Saltar navegación

2.2. Lembramos: disciplinas e estilos artísticos

 

Glosario

Bodegón

Imaxe de un bodegón

Definición:

Creación en pintura con algúns elementos sen vida como poden ser flores, alimentos ou aparellos de cociña.

Exemplo:

O bodegón é unha obra de arte que tamén é coñecida como natureza morta.

Disciplina

Disciplinas artísticas.

Definición:

Partes nas que se pode dividir unha área de estudo.

Exemplo:

Interésalle calquera disciplina artística menos a música.

Modernismo

Imaxe de unha obra que semella modernista

Definición:

Corrente artística e cultural que achegaba novas ideas e aspectos innovadores arredor dos séculos XIX e XX.

Exemplo:

Algunhas obras que pertencen ao modernismo foron moi coñecidas.

A visión innovadora dun clásico: O bodegón

Nos retos anteriores exploramos diferentes disciplinas artísticas, como a pintura, a escultura, a arquitectura, a fotografía e o cine. A arte permítenos expresar sentimentos, ideas e formas de ver o mundo, e cada disciplina ten as súa propias técnicas e materiais.

Tamén traballamos con diferentes estilos artísticos, entre eles:

Art Déco: Caracterizado por liñas xeométricas, deseños luxosos e simetría.
Modernismo: Inspirado na natureza, con formas curvadas, motivos florais e o uso de materiais innovadores.
Arte Abstracta: Rompe co realismo e usa cores, formas e liñas para expresar ideas ou emocións.

Nesta ocasión, imos afondar na pintura e nos temas que se poden representar a través dela. Un deses temas é o bodegón, un tipo de composición que representa obxectos cotiáns, como froitas, flores ou utensilios, e que foi tratado con diferentes técnicas e estilos ao longo da historia.

Pintura dun bodegón con froita, vexetais, paxaros, lebre e xerras.Pintura dun bodegón: Floreiro con doce xirasois.

Unha artista que explorou o bodegón dunha forma innovadora foi Georgia O'Keeffe. Aínda que o bodegón foi unha temática clásica presente en case todos os estilos pictóricos, O'Keeffe revolucionou a súa representación ao afastarse do realismo tradicional e optar por unha visión máis íntima e expresiva. As súas obras caracterízanse por grandes representacións de flores, nas que agranda os detalles ata transformar os obxectos en formas case abstractas. Con cores intensas, liñas suaves e unha forte exploración da luz e das sombras, O'Keeffe conseguiu darlle unha nova dimensión ao bodegón, converténdoo nunha experiencia sensorial e evocadora. A súa arte non só representa obxectos, senón que tamén transmite emocións, sensacións e unha conexión profunda coa natureza.

Lectura facilitada

Nas actividades anteriores coñecemos diferentes tipos de arte.

Por exemplo:

- A pintura.

- A escultura.

- A arquitectura.

- A fotografía.

- O cine.

A arte serve para expresar o que sentimos e o que pensamos.

Tamén serve para mostrar como vemos o mundo.

Cada tipo de arte usa técnicas e materiais distintos.

Tamén coñecemos algúns estilos diferentes:

- Art Déco: Usa liñas rectas, formas xeométricas e deseños moi coidados.

- Modernismo: Inspírase na natureza. Usa formas curvas, flores e materiais novos.

- Arte abstracta: Non representa a realidade tal como é.

Usa cores e formas para expresar emocións ou ideas.

Agora imos aprender máis cousas sobre a pintura.

A pintura tamén pode mostrar temas diferentes.

Un deses temas é o bodegón.

Que é un bodegón?

Un bodegón é unha pintura que mostra obxectos de uso diario.

Por exemplo:

- Froitas.

- Verduras.

- Flores.

- Utensilios de cociña.

Cada artista pode pintar un bodegón dun xeito distinto.

Pode usar cores, formas e técnicas diferentes.

Unha artista moi importante é Georgia O’Keeffe.

Ela tamén pintou bodegóns, pero dunha maneira nova.

Non quería facer unha copia exacta da realidade.

Quería expresar sentimentos.

Georgia O’Keeffe pintaba flores moi grandes.

Fixábase moito nos detalles.

As súas obras teñen cores moi vivas e liñas suaves.

Tamén xogaba coa luz e coa sombra.

Os seus cadros non só mostran obxectos.

Tamén transmiten emocións e sensacións.

Conectan coa natureza e co que sentimos.

Crea o teu bodegón ao estilo de Georgia O'keeffe

Agora que revisamos as diferentes disciplinas e estilos, imos poñer en práctica a nosa creatividade inspirándonos nos estilos que xa coñecemos. Escolle unha das seguintes propostas.

Bodegón con lapis e sombreado

- Escolle unha flor ou froita e obsérvaa con detalle.
- Debuxa os contornos con trazo suave e engade sombras para darlle volume.
- Reforza as curvas e liñas para resaltar a súa forma.

Bodegón con cores e texturas

- Representa a mesma flor ou froita pero utilizando cores vibrantes.
- Experimenta con pinceis ou ceras para crear sensacións de textura.
- Xoga coas luces e sombras para destacar os elementos principais.

Bodegón ao estilo de Georgia O'Keeffe

- Agranda o obxecto no papel, como facía O'Keeffe, para captar toda a súa esencia.
- Usa cores intensas e degradados para destacar os detalles.
- Fai que a túa obra sexa expresiva e transmita unha emoción ou sentimento.

POSTA EN COMÚN

Ao rematar, reflexiona sobre como a arte nos permite representar a realidade de formas moi diversas.

En grande grupo, amosade as vosas obras e comentade as vosas reflexións: 

- Que estilo che inspirou máis?

- Como te fixo sentir crear o teu bodegón?

Diario de aprendizaxe

Imaxe do diario de aprendizaxe no proxecto cREAgal. Amosa un lapis e un caderno co logotipo do proxecto na tapaAgora é o momento de facer unha pausa e reflexionar sobre os pasos que damos para poder realizar o reto.

Utilizaremos o apartado da fase 2 do diario de aprendizaxe, primeiro ti e despois co teu grupo.

Ánimo!

Lectura facilitada

Agora fai unha pausa e reflexiona.

Atende aos pasos que das para poder realizar o reto.

Utilizamos o apartado da fase 2 do diario de aprendizaxe

Primeiro é individual e despois co teu grupo.

Ánimo!

Feito con eXeLearning (Nova xanela)