A polo reto!
Agora hai que traballar no documento final. Pero...
Que tipo de documento?
O documento que debedes crear queda á vosa escolla, pero ten que estar en formato físico. Tamén pensade que vai estar exposto para que o resto da aula poida consultalo. Iso quere dicir que ten que ser fácil de comprender e manexar. Pero que iso non vos impida ser orixinais.
Poderedes escoller o nivel de dificultade do documento: de menos a máis elaborado (segundo o apartado "Por se non tes ideas"), pero sempre adaptándose ao nivel co que realizastes as diferentes fases.
Ese documento terá que ir acompañado dunha ficha de traballo. Nesa ficha explicaredes como se desenvolveu o traballo en equipo: organización, achegas, problemas e solucións... Ademais deberá recoller todas as fontes consultadas (web, libros, revistas...).
Por se non tedes ideas
Estas son algunhas ideas para crear o documento. Podedes collelas e refacelas, tomalas como guía ou mesmo desbotalas se despois de velas non vos gusta ningunha.
- Pasaporte lingüístico. Pensa nun pasaporte, un documento de identidade dunha persoa. Neste documento aparece como é, onde vive, onde estivo... Pois iso mesmo podes facer. Un documento onde apareza a información que o reto pide. Unha páxina para a información xeral, outra para os lugares onde se fala e as linguas coas que compite, outra co vocabulario....
- Folleto turístico. Ao igual que nun folleto turístico, podedes crear un díptico tríptico... onde apareza toda a información organizada por apartados. Se a lingua é falada nun só territorio podedes ata facer o mapa do lugar e arredor poñer a información. Procurade folletos na rede e veredes que hai moitos formatos que vos poden valer.
- Creade o voso propio mural. Empregade todos os recursos que fostes aprendendo nas aulas de plástica, nos proxectos doutras materias... collede papel, tesoiras... e poñede a vosa creatividade a funcionar. Podedes agochar a información en xanelas que se abren, organizar os datos como unha colaxe...
- Empregade aquela vella caixa de zapatos que ía ir para o lixo para facer... quen sabe o que se vos ocorre.
Poñede a vosa imaxinación a traballar!
Lectura facilitada
Como será o traballo final da lingua?
Agora tedes que pensar en como será o traballo final.
Que tipo de traballo imos facer?
O traballo que fagades ten que ser algo que se poida tocar, como un papel ou un cartel. Tamén pensade que se vai poñer nun sitio para que os outros compañeiros da clase poidan velo.
Isto quere dicir que ten que ser fácil de entender e de ver. Pero iso non significa que non poidades facer algo orixinal e creativo!
Que máis temos que facer?
Co reto, tedes que entregar unha folla de traballo que explique como traballastes en grupo. Nesta folla tedes que poñer:
- Como vos organizastes.
- Que fixo cada membro do grupo.
- Se houbo algún problema.
- Como arranxastes os problemas.
- De onde sacastes a información (páxinas web, libros...).
Esta folla é importante para que se saiba como traballastes xuntos e de onde sacastes a información.
Ideas para facer o traballo
Pasaporte da lingua: Pensade nun pasaporte, o papel que identifica a unha persoa. Podedes facer un papel parecido para a lingua. Nunha páxina poñedes a información xeral, noutra onde se fala e con que outras linguas está, noutra as palabras...
Folleto turístico: Como os folletos que dan información dos sitios para visitar. Podedes facer un papel que se dobra en varias partes e poñer a información en cada parte. Se a lingua se fala nun só sitio, podedes debuxar un mapa e poñer a información ao redor. Buscade folletos en internet para ver como son.
Mural creativo: Usade todo o que aprendestes nas clases de debuxo e noutras materias. Collede papel, tesoiras e facede o que se vos ocorra. Podedes esconder a información en ventás que se abren ou pegar as cousas como nunha colaxe.
A caixa de zapatos: Se tedes unha caixa de zapatos vella, podedes usala para facer algo. Non sei o que se vos ocorrerá!
Usade a vosa imaxinación!