Saltar navegación

2.5 Aforro enerxético domestico

No aforro de enerxía podémonos implicar todos. A colaboración de cadaquén é valiosa para mellorarmos a saúde do planeta. Aprender xestos que favorezan o desenvolvemento sustentable do planeta forma parte da nosa formación. O aforro de enerxía coa utilización das lámpadas de baixo consumo é un deles.

As lámpadas fluorescentes compactas (CFL), coñecidas como de baixo consumo, transforman en luz a maior parte da enerxía que consomen, para o que están deseñadas, e non en calor, como as tradicionais.

Son, por tanto, frías e utilizan entre un 50 % e un 80 % menos de enerxía que as tradicionais. O seu custo é máis elevado, pero teñen unha longa duración, co que se desconta o prezo en cinco anos de uso.

 
 

O uso de electrodomésticos de clase A supón un aforro enerxético, para realizar a mesma tarefa. Os niveis de suficiencia enerxética dos aparellos mídense por unha letra do A ao G. “A” significa máxima eficiencia e “G” mínima eficiencia. O cálculo deste criterio parte de comparativas feitas en 1993 en Europa. Ningún organismo oficial responde da etiquetaxe; son as marcas quen certifican os seus modelos a través de laboratorios homologados.

 

Arquitectura bioclimática

A arquitectura bioclimática consiste no deseño de edificacións tendo en conta as condicións climáticas, aproveitando os recursos dispoñibles (sol, vexetación, vento, chuvia, etc.), para diminuír os impactos ambientais e reducir o consumo de enerxía.

Unha vivenda bioclimática pode chegar a conseguir un grande aforro, e mesmo chegar a ser sustentable na súa totalidade. Aínda que os custos de construción poden ser maiores, este incremento pode ser compensado pola redución dos recibos da enerxía utilizada .

Malia poder parecer un concepto novo, vén sendo un criterio utilizado desde antigo, como en Andalucía coa construción de casas encaladas, ou cos tellados orientados ao sur no hemisferio norte, para aproveitar a inclinación dos raios do Sol.

Coa integración de fontes de enerxía renovables, é posible que todo o consumo sexa de xeración propia e non contaminante (edificios 0 emisións). E pode chegar a xerarse máis enerxía da consumida, e vendela á rede (edificios enerxía plus). As fontes de enerxía máis empregadas son a enerxía solar fotovoltaica, a solar térmica e, mesmo, a xeotérmica.

Uso de enerxía renovable

Lembremos que se denomina enerxía renovable á enerxía que se obtén de fontes naturais, virtualmente inesgotables, unhas pola inmensa cantidade de enerxía que conteñen e outras pola súa capacidade de recuperación por medios naturais.

O xirasol,é o símbolo das enerxías renovables, polo seu aproveitamento do sol, pola súa contribución á elaboración de biodiésel e polo seu parecido co sol.

 

As características da auga de chuvia fana perfectamente utilizable para uso domestico. Por este motivo pode se reutilizada coas instalacións adecuadas. Consiste basicamente en canalizar as augas do tellado, utilizar un depósito e canalizala para usos como as lavadoras, lavalouzas, rega de plantas, etc.

O seu uso permite aforrar en deterxente, xa que as augas da chuvia son menos duras. A substitución de auga potable por auga de chuvia nos fogares permitiranos colaborar na sustentabilidade do hábitat.

 

As augas residuais son residuos líquidos provenientes de baños, duchas, cociñas, etc; que se botan aos sumidoiros ou ás cloacas. En moitas áreas, as augas residuais tamén inclúen algunhas augas sucias que veñen das industrias. A división da auga caseira drenada en augas grises e augas negras é común no mundo desenvolvido. A auga negra é a que procede de inodoros e a auga gris, é a que de lavabos e bañeiras.

O tratamento de augas residuais é un proceso de tratamento de augas que á súa vez incorpora procesos físicos químicos e biolóxicos.

Depuradora de Castelar del Vallés

A actividade domestica e comercial de cidades e pobos xera unha grande cantidade de residuos sólidos urbanos RSU, difíciles de eliminar. Como cidadáns responsables está nas nosas mans colaborar a selección de tipos de residuos para o seu posterior tratamento e eliminación. A gran cantidade de envases e papel dun só uso estase a converter nun problema de difícil solución.

Os residuos producidos polos habitantes urbanos comprenden o lixo, a moblaxe estragada, electrodomésticos vellos, embalaxes e desperdicios da actividade comercial, restos dos coidados dos xardíns e da limpeza das rúas, etc. O grupo máis voluminoso é o do lixo domestico e está formado por:

  • Materia orgánica: restos da preparación das comidas, xunto coa comidas sobrantes.

  • Papel e cartón: xornais, revistas, caixas, restos de embalaxes...

  • Plásticos: botellas, bolsas, embalaxes...

  • Vidro: botellas, frascos, louza...

  • Metais: latas, botes...

  • Outros.
 

Tipos de lixo domestico en núcleos urbanos

Para que o tratamento dos residuos sexa eficaz, temos que realizar a selección do que enviamos aos contedores. Por iso, cada residuo ten o seu lugar. O Plan Nacional de Residuos Urbanos, adoptou un código de cores para os restos:

  • Contedor verde para o vidro.

  • Contedor azul para o papel e cartón.

  • Contedor amarelo para os envases.

  • Contedor gris ou marrón para os restos orgánicos.

Na actualidade moitas cidades e pobos están soterrando os contedores. Nalgúns casos, os contedores que atopamos non responden ás cores iniciais, pero sempre están rotulados para indicar o contido adecuado.

É usual a creación dos chamados puntos limpos ou ecopuntos, para a recollida de residuos perigosos, restos de pinturas, rodas, restos de obras, colchóns ou calquera outro resto que non teña cabida nos contedores.

Velaquí dous esquemas de ciclos de reciclaxe realizados na planta de Sogama.

 

Ciclo de reciclaxe do vidro

 

Ciclo de reciclaxe do cartón

Para rematar a unidade pensemos que falar de aforro enerxético está relacionado con consumo responsable. Cómpre reformular o hiperconsumismo dos países desenvolvidos e de grupos poderosos da sociedade, que seguen a medrar como se as capacidades da terra fosen infinitas.

 Abonda sinalar que os 20 países máis ricos da terra consumiron neste século máis natureza, é dicir, máis materia prima e recursos naturais non renovables que toda a humanidade ao longo da historia.


Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0