Cociñas do mundo
Saboreamos en equipo pratos de cociña internacional
A través da cociña internacional descubrimos usos sociais, hábitos, costumes e culturas diversas, ademais de facer un repaso importante aos nosos coñecementos sobre xeografía. Trátase dun tema tan interesante como inabarcable, posto que cada país do mundo conta cun amplo e variado receitario de produtos e pratos autóctonos. Algunhas destas elaboracións fanse coñecidas en todo o planeta, como sucede coas tapas da gastronomía española, invento emulado en moitísimos países con múltiples versións. Outro exemplo, aínda máis achegado e sorprendente, é que non resulta difícil atoparse no estranxeiro unha carta que ofreza entre os seus entrantes “Padron peppers” (de seguro alí tamén uns pican e outros non).
Sen ánimo de sermos demasiado exhaustivos, e tratando de acoutar a procura de información seguindo un criterio de proximidade por unha banda e de exotismo por outra, traballaremos por equipos investigando as seguintes gastronomías:
-
A cociña portuguesa
-
A dieta mediterránea
-
A cociña xaponesa
-
A cociña mexicana
Dividiremos a clase en catro equipos que se ocuparán en investigar sobre cada unha destas cociñas. Cada equipo cubrirá a ficha Investigamos cociñas do mundo e redactará un pequeno texto expositivo (en galego, castelán ou inglés) sobre ese tipo de cociña.
Probamos novos sabores
Agora, de xeito individual, faremos as actividades interactivas sobre pratos de cociña internacional. Ánimo!
Ñam ñam! Recapitulamos!
Para rematar esta viaxe polas distintas artes culinarias do planeta, cómpre que cubramos individualmente a ficha Cociñas do mundo, que nos servirá de resumo do aprendido neste apartado do traballo.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Compartir igual 4.0