Primeiros pratos: Investigamos
Que entendemos por gastronomía?
A gastronomía é a arte de elaborar unha boa comida. Se entendemos a gastronomía como unha arte podemos descubrir a súa frecuente fusión con outras disciplinas artísticas nas que actúa ás veces como fonte de inspiración ou mesmo como compoñente fundamental. Nesta primeira parte do noso proxecto investigaremos as relacións que se establecen entre a cociña e pintura, o cine ou a literatura mediante algúns exemplos.
Porén, gastronomía tamén se define como o conxunto de pratos e usos culinarios dun determinado lugar. Por iso cómpre que indaguemos un pouquiño sobre diferentes tipos de cociña que podemos degustar dependendo dos ingredientes empregados para a súa elaboración, así como a riqueza e variedade que en cada país convirte á arte culinaria nun elemento diferenciador da súa cultura. O gusto polo bo comer que é a gastronomía terá sabores, preparacións, costumes ou horarios particulares segundo o punto do planeta no que nos atopemos.
Por último, o comer ben non so se refire ao disfrute dos padais, tamén garda relación coa saúde, posto que manter unha alimentación sa e equilibrada é fundamental á hora de coidar o noso organismo. No último punto deste apartado veremos como conseguir unha dieta saudable.
A etimoloxía da palabra gastronomía remite ao grego γαστρονομία (gastronomía), de aí obtemos o elemento compositivo gastro- (estómago), que forma parte doutras moitas palabras en galego e en castelán. Pensa ou busca ti mesmo algúns exemplos.
E como se di en inglés?
Os diferentes significados que posúe a palabra gastronomía ("arte de elaborar unha boa comida" e " gusto por comer ben") diferéncianse en inglés con dúas palabras: cookery / gastromony. Facede clic nas anteriores palabras e comprobade en que consiste a diferenza de significado.
Procuramos información en Internet
De entrada, canto máis concreto, mellor
Usar un buscador en Internet non é moi diferente de buscar cousas na túa casa. Imaxina que perdiches unha chaqueta e queres poñela para ir ao insti, como lle preguntarías a teu pai?
- Papá, onde está a chaqueta?
Ao que teu pai responderá, loxicamente:
- Que chaqueta?
E aquí tes que empezar a concretar:
- A chaqueta verde.
- A chaqueta verde de punto? -apuntará teu pai.
- Si, a (chaqueta verde de punto) que ten os cóbados marróns!-dirás ti entusiasmado.
- Tela no terceiro caixón do teu roupeiro, é dicir, no seu sitio... -concluirá el con certo fastío.
Como podes ver, fuches do máis xeral (“chaqueta”) ao máis concreto (“chaqueta verde de punto que ten os cóbados marróns”) para que teu pai che puidese botar unha man. Do mesmo xeito hai que facer cos buscadores en Internet. Fagamos unha proba e vexamos os resultados.
Imaxina que queres saber máis cousas sobre os beneficios do chocolate. Descarga o “Modelo de procura de información” e fai unha busca coas opcións que se che indican e logo valora os resultados.
Buscar páxinas actualizadas
É importante, por exemplo no caso da feira gastronómica, que algunhas informacións estean actualizadas (horarios de visitas, exposicións...). Podemos usar as ferramentas de busca máis habituais que ofrecen a meirande parte dos buscadores. Entre as súas opcións, podemos buscar páxinas segundo a data de creación/actualización, o lugar onde se atopan gardadas, o tipo de arquivo, o tamaño deste, os dereitos de autor, etc.
Usar imaxes libres
Como en todos libros de cociña, no noso empregaremos tamén imaxes, mapas ou planos localizado principalmente en Internet. Malia ser tan doado baixar, copiar ou gardar unha imaxe, debemos ter en conta que:
-
Moitas das imaxes que atopamos na rede teñen “copyright”, ou “todos os dereitos reservados”. Isto quere dicir que quen a subiu á rede decidiu que outras persoas non poden utilizala. Polo tanto,o seu uso, sobre todo se a utilizamos nun traballo de clase que logo se publicará en Internet (no blog da aula, a web do centro, a revista dixital...) non é legal, nin moito menos correcto.
-
Outras imaxes teñen un tipo de licenza de uso particular, as Creative Commons (CC). Dentro delas hai varios modelos dos cales poderemos usar con total liberdade só algúns, sempre citando a súa autoría e respectando os termos que o seu autor ou autora estableceu.
As licenzas Creative Commons ou CC
Fíxate no seguinte conxunto de logos e contesta as cuestións:
Para non termos o problema de usar imaxes sen licenza, case todos os buscadores inclúen opcións para filtrar os resultados pola súa licenza de uso. Para non nos complicar podemos usar o buscador CCSearch que se atopa no seguinte enderezo web https://search.creativecommons.org/
Revisaremos as indicacións da presentación “Busca de imaxes en Internet” e practicaremos cos procedementos antes de facer a procura definitiva.
Practicamos...
Como buscamos as imaxes?
Para non termos o problema de usar imaxes sen licenza, case todos os buscadores inclúen opcións para filtrar os resultados pola súa licenza de uso. Non nos complicaremos se usamos o buscador CCSearch que se atopa no seguinte enderezo web https://search.creativecommons.org/. Outra opción interesante é usar as ferramentas específicas que ofrecen outros buscadores como Google.
Revisaremos as indicacións da presentación “Busca de imaxes en Internet” e practicaremos cos procedementos antes de facer a procura definitiva. Clica na ligazón que está debaixa da imaxe.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0