Saltar navegación

5. A exposición!

O que vimos, repasamos, lembramos e aprendemos

Conseguiches rematar o reto. Todos os documentos, incluído o do teu grupo están expostos para que os analicen os compañeiros e compañeiras da aula. Ti tamén poderás analizar os que fixeron os demais grupos. Seguro que hai ideas doutros grupos que che gustan e outras que non tanto. Pero agora é tempo de botar a vista atrás e analizar e reflexionar sobre todo o aprendido. Como punto final deste reto queda unha das partes máis importantes, sacar conclusións que nos axuden a mellorar nos próximos retos. Como facemos iso? Analizando como traballamos individualmente e no grupo. 

Lectura facilitada

Conseguiches rematar o reto.

Todos os traballos están expostos para que os analicen os compañeiros e compañeiras da aula.

Ti tamén analizarás os que fixeron os demais grupos.

Seguro que hai ideas doutros grupos que che gustan. Tamén haberá outras ideas que non che gustan.

Agora hai que  analizar e reflexionar sobre todo o que aprendiches.

Hai que sacar conclusións que nos axuden a mellorar nos próximos retos.

Analizaremos como traballamos individualmente e no grupo. 

Pensa, pensa!

Pictograma pensar


Pensa en dúas cousas que aprendiches durante a elaboración deste reto. Unha delas debe ser sobre o teu traballo individual e outra sobre o teu traballo en equipo. 

Recólleas no teu caderno xunto cunha explicación de para que che vai servir o aprendido na túa vida: noutras materias, nos próximos retos, no día a día na casa, cando xogas coas amizades, nas vacacións...

Lectura facilitada

Pensa en dúas cousas que aprendiches durante a elaboración deste reto.  Unha debe ser sobre o teu traballo individual. Outra sobre o teu traballo en equipo. 

Recólleas no teu caderno. Despois escribe unha  explicación de para que che vai servir o que aprendiches. Por exemplo, noutras materias, nos próximos retos, no día a día na casa, cando xogas coas amizades, nas vacacións...

Como foi?

Para conseguir o reto precisaches do grupo. Cada persoa achegou algo, algunhas traballaron mellor a parte creativa e outras máis a parte práctica, mais foron necesarias as achegas de cada unha das persoas que conformaron o grupo. Para acadar o reto foi preciso un traballo colaborativo. 

Agora tedes a oportunidade de analizar os traballos dos outros grupos. Ver que problemas tiveron, como amañaron eses problemas, a orixinalidade do seu traballo... Non só vas aprender dos teus erros e dos teus acertos, senón dos erros e acertos dos outros grupos. A posta en común dos traballos de toda a aula permite que aprendas non só do teu traballo, senón do traballo dos demais. A isto chamámoslle aprendizaxe colaborativa. Lembra que podemos aprender do que facemos e do que vemos que fan as demais persoas ao noso arredor ante un mesmo reto.

Lectura facilitada

Para facer o traballo, necesitaches o grupo.

Cada persoa do grupo axudou con algo.

Algunhas persoas pensaron ideas novas (parte creativa).

Outras persoas fixeron as cousas (parte práctica).

Pero todos no grupo eran importantes e o que fixeron serviu.

Para terminar o traballo, todos tiveron que traballar xuntos (traballo colaborativo).

Agora podedes ver os traballos dos outros grupos.

Así podedes ver:

  • Que problemas tiveron.
  • Como arranxaron eses problemas.
  • Se o seu traballo era orixinal (novo, diferente).
  • Non só vas aprender do que fixeches ben ou mal. Tamén vas aprender do que os outros grupos fixeron ben ou mal.
  • Cando todos os grupos ensinan o seu traballo, aprendemos de todos.

A isto chámaselle aprendizaxe colaborativa.

Lembra que aprendemos do que facemos nós e do que vemos que fan os outros cando teñen o mesmo traballo.

Ben feito!

Xa viches os traballos do resto dos grupos. Agora, xunto coas persoas que integraron o teu grupo analizade os demais traballos e escollede o que para vós foi o mellor traballo. 

Tede en conta o obxectivo do traballo: ser capaz de achegar información básica da lingua a unha persoa allea a esa lingua. 

Tamén que conteña todo o que se especifica na fase 4 que debe conter o documento final. Podes empregar a lista de cotexo que aparece alí para axudarvos.

E por suposto, revisade que a linguaxe empregada sexa correcta e que a lingua non conteña erros ortográficos.

Ao rematar esa reflexión entre todo o grupo e xa teñades o voso traballo "gañador" recolle toda a información no caderno.

Lectura facilitada

Xa vichedes os traballos dos outros grupos.

Agora, falade entre vós e pensade cal foi o mellor traballo.

Para escoller o mellor traballo, pensade nestas cousas:

  • O traballo explica ben as cousas básicas da lingua a alguén que non a coñece? (Este era o obxectivo).
  • Ten todo o que pedimos na Fase 4? (Podes usar a lista para comprobar).
  • Está ben escrito, sen erros de ortografía?

Cando o grupo decida cal é o mellor traballo, escribe toda a información sobre ese traballo no teu caderno.

Final e resultado

Na fase 1 "Que nervios!" liches ao que te ías enfrontar. Viches cal era o reto e tamén o que acadarías ao rematar o reto. Refrescando a memoria isto era o que puña.

Ao rematares poderás:

Entender: coñecerás os elementos da comunicación.

Socializar: traballarás en equipo.

Respectar: coñecerás a diversidade lingüística.

Coñecer: achegaraste á lírica.

Aprender: expresaraste en público.

Recuperaches de cursos pasados conceptos como os elementos da comunicación e os xéneros literarios e as súas características. Descubriches as linguas que temos ao noso redor, na península Ibérica. Aprendiches palabras nesas linguas veciñas. E sobre todo conseguiches organizar o traballo individual e en equipo  para conseguir un fin común. 

Lectura facilitada

Na fase 1, "Que nervios!", liches de que ía o traballo.

Viches cal era o reto e que ías aprender ao final.

Lémbraste? Isto era o que dicía:

Ao terminar, poderás:

  • Entender: Saberás que fai falta para comunicarnos.
  • Socializar: Traballarás cos compañeiros do grupo.
  • Respectar: Coñecerás as diferentes linguas que hai.
  • Coñecer: Achegaraste á poesía.
  • Aprender: Falarás diante dos demais.

Tamén recordaches cousas que xa sabías doutros anos, como:

  • As partes da comunicación.
  • Os tipos de textos literarios e como son.
  • Descubriches as linguas que se falan preto de nós, na península Ibérica.
  • Aprendiches algunhas palabras desas linguas veciñas.
  • E, sobre todo, conseguiches organizar o teu traballo e o do grupo para conseguir algo todas e todos xuntos.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)