Saltar navegación

4. Comeza a montaxe

Glosario

Glosario

Lingua oficial

Definición:

Idioma co recoñecemento legal para uso na administración dun territorio.

Exemplo:

O galego é lingua oficial en Galicia.

Agora si!

Caderno que ten un texto que di

Xa é tempo de pensar no reto final. Ti e o teu grupo debedes conseguir crear un documento sobre a lingua que vos tocou. Este documento, xunto cos dos demais grupos, formarán parte dunha exposición sobre as linguas da Península. Deberá ir acompañado dun texto que recolla como destes solución ao reto. O obxectivo dese documento é que a persoa que o vexa coñeza mellor esa lingua. Poderiamos dicir que sería algo así como unha radiografía da lingua ou podería dicirse que como un documento de identidade dese idioma. Pero que documento? Que contidos ten que ter? Como comezamos? Seguro que tes preguntas coma estas ou similares. Pois aínda que non o creas xa levas feito parte do reto final. Varias das actividades  que realizaches ti e o teu grupo van ser parte do voso documento. A continuación tes toda a información que precisas para que ti e o teu grupo consigades acadar o reto final.

  • De ser o caso, os nomes polos que é coñecida esa lingua. Non todas as linguas teñen varios nomes, pero si que existen linguas con varias denominacións.
  • Os territorios onde se fala e se é oficial ou non en cada un deses territorios.
  • Familia lingüística á que pertence.
  • O número de falantes.
  • As linguas coas que comparte os territorios onde se fala.
  • Palabras simples de uso cotiá: grazas, por favor, ola e adeus. Podedes achegar algunha máis para completar o voso "mini-vocabulario".
  • Unha presentación nesa lingua. 
  • Un autor ou autora nesa lingua e algunha das súas obras.
  • Unha canción nesa lingua.
  • A tradución dun poema de Rosalía de Castro (se hai).
  • Un poema elaborado por vós que fale da vosa lingua (podedes engadir palabras nese idioma).

Como fago todo iso?

Como ves, moita da información que debe ter o documento xa a tes de actividades realizadas. Ademais tes as ligazóns a páxinas oficiais de cada lingua para poder buscar moita da información que che pode faltar. Para finalizar, na rede existen dicionarios, vocabularios e tradutores que vos poden axudar co vocabulario. Hai linguas das que se dispón moita máis información que doutras, pero non te desanimes se a túa é das que parecen ter pouca información. 

Por último, non quedes só coa información da Wikipedia. Aínda que é unha ferramenta moi potente e que está moi ben, procura buscar información noutras páxinas. Na fase 1 tes as ligazóns a páxinas oficiais e das academias desas linguas.

Lectura facilitada

O traballo final sobre a lingua

Xa chegou o momento de pensar no traballo grande que tedes que facer ao final. Ti e o teu grupo tedes que crear un documento sobre a lingua que vos tocou estudar.

Este, xunto cos que fagan os outros grupos, formará unha exposición sobre as linguas que se falan en España.

O documento ten que ter un texto que explique como fixestes o traballo.

O obxectivo deste documento é que a persoa que o vexa aprenda máis sobre esa lingua. Podemos dicir que será como unha radiografía ou pasaporte da lingua, para que a xente a coñeza ben.

Que tipo de documento temos que facer? Que ten que ter? Por onde empezamos?

Seguro que tedes moitas preguntas coma estas. Pois aínda que non o pensedes, xa fixestes parte do traballo final. Moitas das cousas que fixestes ti e o teu grupo van ir neste traballo.

Aquí tedes toda a información que necesitades para facer o traballo final:

O documento debe ter:

Outros nomes da lingua (se os ten). Non todas as linguas teñen varios nomes, pero algunhas si.

Onde se fala a lingua. E se é unha lingua oficial neses lugares ou non.

A que familia de linguas pertence. É dicir, con que outras linguas está relacionada.

Cantas persoas falan esa lingua.

Que outras linguas se falan nos mesmos lugares.

Palabras fáciles que se usan todos os días: grazas, por favor, ola e adeus. Podedes poñer algunhas máis para facer un pequeno dicionario.

Unha pequena presentación na lingua. Por exemplo, dicindo "Ola, chámome..."

Un escritor ou escritora que escriba nesa lingua e algún dos seus libros.

Unha canción nesa lingua.

Se existe, a tradución dun poema de Rosalía de Castro a esa lingua.

Un poema que inventedes vós sobre a vosa lingua. Podedes meter palabras da lingua no poema.

Con toda esta información, podedes empezar a traballar no voso documento sobre a lingua.

Como fago todo isto?

Como ves, xa sabes moitas das cousas que ten que ter o traballo da lingua polas actividades que fixeches antes.

Ademais, tes ligazóns a páxinas importantes de cada lingua para buscar a información que che falta.

Para o vocabulario, podedes usar dicionarios e tradutores de internet.

Hai linguas das que hai moita información, e outras das que parece que hai pouca. Pero non te preocupes se a túa lingua ten pouca información.

Importante: Non uses só a Wikipedia. É moi útil, pero busca información tamén noutras páxinas. Na primeira parte do REA tes ligazóns a páxinas oficiais das linguas.

Con todo isto, seguro que podedes facer un traballo moi bo sobre a vosa lingua para a exposición.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)