É unha fórmula predeterminada que permite realizar de xeito automático cálculos específicos sobre un conxunto de datos nunha cela. Para introducir a fórmula emprégase o signo "=", seguido do nome da función e entre parénteses os argumentos ou datos que se empregan no cálculo.
Exemplo:
Se se introduce nunha cela o texto =suma(A1:A4) calculará a suma dos 4 números que estean nas celas A1, A2, A3 e A4. Se se introduce =suma(A1;B3;5) sumará os números que estean nas celas A1 e B3 e o número 5.
A rutina
Continúas avanzando cara á a consecución do reto. A fase anterior permitiuche lembrar o que sabías da folla de cálculo. Logo de ver a base de datos das probas deportivas seguro que te decataches de que é preciso que te fagas un pouco máis "profesional" no manexo desta ferramenta. Deste xeito poderás acceder a funcionalidades máis avanzadas que che permitirán aforrar tempo e cumprir coas esixencias do reto.
Sabes como chegan os deportistas a ser profesionais? Adestrando! E iso é o que farás ti tamén ao longo desta fase, na que:
Afondarás no manexo básico da folla de cálculo.
Traballarás con diferentes tipos de funcións: matemáticas, estatísticas, lóxicas, de texto...
Aprenderás a facer e personalizar unha variedade de gráficos e diagramas.
Lectura facilitada
Continúas avanzando cara ao reto.
Na fase 2 repasaches o que sabías da folla de cálculo.
Para traballar coa base de datos das probas deportivas debes mellorar o manexo desta ferramenta.
Para poder avanzar e mellorar é preciso adestrarse.
Nesta fase farás adestramentos que che permitirán:
Afondar no manexo básico da folla de cálculo.
Traballar con diferentes tipos de funcións: matemáticas, estatísticas, lóxicas, de texto e de base de datos.
Aprender a facer e personalizar unha variedade de gráficos e diagramas.
Audio
O equipamento
O teu "equipamento" para esta fase de adestramento será unha versión reducida da base de datos das probas deportivas que che proporcionou o concello, que che permitirá familiarizarte co manexo de grandes cantidades de datos antes de asumir o reto. Farás igual que os grandes deportistas, que dedican os adestramentos a traballar en detalle aquelas cuestións necesarias para afrontar os campionatos.
Pica na imaxe inferior para descargar a base de datos dos adestramentos e gárdaa no teu cartafol do proxecto co nome "Adestramentos.ods".