Os signos de puntuación
Os signos de puntuación axúdannos a entender mellor os textos escritos, facilitando a súa comprensión.
Recordades cales son os signos de puntuación máis importantes?
O PUNTO

Indica que debemos realizar unha pausa na lectura. Despois de punto sempre debemos comezar con letra maiúscula.
PUNTO FINAL
Indica que unha frase, oración ou texto chega ao seu fin.
Exemplo:
As clases de lingua galega son moi interesantes.
PUNTO SEGUIDO
Emprégase cando se remata unha oración e se segue escribindo na mesma liña.
Exemplo:
A María gústalle moito a historia. Leva estudando dende o curso pasado.
PUNTO E APARTE
Emprégase cando se remata un parágrafo e o texto continúa nunha liña diferente.
Exemplo:
Elas estiveron traballando todo o día na casa da súa avoa.
O seu tío estivo durmindo toda a tarde.
OS DOUS PUNTOS

Empréganse para chamar a atención sobre o que aparecerá a continuación no texto. Débese ler facendo unha pausa breve.
Sabedes cando usamos os dous puntos?
Ao inicio dunha carta
Ao escribir unha carta, xusto despois do saúdo inicial á persoa á que vai dirixida, úsanse os dous puntos para introducir o contido da mesma.
Exemplo:
Querida Noelia:
Teño moitas ganas de facer esa viaxe contigo.
Ao repetir as palabras ditas por outra persoa
Nunha conversa, cando se queren mencionar as palabras doutra persoa, empréganse os dous puntos para introducir as mesmas.
Exemplo:
A miña nai berroume e dixo: "Non quero que volvas a facer iso!"
Se non usáramos as mesmas palabras os dous puntos non serían precisos.
Exemplo:
A miña nai berroume e díxome que non volvera facer iso.
Ao inicio dunha enumeración
Recordade que unha enumeración é unha lista de elementos que se separan facendo uso de comas.
Exemplo:
Hoxe teño que ir ao super a mercar: plátanos, mazás, chocolate, fariña, manteiga e ovos.
O PUNTO E COMA

O punto e coma é un signo de puntuación que indica que se debe realizar unha pausa máis longa que coa coma, pero máis curta que co punto.
Cando se pode usar o punto e coma?
Nas enumeracións
Cando nunha enumeración se fai uso de moitas comas, pódese usar o punto e coma para continuar separando os elementos.
Exemplo:
Onte fixemos unha festa marabillosa: Sara, nai de Carlota, levou torta; Noelia, madriña de Manuel, bebida; e María, unha amiga da familia, o salgado.
OS PUNTOS SUSPENSIVOS



Son 3 puntos seguidos que se empregan...
Para indicar que unha enumeración queda incompleta
Exemplo:
Teño moitas cousas que facer: ir ao supermercado, lavar a roupa, facer os deberes...
Para indicar que algo está a piques de acontecer
Exemplo:
Entrei na biblioteca pensando que era a única pero... Aí estaba o meu amigo Manuel.
Para dar un chisco de misterio ás palabras
Exemplo:
Se che contara o que me fixo...
A COMA

Indica que se debe realizar unha pausa máis breve que a que se realiza co punto.
Cando usamos a coma?
Para separar as palabras dunha enumeración
Exemplo:
As cores do arco da vella son: vermello, laranxa, amarelo, verde, anil, azul e violeta.
Para separar do resto da oración algunhas expresións
Exemplo:
Por último, quero dar as grazas ás miñas compañeiras por todo o seu apoio.