así como os plans de protección das vítimas.

Lectura facilitada

Lewis Hine foi un sociólogo e fotógrafo dos Estados Unidos.

Lewis sacou fotos de nenos e nenas que traballaban nas minas.

Tamén sacou fotos de nenos en fábricas de roupa e no campo.

Estas fotos serviron para denunciar que o traballo era moi cruel.

As fotos de Lewis ensinan como vivían as persoas que viñan de fóra.

Moita xente sentiuse moi triste ao ver estas fotos.

Por iso os gobernos fixeron leis novas moi importantes.

Unha destas leis prohibiu o traballo dos nenos e das nenas.

No ano 1930 Lewis fixo fotos dun edificio moi alto en Nova York.

Lewis subiu moitos metros de altura cos obreiros.

Lewis quería ensinar o esforzo e a valentía dos traballadores.

Podes ver máis fotos de Lewis na ligazón á galería de fotos de Lewis Hine.

Hoxe en día o mal trato no traballo aínda existe.

Hai persoas que teñen contratos moi malos e traballan moitas horas.

Isto pasa moito no campo ou no traballo dentro das casas.

As persoas que máis sofren estes problemas son estas:

  • Mulleres que veñen de fóra e traballan na casa sen descanso.
  • Traballadores que non teñen contrato nin seguro médico.
  • Persoas que cobran moi pouco diñeiro por moitas horas.
  • Persoas que non teñen os papeis para vivir no país.
  • Persoas moi pobres que precisan diñeiro rápido.
  • Persoas que son enganadas por bandas malas para traballar.

Para amañar isto hai que vixiar máis as empresas e os traballos.

Tamén hai que facer plans para protexer as vítimas.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)