Saltar navegación

4.1 Imos polo reto

 

Glosario

Acetato

Follas de acetato

Definición:

É un material que se pode conseguir en formato de folla para utilizar con distinta finalidade no diseño ou na creacións de filmes ou fotografías.

Exemplo:

As xanelas dos edificios da maqueta fixéronas con papel de acetato.

Banda deseñada

Historia en banda deseñada

Definición:

Conxunto de debuxos secuenciados en varios cadros que tamén contan con texto cos que se conta algo.

Exemplo:

Podes elaborar unha historia en forma de banda deseñada.

Ensamblar

Ensamblar as pezas.

Definición:

A unión de dúas pezas entre si, máis concretamente as de madeira.

Exemplo:

Cando montamos os mobles ensamblamos as pezas sen dificultade.

Maqueta

Unha maqueta da natureza.

Definición:

Copia dunha estrutura en tamaño reducido.

Exemplo:

A exposición era de maquetas de distintas partes da cidade.

O noso reto: a nosa cidade suspendida

Monicaco cunha banderola na man e arriba da escaleira.

Imos construír unha cidade de cartón inspirada en Nova York!

Sabías que Nova York foi unha das cidades que máis inspiraron á pintora Georgia O’Keeffe? As súas luces, os seus edificios xigantes e a súa vida sempre en movemento apareceron en moitas das súas obras. Agora é a nosa quenda de deixarnos levar por esa cidade chea de formas, volumes e emocións para crear unha instalación artística moi especial: unha maqueta dunha cidade de cartón colgada boca abaixo do teito. Este será o verdadeiro reto, que a cidade estea boca abaixo dende o teito cara ao chan. Ao entrar na instalación teremos toda a cidade de Nova York cando miremos cara arriba!

Xa falamos do que significa traballar a escala e de como as maquetas son representacións máis pequenas da realidade. Tamén sabemos identificar as formas xeométricas en 3D, como cubos, prismas ou cilindros, e imos utilizalas para construír os edificios, as pontes e ata os taxis desta cidade soñada.

Pero non só construiremos con cartón: queremos experimentar! Podedes engadir texturas con la, fíos ou tecidos, crear ventás con acetato ou materiais translúcidos de cores e incluso xogar con puntos de luz para conseguir efectos de sombras, reflexos ou ambientes diferentes. Pensade que as persoas que visiten a instalación teñen que sentirse como se estivesen dentro dunha cidade máxica, feita de imaxinación.

Preparádevos para deseñar, cortar, pegar, probar e sorprender! Esta será unha cidade única, feita coas vosas mans e chea da vosa creatividade.

Lectura facilitada

Imos construír unha cidade de cartón.

A cidade parécese a Nova York!

Georgia O’Keeffe usa Nova York nas súas obras.

Nova York aparece nas súas obras.

Agora crea unha maqueta dunha cidade de cartón.

A idea é colgala boca abaixo do teito.

A esa creación chamámoslle instalación artística.

A instalación é a cidade de Nova York.

As maquetas son representacións máis pequenas da realidade.

Utilizamos as formas xeométricas en 3D para construír os edificios, as pontes ou taxis desta cidade.

As formas xeométricas en 3D son cubos, prismas ou cilindros.

Podedes engadir texturas novas:

- La.

- Fíos ou tecidos.

- Acetato.

- Outros materiais translúcidos.

É importante pensar nas emocións dentro da cidade.

Usa a túa creatividade no deseño.

A inspiración

É o momento de observar ben o noso mural de inspiración e recoller todas esas ideas que fomos atopando, as texturas, as figuras... É o momento de comezar a construír a partir de toda esa inspiración.

Escolle a opción que prefiras

Para a consecución do noso reto, cada equipo de catro persoas partirá dun cadrado de cartón de 100 cm x 100 cm. Esta será a vosa "parcela" de cidade. Sobre esta base construiredes a vosa parte. Unha vez todas as "parcelas" estean completadas comezaremos coa fase de ensamblado, unindo unhas parcelas con outras ata ter a cidade completa. Podedes poñervos de acordo entre os equipos para que logo a unión dos diferentes cadrados sexa máis harmónica.

