3-2- Coherencia
A coherencia é unha propiedade textual que recoñecemos nun enunciado cando hai conexión semántica entre os elementos que o compoñen. É a propiedade básica, xa que é a que dota de sentido ao texto, a que fai que
sexa unha unidade comunicativa
comprensible. A coherencia
podémola analizar a nivel de oración (local), parágrafo ou de todo o texto
(global).
Os factores dos que depende a coherencia textual son:
A) A unidade temática (os elementos do texto deben tratar sobre o mesmo tema).
B) Información
equilibrada (require un esforzo de selección previa -nin escasa nin excesiva-).
C) Información
organizada (que responda a un esquema ou plan previo e que presente unha orde lóxica das ideas e dos elementos do texto).
D) A progresión
temática: a información debe avanzar, progresar,
non caer na repetición excesiva.
Fíxate
Un texto no que
observamos falta de orde, repeticións innecesarias e mestura de ideas é un
texto no que falla a estruturación previa.
A unidade temática
Un texto coherente ha
de ter un tema ou idea global. Os parágrafos dun texto relaciónanse entre si
porque tratan diferentes aspectos do tema. Deben gardar relación temática (os temas deben estar subordinados ó
asunto ou idea principal que dá unidade temática ó conxunto).
Para que os contidos dun texto resulten coherentes non deben ser contraditorios e as palabras deben ser semanticamente compatibles.
A progresión temática
A progresión temática do texto pode atopar as seguintes variantes:
Textos de tema constante (abórdase o mesmo tema nas diferentes partes do
texto).
Textos que progresan con temas derivados (o tema central deriva noutros
relacionados).
Textos que progresan con temas enlazados (un tema derivado do central
convértese á súa vez en tema central noutra parte do texto).
A estrutura do texto
A ordenación da información en diferentes parágrafos dá lugar á estrutura do texto.
As estruturas máis comúns son dúas:
Analizante: parten dunha tese ou información que se vai ampliando e exemplificando no texto.
Sintetizante: a análise e exposición dos datos permiten chegar a unha conclusión ó final do texto.
Incoherencias humorísticas
O cerebro:
“As ideas, despois de falar, van ao cerebro”.
Aves prensoras:
“Son as aves que viven en “prensas”, sitios donde hai
moita auga”.
“Teñen bonitas cores, coma o corvo”.
Depuración da auga:
“Faise polos raios ultraviolentos”.
Réptiles:
“Son animais que se disolven na auga”.
Glaciares:
“Poden ser por erosión e por defunción”.
Moisés e os israelitas:
“Os israelitas no deserto alimentábanse de patriarcas”.
Os catro evanxelistas:
“Os catro evanxelistas eran tres: San Pedro e San Pablo”.
