Saltar navegación

2. Quecemento

 

Glosario

Referencia a celas

Na imaxe represéntase unha táboa na que se selecciona unha fila

Definición:

É unha identificador de cada unha das celas. Cada cela identifícase con unha letra que se refire á columna, e un número que se refire á fila.

Exemplo:

O valor B4 refírese á cela situada na columna B e a fila 4. 

Copia de seguridade 

Na imaxe represéntase un pendrive

Definición:

Copia dos datos ou dos ficheiros, almacenados nun novo dispositivo ou na nube, coa finalidade de que non se perdan en caso de erros ou ataques informáticos.

Exemplo:

Unha empresa garda unha copia de seguridade cos ficheiros máis importantes na nube, coa finalidade de recuperalos se fallan os ordenadores.

Ficheiro comprimido

A imaxe representa un ficheiro comprimido

Definición:

É un ficheiro que reduciu o seu tamaño cun programa de compresión. Ocupa menos espazo, e ademais pode conter no seu interior varios ficheiros.

Exemplo:

Se queres enviar un traballo que ten varios ficheiros podes envialos en un único ficheiro comprimido.

Quenta que saes!

Xa coñeces o reto e estás a piques de recibir a base de datos coa que traballarás. Como sabes, houbo moitos participantes e a base é extensa.

Por sorte, xa tiveches contacto cunha ferramenta que che pode axudar a organizar, calcular, representar e interpretar os datos deportivos de maneira rápida e precisa: a folla de cálculo.

Ao longo desta fase farás un repaso dos seguintes aspectos:

  • Manexo básico da folla de cálculo.
  • Emprego da folla de cálculo para facer operacións básicas.
  • Referencias a celas.
  • Xestión de ficheiros (cartafoles comprimidos e sen comprimir, copias de seguridade, etc.).

Lectura facilitada

Xa coñeces o reto.

Pronto recibirás a base de datos coa que vas traballar.

Na base de datos hai moitos participantes, contén moita información.

Para poder traballar mellor cos datos, empregarás unha ferramenta que xa coñeces: a folla de cálculo.

Nesta fase vas repasar contidos importantes:

  • O manexo básico da folla de cálculo.
  • O uso da folla de cálculo para facer operacións sinxelas.
  • As referencias a celas.
  • A xestión de ficheiros.

Este repaso axudarache a prepararte mellor para o reto final.

Lembras que follas de cálculo había?

Follas de cálculo de software libre

 Icona dunha folla de cálculoLibreOffice Calc

LibreOffice Calc é un programa de follas de cálculo libre, é dicir, pódese descargar e usar de balde. É o que ides empregar para o voso reto e prácticas.

Permite facer practicamente todo o que fan programas de pago: procesar datos, aplicar fórmulas, dar formato ás celas, crear táboas, inserir gráficos ou imaxes, etc. Ademais, é posible modificar o seu código para adaptar o programa ás nosas necesidades e gustos.

Follas de cálculo de software propietario

Icona dun ficheiro coa extensión de Excel (xlsx)Microsoft Excel

Microsoft Excel ofrece follas de cálculo baixo licenza de pago. É un software de escritorio que dispón de ferramentas moi avanzadas que están máis orientadas ao ámbito profesional.

O programa non admite modificacións, xa que o seu código non é aberto como no caso de LibreOffice Calc.

Icona dun documento xunto a un globo terráqueo. O conxunto representa un documento en liñaFollas de Google (Google Sheets)

Google ofrece follas de cálculo en liña, para as que se precisa ter unha conta de Google e conexión a Internet. Ten funcións menos avanzadas que as versións de escritorio.

A diferenza das anteriores, os datos gárdanse automaticamente na nube e permiten traballo colaborativo en tempo real. Aínda que o seu uso é gratuíto, está suxeito ás condicións de servizo de Google. 

Descarga a folla de LibreOffice Calc

A continuación podes atopar a ligazón de descarga do LibreOffice, paquete de ofimática ao que pertence o software de folla de cálculo "Calc". 

Ligazón de descargahttps://gl.libreoffice.org/

Ao premer na ligazón, atoparás a opción de seleccionar o sistema operativo do teu equipo e un botón para realizar a descarga. 

Feito con eXeLearning (Nova xanela)