3-3- Cohesión
A cohesión do texto proporciónana os elementos sintáctico-semánticos que se usan para relacionar as frases, oracións simples e compostas, grupos de oracións e parágrafos. Son mecanismos que favocerecen a trabazón lóxica dos elementos do texto.
Os principais son os seguintes:
A deíxe: son elementos gramaticais que indican quen
realiza a comunicación, onde ou como se produce (O candidato ha de ter inciativa, alguén creativo).
A anáfora (formas que fan referencia a un elemento lingüístico
mencionado anteriormente).
A catáfora (alude a un elemento de posterior aparición).
A cohesión léxica. Pode expresarse mediante repetición dunha palabra
( Prepárame un café, un café con leite, por favor) ou a súa substitución por sinónimos, hiperónimos, hipónimos ou metáforas.
A elipse. Consiste na omisión de elementos xa mencionados; pode ser
nominal, verbal ou oracional (Meu irmán toca a guitarra, eu, a gaita).
A conexión. Realízase a través do uso correcto dos conectores (preposicións, conxuncións...). Dáse en dous niveis distintos: dentro da oración e a
nivel supraoracional (unindo un parágrafo co anterior, para facilitar a
continuidade das ideas expresadas e propiciar a unidade temática do texto).
Observa
Os demostrativos
poden ter valor anafórico (Chamáchesme tarde e iso non
me gustou) ou catafórico (Díxonos isto:
somos nós os responsables).
Os anacolutos inciden negativamente na cohesión dun texto. Prodúcese
cando se deixa incompleta unha frase, deixando abicado o que se
quere dicir ou cando a expresión se aparta do sentido do discurso, por exemplo,
por falta de concordancia.
Aprende
Os conectores axudan a dotar de coherencia ao texto e facilitan a súa
interpretación. Os marcadores discursivos cumpren unha función metalingüística
(orientan ao receptor a propósito do tema que se vai introducir no discurso). Clasifícanse segundo un criterio semántico:
Introdución, comezo discursivo: ben, para comezar, isto...
Continuación: pois
ben, con todo...
Remate, peche discursivo: en definitiva, por fin,
finalmente, por último, para rematar...
Tempo: antes,
despois, entón, de contado, mentres, daquela, agora...
Resumo: en
resumo, en dúas palabras...
Causa e
consecuencia: polo tanto, por conseguinte, daquela, por mor de, así, entón,
pois, xa que logo, de xeito que, así que...
Explicación: isto
é, mellor dito, é dicir...
Empréganse tamén para recuperar,
exemplificar, enfatizar, negar, afirmar, enumerar, etc.
