Saltar navegación

Entrantes

Do gusto pola comida ao gusto pola cociña

Ser cociñeiro, cando tes dez anos e moita fame o 85% do tempo, non é nada fácil. Eu trato de seguir as instrucións do libro de cociña con todas as miñas forzas, pero as cousas nunca son tan sinxelas cando te pos mans á obra. Volveume pasar coas magdalenas. Despois de bater, engadir os ingredientes e encher os sombreiriños brancos, acabei coa camisa e o pelo todo enlarafuzado de crema amarela. Un auténtico noxo! Desta volta ninguén ía librarme de que mamá me metese directamente na lavadora.

Escarlatina, a cociñeira defunta. Ledicia Costas

Así da comezo está pequena aventura de Román, un cociñeiro amateur protagonista de Escarlatina, a cociñeira defunta, escrito pola viguesa Ledicia Costas. A Román encántalle cociñar, pero sobre todo disfruta desgustando o que cociña, en especial os pratos doces feitos con chocolate, o ingrediente preferido das súas receitas. Tal é o seu entusiasmo pola cociña que lle pide a seus pais que lle merquen polo seu aniversario un curso de cociña que o convirta nun auténtico chef. Cando Román recibe en casa o seu agasallo, comproba que vén acompañado de Escarlatina, unha nena cociñeira falecida no século XIX, con quen terá que preparar uns pratos moi especiais. O libro de Ledicia Costas combina unha entretida historia cun receitario de cociña escrito polo propio Román coas súas elaboracións favoritas.

Sinteste identificado co protagonista de Escarlatina? Sabes cociñar os teus pratos favoritos? Cociñaches algunha vez un prato seguindo os pasos dunha receita? Comproba a túa implicación neste tema completando a seguinte ficha, que logo podemos comparar co resto da clase facendo unha posta en común dos resultados.

O noso proxecto

O obxectivo final deste proxecto consiste en deseñar un libro de cociña entre toda a clase en soporte dixital e imprimible integrado por un conxunto de receitas creadas por nós mesmos.

Para isto precisaremos ampliar a nosa cultura culinaria coa suficiente curiosidade como para ser capaces de inventar pratos orixinais, divertidos e apetecibles. Unha vez teñamos a idea do prato, é preciso que aprendamos as técnicas axeitadas para transmitila a través dun texto instrutivo expresado coa corrección e claridade necesarias para que calquera persoa poida seguir a nosa receita na cociña da súa casa e lle saia un prato exquisito.

Seguindo o índice dun libro de cociña tradicional, no seguinte apartado “Primeiros pratos”, achegarémonos ao mundo da gastronomía desde diferentes perspectivas a través dunha serie de actividades interactivas, de procura de información, debates, etc. A continuación, no apartado “Segundos pratos”, aprenderemos as características dos textos expositivos e instrutivos e traballaremos o léxico. Finalmente, no apartado “Sobremesas”, redactaremos as nosas receitas sobre un modelo predefinido e seguindo unhas pautas.

Unha vez postas en común todas as receitas, editaremos o libro de cociña que constará dos mesmos apartados que Proxecto CHEF!:

PRIMEIROS PRATOS

SEGUNDOS PRATOS

SOBREMESAS

Proxecto CHEF! quere ser un curso interactivo baseado no mundo da gastronomía e orientado a desenvolver todas as capacidades relacionadas coa lingua: escoitar, falar, ler e escribir. Neste sentido, traballaremos a nosa competencia lingüística nos distintos idiomas do currículo: galego, castelán e inglés. Para isto, distribuiremos a produción das receitas nos tres idiomas de forma equitativa.

A continuación, expoñemos unha información fundamental para comprender o proxecto e as actividades que o conforman: