Unha instalación artística
Unha instalación artística é unha forma de arte que enche un espazo e fai que quen a visita se sinta dentro da obra. Non é un cadro colgado nunha parede, nin unha escultura colocada nun pedestal. É algo que envolve o lugar enteiro: pode estar no chan, nas paredes, no teito… Ou en todo ao mesmo tempo!
Na imaxe podes ver unha instalación artística de Yayoi Kusama (artista xaponesa). Seguro que aprecias que xoga con espellos e con luces para crear unha atmosfera única. Esta é a esencia dunha instalación artística.
Nas instalacións artísticas, a idea e a experiencia son moi importantes. As persoas que a visitan poden camiñar por ela, mirar dende diferentes puntos de vista, e ás veces ata tocalas ou formar parte da obra.
As instalacións poden estar feitas con todo tipo de materiais: madeira, papel, tecido, luz, son, obxectos reciclados… E mesmo cartón!
Nesta ocasión, imos crear unha instalación artística xigante feita en grupo: unha cidade de cartón colgada do teito, como se estiveramos vendo Nova York dende o ceo.
Nova York é unha cidade chea de luces, rúas, rañaceos e movemento. Foi unha gran inspiración para Georgia O’Keeffe, unha pintora que soubo mirar máis alá dos edificios e atopar beleza na cidade moderna.
Como artistas, queremos transformar o espazo da aula nunha obra de arte: entre todas e todos construiremos edificios, pontes, rúas e espazos inspirados en Nova York, xogando coa luz, as formas e os volumes. A nosa cidade será como un soño colgado no aire.
Lectura facilitada
Que é unha instalación artística?
Unha instalación artística é unha obra de arte moi especial.
Non é un cadro colgado na parede.
Tampouco é unha escultura enriba dun pedestal.
É unha obra que ocupa todo o espazo.
Pode estar no chan, nas paredes e tamén no teito.
Ás veces ocupa todo ao mesmo tempo.
Cando visitas unha instalación artística,
parece que entras dentro da obra.
Non só a miras, tamén a sintes.
Un exemplo dunha artista famosa
Na imaxe podes ver unha instalación de Yayoi Kusama.
Yayoi Kusama é unha artista do Xapón.
Ela usa espellos e luces.
Así crea unha sensación especial.
Parece que estás dentro dun soño.
Isto é unha instalación artística:
un lugar que cambia coas cores, as formas e a luz.
Que pasa cando visitas unha instalación?
As instalacións non se miran só dende fóra.
Tamén podes camiñar por elas.
Podes miralas dende distintos sitios.
Ás veces, podes tocala ou formar parte dela.
Con que se pode facer unha instalación?
Pódense usar moitos materiais diferentes:
- Madeira.
- Papel.
- Tecido.
- Luz.
- Son.
- Cartón.
- Tamén se poden usar obxectos reciclados.
Que imos facer na aula?
Agora imos facer unha instalación artística.
Será moi grande.
Imos facela entre todas as persoas da clase.
A nosa instalación será unha cidade de cartón.
A cidade colgará do teito da aula.
Parecerá que estamos vendo Nova York dende o ceo.
Por que escollemos Nova York?
Nova York é unha cidade con moita luz.
Moitos edificios altos e moito movemento.
A pintora Georgia O’Keeffe viviu en Nova York.
Ela pintou a cidade dunha maneira diferente.
Soubo ver a beleza entre os edificios.
Que faremos como artistas?
Imos transformar a aula nunha obra de arte.
Construiremos:
- Edificios.
- Rúas.
- Pontes.
- Prazas.
Inspirarémonos en Nova York.
Tamén xogaremos coa luz, as formas e os volumes.
A nosa cidade parecerá un soño colgado no aire.
Audio
Apoio visual

