Saltar navegación

3.1 Elementos do debuxo técnico

 

Glosario

Cartabón

Debuxo dun cartabón para traballar.

Definición:

Útil que serve para debuxar, ten un ángulo recto e do que os seus lados son desiguais.

Exemplo:

O cartabón e o escuadro son utensilios empregados no debuxo técnico.

Esbozo

O esbozo dunha muller.

Definición:

Deseño inicial dunha creación previo á obra definitiva.

Exemplo:

Comezou facendo tres esbozos ata que conseguiu o que quería.

Escuadro

O escuadro para debuxar.

Definición

Útil que serve para debuxar e medir, ten forma de triángulo rectángulo.

Exemplo

É doado debuxar un ángulo recto cun escuadro.

Perpendicular

As liñas perpendiculares nun eixe.

Definición

Liña ou plano que forma un ángulo recto con outra liña ou outro plano.

Exemplo

Os eixes están situados de xeito perpendicular.

Superposición

Creando paisaxes.

Definición

Poñer algo enriba doutra cousa.

Exemplo

Ao superpoñer unha imaxe enriba doutra, semella estar preto ou lonxe.

As liñas e os ángulos

Monicaco con rectas paralelas, perpendiculares e ángulos

Na arte e nas matemáticas, as liñas e as formas teñen un papel moi importante. Xa coñecedes as figuras xeométricas, e agora imos afondar en como se usan para crear sensacións e ideas nas obras artísticas.

As liñas e a composición artística

Liña horizontalA liña horizontal, unha liña que vai de esquerda a dereita, paralela ao chan, dá unha sensación de calma, descanso e equilibrio. Na natureza, vémola no horizonte, no mar ou nas chairas. Georgia O’Keeffe usaba moitas veces estas liñas para representar paisaxes amplas e tranquilas, como os desertos ou os ceos abertos.

Podemos empregalas para crear profundidade,  ver que algo está máis preto ou máis lonxe. Nun debuxo ou pintura, usamos técnicas para enganar ao ollo e crear esa sensación.

SuperposiciónUnha destas técnicas é a superposición, cando colocamos un obxecto diante doutro, semella que está máis preto. Por exemplo, se debuxamos unha flor diante dunha montaña, entendemos que a flor está máis cerca. Georgia O’Keeffe tamén xogaba con isto nas súas flores xigantes, que semellaban saír do cadro.

ParalelasAs liñas paralelas son dúas ou máis liñas que nunca se cruzan, por moito que se alonguen. Son coma as vías do tren. Usámolas moito en debuxos técnicos ou arquitectónicos, e tamén para marcar perspectivas.

Liñas perpendicularesAs rectas perpendiculares son dúas liñas que se cruzan formando un ángulo recto (90º). Poden atoparse en moitas formas naturais e tamén nas creacións humanas, como nas ventás ou edificios.

Os ángulos e a composición artística

Os ángulos son as aberturas que se forman cando dúas liñas se xuntan nun punto. Existen distintos tipos, e todos teñen moita importancia na composición artística, é dicir, na forma en que se organizan os elementos nun debuxo ou nun cadro para chamar a atención, crear movemento ou transmitir emocións.

Ángulo recto- Ángulo recto (90): é coma o das esquinas dun papel ou dunha ventá. Na arte, os ángulos rectos axudan a crear estruturas firmes e equilibradas. Aparecen moito na arquitectura, nos cadros máis xeométricos e en obras que buscan simetría e orde.
No Home de Vitruvio, Leonardo usa ángulos rectos para encaixar o corpo humano nun cadrado, buscando proporcións perfectas

Ángulo agudo- Ángulo agudo (menos de 90º): é pequeno, semella "pechado" ou afiado, coma a punta dunha montaña. Crea sensacións de tensión ou enerxía.
Nunha composición artística, os ángulos agudos poden atraer a vista cara a un punto importante, ou dar dinamismo a unha figura.

Ángulo obtuso- Ángulo obtuso (máis de 90º): é amplo e parece "aberto". Transmite relaxación ou expansión.
Georgia O’Keeffe emprega formas con ángulos suaves e obtusos nas súas flores, o que fai que parezan grandes, abertas e envolventes, como se nos invitasen a entrar nelas.

A forma e o tipo de liñas e ángulos que uses nun debuxo pode cambiar totalmente o que transmite. Así como escollemos cores para crear emocións, tamén escollemos liñas e ángulos para darlle forza, equilibrio ou movemento a unha obra.

Lectura facilitada

Unha liña horizontal vai de lado a lado, coma o chan.

Transmite calma.

A profundidade fai que unha cousa pareza máis cerca ou máis lonxe.

 A superposición é cando unha cousa tapa outra e semella que está diante.

