Glosario
Colaxe
-
Definición:
-
Técnica que consiste en encaixar nunha totalidade distintos elementos.
-
Exemplo:
-
O cadro que lle regalaron estaba feito coa técnica de colaxe.
Definición:
Técnica que consiste en encaixar nunha totalidade distintos elementos.
Exemplo:
O cadro que lle regalaron estaba feito coa técnica de colaxe.
O debuxo xeométrico é unha ferramenta que nos axuda a entender e crear formas usando liñas, puntos, ángulos e figuras como o círculo, o cadrado ou o triángulo. Aínda que parece moi matemático, tamén está moi presente no mundo do arte e da arquitectura.
Por exemplo, moitos e moitas artistas usan figuras xeométricas para facer cadros que parecen feitos con regras e compás, pero que transmiten emocións, ideas ou sensacións. É o caso da arte abstracta, onde os triángulos, cadrados e círculos se combinan para crear obras moi orixinais.
Un exemplo moi coñecido é o de Leonardo da Vinci, un gran artista e inventor que unía a ciencia coa arte. Nos seus cadernos de debuxos estudaba o corpo humano, a natureza e as máquinas usando a xeometría. A súa obra chamada O Home de Vitruvio mostra como o corpo humano se pode encaixar perfectamente nun círculo e nun cadrado, demostrando que a natureza tamén segue proporcións xeométricas.
Na arquitectura, é dicir, no deseño de edificios e construcións, o debuxo xeométrico é fundamental. Axuda a que as casas, escolas, pontes ou igrexas sexan fermosas, seguras e ben proporcionadas. Antigamente, por exemplo, os e as arquitectas das pirámides de Exipto ou das catedrais medievais empregaban xeometría para calcular as medidas exactas e facer estruturas que durasen séculos.
O debuxo xeométrico permítenos crear con precisión e tamén imaxinar sen límites, mesturando a lóxica coa creatividade. É como unha ponte entre as matemáticas e a arte, onde todos e todas podemos explorar, debuxar e soñar.
Agora imos afondar un pouco máis no debuxo xeométrico para poder aplicalo no noso reto. Preparadas e preparados? Imos aló!
Que é o debuxo xeométrico?
O debuxo xeométrico serve para facer e entender formas.
Usamos:
- Liñas.
- Puntos.
- Ángulos.
- Figuras como círculos, cadrados ou triángulos.
Parece algo moi matemático, pero tamén forma parte do mundo da arte e da arquitectura.
Arte e debuxo xeométrico
Na arte, moitas persoas usan figuras xeométricas para facer cadros.
Estes cadros poden parecer feitos con regra e compás.
Pero tamén poden mostrar ideas, emocións ou sensacións.
Na arte abstracta, por exemplo, usamos triángulos, cadrados ou círculos para facer obras diferentes.
Leonardo da Vinci
Leonardo da Vinci foi un artista e inventor moi importante.
El mesturaba a ciencia coa arte.
Nos seus cadernos, facía debuxos sobre o corpo humano, a natureza e as máquinas.
Usaba a xeometría para estudar estas cousas.
Un dos seus debuxos máis famosos chámase O home de Vitruvio.
Neste debuxo, o corpo dunha persoa encaixa dentro dun círculo e dun cadrado.
Este debuxo mostra que o corpo humano tamén segue regras xeométricas.
Arquitectura e debuxo xeométrico
A arquitectura é o deseño de edificios, pontes ou casas.
Para facer estes deseños, o debuxo xeométrico é moi importante.
Axuda a que os edificios sexan fermosos, seguros e ben feitos.
Hai moitos anos, as persoas que construíron as pirámides de Exipto ou as catedrais usaban xeometría.
Así podían facer estruturas que durasen moito tempo.
Para que serve o debuxo xeométrico?
O debuxo xeométrico axúdanos a crear con precisión.
Tamén serve para imaxinar cousas novas.
Mestura as matemáticas coa creatividade.
É unha ponte entre a lóxica e a arte.
Todas as persoas poden usar o debuxo xeométrico para explorar, debuxar e soñar.
Imos practicar!
Agora imos aprender máis sobre o debuxo xeométrico.
Así poderemos usalo no noso reto.
Preparadas e preparados?
Imos aló!

Xa comezamos a crear o noso mural de inspiración para deseñar a nosa cidade suspendida. Nel fomos colocando imaxes de cidades e rañaceos que nos pareceron fermosos, curiosos ou que nos chamaron a atención polas súas formas e cores. Tamén engadimos materiais diferentes como papel, cartóns con texturas, la ou cintas… Todo serve para inspirarnos!
Agora imos dar un pasiño máis: imos engadir figuras e elementos xeométricos ao noso mural. As cidades están cheas de xeometría: cadrados, rectángulos, círculos, triángulos, prismas, cilindros… Observade as formas que atopades nos edificios, nas ventás, nos tellados, nas pontes… A que son interesantes?
En equipos de catro persoas, buscade e recortade imaxes que teñan formas xeométricas que vos inspiren. Podedes debuxalas vós mesmas tamén! Pensade en como esas figuras poderían formar parte da vosa cidade suspendida: un rañaceos cilíndrico? Unha ponte triangular? Unha casa con forma de pirámide?
Que podedes engadir ao mural?
- Debuxos ou fotos de figuras xeométricas.
- Collages feitos por vós con diferentes formas.
- Pezas de cartón ou papel con formas recortadas.
- Todo aquilo que vos inspire e vos axude a imaxinar mellor a vosa cidade soñada.
Xa creamos un mural.
Colocamos as imaxes de cidades e rañaceos máis bonitas no mural.
Tamén engadimos materiais diferentes como papel, cartóns, la ou cintas.
Axudan a inspirarnos!
Agora engadimos figuras xeométricas:
- Cadrados.
- Rectángulos.
- Círculos.
- Triángulos.
- Prismas.
- Cilindros.
Observade as formas que atopades por exemplo nos edificios, nas ventás ou nas pontes.
Facede equipos de catro persoas.
En equipo buscade e recortade imaxes que teñan formas xeométricas.
Tamén as podedes imaxinar e debuxar vós.
E pensar cal é o mellor lugar para esa imaxe na vosa cidade.
Que podedes engadir ao mural?
- Debuxos ou fotos de figuras xeométricas.
- Collages feitos por vós con diferentes formas.
- Pezas de cartón ou papel.
- Aquilo que vos axude a crear a vosa cidade soñada.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Atribución Non-comercial Compartir igual 4.0