Se precisades máis espazo podedes coller outro metro cadrado de cartón e continuar creando.

Agora cada equipo debe escoller unha opción para a súa parcela de cidade: 

Precisas ter ganas de asumir un reto creativo.

Precisas ter ganas de camiñar sobre seguro, con creatividade pero con elementos de apoio.

Precisas ter ganas de asumir un reto non só creativo e artístico, senón tamén técnico.

Opción A: Arquitectas e arquitectos da luz

Nova York é unha cidade chea de luces, reflexións e ventás que brillan tanto de día como de noite. Neste nivel, seredes artistas e inventoras e inventores da luz. O voso reto é construír edificios que combinen formas e xoguen coa luz e as texturas para crear efectos sorprendentes.

Materiais necesarios:

- Cartón
- Acetato ou plásticos de cores
- Luces LED pequenas (tipo tea light ou luces de batería)
- Fíos, tecidos, la
- Tesoiras, regras, pegamento forte ou pistola térmica


Pasos que debemos seguir:

- Deseña un edificio con varias formas (por exemplo, un cubo con unha torre cilíndrica enriba).
- Constrúe as partes por separado e úneas con coidado.
- Corta ventás e cúbreas con acetato ou plástico translúcido.
- Engade luces dentro para crear efectos.
- Incorpora tecidos, fíos ou outros materiais que acheguen textura e cor.

Podes probar a...

- Usar tecidos semitransparentes para simular cortinas ou teitos.
- Crear unha fachada que cambie segundo a luz que recibe.
- Colocar un punto de luz dentro do edificio para que as ventás brillen na instalación.

Opción B: Exploradoras e exploradores da cidade

Imos comezar a construír a nosa cidade de cartón! Como se foramos urbanistas ou construtoras e construtores reais, deseñaremos os primeiros edificios usando formas xeométricas en 3D. A vosa misión é crear unha parte da cidade onde se vexan ben as formas, as dimensións e os detalles das fachadas. Aquí é onde todo comeza!

Materiais necesarios:

- Cartón
- Tesoiras
- Regras e esquadras
- Lápis e marcadores
- Pegamento e/ou cinta adhesiva
Cartolina ou papel de cores para ventás e portas

Pasos a seguir:

- Elixe unha forma 3D (cubo, prisma rectangular ou cilindro).
- Debuxa o despregable da figura no cartón usando regras e esquadras.
- Recorta e prega con coidado, logo pega para formar o volume.
- Decora o edificio: engade ventás, portas e outros detalles con papel ou marcadores.
- Dálle nome ao teu edificio e pensa onde pode encaixar dentro da cidade.

Podes probar a...

- Usar cartolina azul para simular ventás reflectindo o ceo.
- Facer edificios máis altos superpoñendo dúas figuras.
- Engadir carteis, letreiros ou debuxos que fagan o edificio único.

Opción C: Deseñadoras e deseñadores da experiencia urbana

Neste nivel, conveterédesvos en artistas da cidade. Non só construiremos edificios, senón que imos crear experiencias: lugares que xeren emocións, que se transformen coa luz ou o movemento, que sorprendan a quen os visite. A cidade converterase nun espazo artístico e cheo de imaxinación.

Materiais necesarios:

- Cartón resistente
- Estruturas colgantes (fíos, paus, arames, varas…)
- Elementos que se poidan mover (móbiles, aspas, rodas...)
- Luces, acetato, papel de cores
- Elementos naturais (palla, paus, area, pedras...)
- Pistola de cola ou fixacións seguras


Pasos que debemos seguir:

- Pensa que emoción ou sensación queres provocar: sorpresa, calma, intriga, movemento...
- Deseña unha estrutura que xogue coas formas, as alturas ou os materiais.
- Constrúe formas complexas ou irregulares, con movemento ou efectos ópticos.
- Incorpora elementos colgantes ou móbiles, xogando coa luz ou o vento.
- Presenta a túa obra ao grupo explicando a súa intención artística.

Podes probar a...

- Crear un edificio que se mova cun ventilador suave.
- Facer unha torre que cambie de cor segundo a luz.
- Deseñar unha “zona sonora” onde o público poida interactuar co espazo.

Feito con eXeLearning (Nova xanela)