As liñas paralelas van xuntas pero nunca se cruzan, coma as vías do tren.

As liñas perpendiculares crúzanse formando un ángulo recto.

Un ángulo recto ten forma de esquina (90º).

Un ángulo agudo é pequeno, con menos de 90º.

Un ángulo obtuso é grande, con máis de 90º.

A artista Georgia O’Keeffe usaba liñas horizontais e superposición.

Coa superposición as flores son grandes e as paisaxes tranquilas.

Leonardo da Vinci creou o Home de Vitruvio.

Usa ángulos e proporcións para representar o corpo humano.

Practicamos coas liñas

Probablemente ao longo do noso reto teremos que calcular graficamente a mediatriz dun segmento. 
A mediatriz dun segmento é a recta que o corta pola metade (é dicir, polo seu punto medio) e que ademais é perpendicular a el (forma un ángulo de 90º).

Que precisas?
Un segmento debuxado (por exemplo, o segmento AB)
Un compás
Unha regra (ou escuadro)
Pasos para debuxar a mediatriz:
Abre o compás un pouco máis da metade do segmento AB.
Pica no punto A e traza un arco por riba e por baixo do segmento.
Sen cambiar a abertura do compás, pica agora no punto B e traza outros dous arcos que corten cos anteriores.
Marca os puntos de corte dos arcos por enriba e por debaixo.
Úneos cunha regra: esa liña é a mediatriz do segmento AB.
Todos os puntos da mediatriz están á mesma distancia dos extremos A e B.

Proba a facelo ti: 

1. Debuxa un segmento AB de 6 cm.
2. Calcula e debuxa a súa mediatriz seguindo os pasos anteriores.
3. Marca o punto onde a mediatriz corta o segmento: ese é o seu punto medio.
4. Mide con regra: ese punto está a 3 cm de A e de B?

3.1 Practicamos coas liñas

Podes descargar este documento en PDFpremendo a imaxe, ou en ODP.

Se o precisas, consulta có profesorado o xeito de cubrila.

Practicamos cos ángulos

 O escuadro e o cartabón son ferramentas que usamos para debuxar ángulos con precisión, e que de seguro nos serán moi útiles para o noso reto. Cada un ten uns ángulos fixos:

O escuadro ten ángulos de 90º, 45º e 45º.
O cartabón ten ángulos de 90º, 60º e 30º.
Podemos sumar ou restar ángulos colocando os instrumentos uns enriba doutros. Por exemplo:

Se colocas o ángulo de 60º do cartabón xunto co de 30º do mesmo cartabón, obterás un ángulo recto de 90º.
Se colocas un ángulo de 45º do escuadro xunto co de 30º do cartabón, formarás un ángulo de 75º.
Para restar, podes pensar: se o escuadro ten 90º e colocas o ángulo de 45º enriba, quedarán 45º.

Truco: Podes usar os lados rectos para aliñar e saber como se combinan os ángulos.

Agora proba ti: 

1. Colle o teu escuadro e cartabón.

2. Proba estas combinacións e debuxa os ángulos nun caderno:

a) Fai un ángulo de 75º usando dúas pezas.
b) Fai un ángulo de 30º.
c) Fai un ángulo de 105º sumando dous ángulos.
d) Resta un ángulo de 45º a un de 90º. Canto che queda?

3. Escribe ou debuxa como colocaches as regras para conseguir cada un.

3.1 Practicamos cos ángulos

Podes descargar este documento en PDF premendo a imaxe, ou en ODP.

Se o precisas, consulta co profesorado o xeito de cubrila.

Perspectiva e profundidade

Fotografía dun camiño en perspectiva con árbores á dereitaA perspectiva é unha técnica que utilizamos para debuxar obxectos en tres dimensións sobre unha superficie plana. Axúdanos a crear a ilusión de profundidade e distancia, facendo que unhas cousas parezan máis preto e outras máis lonxe.

Como funciona a perspectiva?
A perspectiva baséase en liñas e puntos de fuga. Un punto de fuga é o lugar do debuxo onde as liñas que van cara ao fondo parecen xuntarse. Pensa, por exemplo, cando miras unha rúa longa: os edificios e as beirarrúas parecen estreitarse ata un punto no horizonte.

Tipos de perspectiva:
- Perspectiva dun punto: úsase cando só hai un punto de fuga. É moi común para debuxar rúas ou corredores.
- Perspectiva de dous puntos : empregamos dous puntos de fuga, como cando debuxamos un edificio visto dende unha esquina.
- Perspectiva aérea:  cando os obxectos afastados parecen máis claros e menos detallados, como nas montañas ao lonxe.

