1- Competencia básica
Conceptos básicos
Os elementos da comunicación son o emisor, o receptor, a canle, o código e a mensaxe.
Cos exercicios que che propoñemos queremos que traballes estes conceptos básicos ao tempo que intentaremos acadar os seguintes obxectivos:
- Que mellores a calidade dos teus textos orais.
- Que afiances o uso oral do galego.
- Que valores a corrección lingüística.
Pon o necesario da túa parte!
Indicacións
O seguinte exercicio está pensado para que dialoguedes dous compañeiros sobre un tema proposto. Despois deberedes responder a determinadas cuestións que axudarán a entender o proceso comunicativo. No seu defecto, os diálogos poden ser substituídos por textos escritos.
1- Solicita unha cita médica por teléfono
Suxerencia de vocabulario (compón o teu propio diálogo empregando o que estimes oportuno e dándolle a orde que prefiras):
Solicitar cita para un oculista/dentista/ traumatólogo… Quería solicitar/pedir… Que día lle viría mellor?/que día lle convén?, É urxente? Trátase dunha revisión, O antes posible, podería ser pola tarde?, cando podería verme?, Necesito un volante? É preciso que acuda en xaxún e que traia unha mostra de ouriños, Dígame o seu nome, Moi ben, a súa cita queda fixada para o día… Grazas, moi agradecido.
Observa que o rexistro comunicativo é formal; é dicir, a linguaxe é coidada e respectuosa. Observa, por exemplo, que "solicitar" resulta máis formal que "pedir"; a elección das palabras precisas ten moita importancia cando queremos falar con corrección.
Es quen de identificar os elementos da comunicación presentes neste acto comunicativo? Faino mentalmente antes de premer para ver a suxerencia de resposta.
2- Quero encontrar un traballo este verán
(Un alumno/a fai as preguntas axeitadas e o compañeiro/a procura empregar o vocabulario suxerido)
As vacacións son unha oportunidade; quero gañar algo de diñeiro; busco traballo soamente para o mes de agosto; podería coidar nenos; teño xa algo de experiencia; encantaríame traballar nun hotel; pasear cans, lavar coches, podería serme útil para…; necesito informes; piden carné de conducir; non me aseguran; practico idiomas; está ben pagado; teño que colocar carteis…
Identifica os elementos da comunicación presentes neste acto comunicativo. O rexistro é formal ou informal?
3- Alugo unha vivenda
Escribe un anuncio para poñer en aluguer a túa vivenda. Ten en conta que se publicará nunha revista inmobiliaria.
Vocabulario suxerido:
Centro, aforas, arrabalde, ascensor, segundo andar, apartamento, local comercial, cheminea de leña, comedor, dormitorios, condicións de pago, garaxe.
Unha vez composto o texto, simula co teu compañeiro unha chamada de teléfono dun posible cliente.
Identifica os elementos da comunicación presentes no anuncio de aluguer. Como é o rexistro?
