O galego e o castelán pertencen á mesma familia lingüística.
Lingua materna
Definición:
Lingua que aprende unha persoa de xeito natural.
Exemplo:
A miña lingua materna é o galego.
Lingua propia
Definición:
Lingua dun territorio creada polo seu pobo
Exemplo:
O galego é a lingua propia de Galicia.
Audio
Novo comezo
Sabela pasou todo o verán un pouco nerviosa. Estas vacacións na casa dos avós non foron coma sempre. En setembro quedará a vivir aquí.
Antes vivía fóra de Galicia, en Barcelona. Alí aprendeu castelán e catalán e na casa o galego, que é a súa lingua materna.
A súa familia contoulle que ten moita sorte, que aprendeu tres linguas de xeito natural, sen esforzo.
Tamén lle contaron que estas linguas proceden da mesma, do latín, polo que son da mesma familia lingüística. Na Península hai varias emparentadas, por iso cando o avó viviu no Brasil puido entenderse ben, porque o portugués é unha lingua irmá da nosa.
Imanol, o neto da veciña vive en Euskadi e ademais do galego e o castelán fala o éuscaro, que ten a súa orixe antes do latín.
O avó díxolle que pasa igual que cos paxariños dos que lle ensina os nomes, que todos pertencen á mesma familia. Tamén lle dixo que este ano aprenderanlle os nomes das familias dos animais e das linguas. Este ano aprenderá moitas cousas, vai ser emocionante.
E ti, tes a mente preparada para unha nova aventura?
Lectura facilitada
Sabela vivía en Barcelona e pasaba os veráns en Galicia.
Este verán estaba nerviosa. Este ano vai quedar aquí. Vai vivir na casa dos avós.
Sabela aprendeu galego na casa. É a súa lingua materna.
Na escola aprendeu castelán e catalán.
Fala 3 linguas. Ten moita sorte. O galego, o catalán e o castelán naceron do latín. Son linguas da mesma familia lingüística.
O avó de Sabela viviu no Brasil. Alí falan portugués. O portugués é unha lingua irmá do galego.
O neto da veciña vive en Euskadi. Chámase Imanol. Fala galego, castelán e éuscaro. O éuscaro non é da familia do galego. O éuscaro non naceu do latín. É unha lingua moi antiga.
Sabela este ano vai aprender sobre as familias das linguas. Vai aprender moitas cousas.
Audio
O RETO
No texto fálase de diferentes linguas e lugares. Cando viaxas é importante coñecer o lugar que visitas e tamén as linguas que se falan. Imaxina que, como Sabela, vas ter que mudarte. Queres coñecer a lingua que falan alí. Cun grupo de compañeiras e compañeiros terás que buscar información para crear un documento, que exporedes na aula, sobre un territorio da península e a súa lingua propia.
Serás capaz de completar todas as tarefas para conseguir rematar o voso traballo?
Seguro que si! Adiante!
Lectura facilitada
Imaxina que tes que mudarte. Nese lugar falan unha lingua propia. Cun grupo de clase crea un documento. Pon información sobre o lugar e a súa lingua.
Completa as tarefas para crear o documento.
Adiante!
Audio
Qué terás que facer?
Coñecerás mellor os compañeiros e compañeiras: gustos, linguas que coñecen...
Realizarás traballos individuais para acadar os coñecementos necesarios para completar as tarefas colectivas.
Buscarás información sobre os diferentes territorios da Península con lingua propia.
Co teu grupo:
indagaredes sobre esa lingua: orixe, número de falantes, familia lingüística...
elaboraredes un pequeno vocabulario con expresións básicas.
crearedes un poema que fale da lingua sobre a que traballas.
traballaredes a oralidade.
Audio
Ao rematares...
Poderás:
Entender: coñecerás os elementos da comunicación.
Socializar: traballarás en equipo.
Respectar: coñecerás a diversidade lingüística peninsular.