Georgia O’Keeffe usou a perspectiva de maneira moi especial nas súas pinturas de Nova York. Nos seus cadros, os edificios semellan subir cara ao ceo, xogando coas liñas e os ángulos para darlle forza e movemento á cidade. Os seus cadros son un exemplo perfecto de como a perspectiva pode darlle vida a unha obra de arte.

Lectura facilitada

A perspectiva é unha técnica que utilizamos para debuxar.

Así podemos debuxar obxectos en tres dimensións sobre unha superficie plana.

A profundidade e a distancia tamén axudan no debuxo.

Os obxectos parecen máis preto ou máis lonxe.

Como funciona a perspectiva?

Temos liñas e puntos de fuga.

Un punto de fuga é onde as liñas parecen xuntarse.

Pensa en cando miras unha rúa longa,

naquel punto do debuxo no que as beirarrúas parecen estreitarse.

Tipos de perspectiva:

- Perspectiva dun só punto.

- Perspectiva de dous puntos.

- Perspectiva aérea

Georgia O’Keeffe usou a perspectiva nos seus cadros.

Xogaba coas liñas e os ángulos.

Georgia O'Keeffe coa perspectiva dálle vida a súa obra.

Escolle a opción que prefiras

Precisas recoñecer con soltura as figuras xeométricas, os tipos de liña, os tipos de ángulo e recordar o que transmite cada un deles.

Precisas recordar e manexar con soltura o que transmite cada tipo de ángulo nunha creación artística.

Precisas ser quen de reproducir liñas, ángulos e figuras xeométricas para crear un elemento artístico novo.

Opción A: Buscando liñas, figuras e ángulos nas obras de arte

Observa con atención estas tres obras artísticas:

Verás que aparecen diferentes tipos de ángulos, liñas e figuras xeométricas.

- A obra Prismes électriques de Sonia Delaunay.

Obra abstracta de Sonia Delaunay   

- A obra Lake George Reflections de Georgia O'Keeffe.

 Obra pictórica de Georgia O'Keeffe 

- O Home de Vitruvio de Leonardo da Vinci.

 Debuxo de Leonardo da VInci

Responde no teu caderno:

- Que tipos de ángulos ves? (recto, agudo, obtuso).

- Que liñas podes apreciar? (rectas, curvas, horizontais, verticais, paralelas, perpendiculares...).

- Que figuras podes atopar? (triángulos, círculos, rectángulos...).

- Que sensación cres que transmite a obra? (orde, enerxía, calma…).

- Onde poderías empregar ese tipo de ángulo, liña ou figura na túa cidade de cartón?

Opción B: Aventura de ángulos: misión artística

Pregunta

Queres construír unha ponte que transmita forza e equilibrio. Que tipo de ángulo escolles para o seu deseño?

Respostas

Ángulo recto

Ángulo agudo

Ángulo obtuso

Retroalimentación

Pregunta

Queres crear unha praza tranquila e acolledora. Que tipo de ángulo escolles para os bancos e camiños?

Respostas

Ángulo agudo

Ángulo recto

Ángulo obtuso

Retroalimentación

Pregunta

Queres construír unha escultura que chame a atención e cree sensación de movemento. Que tipo de ángulo usas?

Respostas

Ángulo recto

Ángulo agudo

Ángulo obtuso

Retroalimentación

Opción C: Creando arte coa xeometría

Agora é o teu momento de deseñar!

Elixe unha parte da cidade de cartón que che gustaría crear: unha casa, unha praza, un parque, unha escultura…

Fai un debuxo no papel ou nun programa dixital coa forma que terá o teu elemento. Este debuxo servirá de boceto para esa parte da futura cidade.
Marca claramente os ángulos, liñas e figuras xeométricas que usas no deseño.

Detrás do teu boceto, escribe un breve texto explicando:

- Que tipo de ángulos, liñas e figuras que empregaches.
- Que queres transmitir coa túa creación (orde, enerxía, calma...).
- Onde se colocará na cidade colgante.

Este boceto podes engadilo ao mural de inspiración!

Lectura facilitada

Agora é o teu momento de deseñar!

Esta cidade de cartón terá moitas construcións.

Pode ter unha casa, unha praza ou un parque.

Pensa en que máis cousas pode ter.

Elixe unha parte da cidade para creala.

Fai un debuxo no papel ou nun programa dixital coa forma que terá o teu elemento.

Este debuxo é unha primeira idea.

Debuxa claramente os ángulos, liñas e figuras xeométricas que usas.

Escribe un breve texto detrás do boceto.

Nese texto explica:

-Os ángulos, liñas e figuras que empregaches.

-Que queres transmitir coa túa creación (por exemplo, orde, enerxía ou calma).

-Onde se colocará na cidade colgante.

Este boceto podes engadilo ao mural de inspiración!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)