Comezamos!
Imos comezar este tema facendo un pequeno test que che axudará a coñecerte mellor. Responde ás cuestións e despois preme para saberes máis de ti.
Es máis de comunicación escrita ou de comunicación oral?
- Falas máis por wasap cos teus compañeiros de clase que na propia clase.
- Felicitas con tarxeta/wasap máis que de palabra?
- Prefires mandar un vídeo/foto dun lugar que visitaches antes que contalo?
Es máis de linguaxe verbal ou de linguaxe non verbal?
- Entras no ascensor cun veciño, saúdas coa cabeza ou dis: “Ola, que tal?!”
- Ao teu compañeiro de pupitre acábanlle de entregar un exame cualificado cun dez, pos cara de alucine mentres fas un xesto coa man indicando “caramba” ou enseguida lle dis: “ostras, estás feito un fenómeno!”?
- Cando falas moves as mans e fas xestos (coa boca, cos ollos, coa cabeza...) ou permaneces máis ben “teso”?
Prefires escoitar ou contar?
-Es dos que contas chistes ou dos que ris con eles?
-Es dos que mandan calar en clase ou dos que os profesores convidan a falar?
-Interrompes a miúdo ao que está falando para intervires ou agardas a que remate antes de falar ti?
Recapitulemos
Para comunicarnos dispoñemos de diferentes sistemas de comunicación. Un exemplo: a túa avoa cumpre 70 anos e queres felicitala. De cantas maneiras podes facelo?
Podes levarlle unhas flores, debuxarlle un corazón nun papel, darlle unha aperta, felicitala de palabra, por teléfono, tarxeta, wasap, con linguaxe de signos (se ti ou ela sodes xordomudos)...
Mais os sistemas básicos son a comunicación oral e a comunicación escrita. É por iso que debemos aprender a comunicarnos o mellor posible con ambos sistemas.
A linguaxe verbal emprega tamén linguaxe non verbal. Non está de máis que aprendamos a usala.
Escoitar e falar / ler e escribir son caras da mesma moeda: a comunicación.
Os nosos obxectivos
Queremos axudarche a que mellores a túa expresión oral en galego.
A que adquiras seguridade ao falares.
A que valores a corrección lingüística (o que dis e como o dis dá forma á visión que os outros se forman de ti).
