2.1.2 Financiamento da adquisición
Logo de ter concretado o prezo final da vivenda, cómpre tratar do financiamento para o seu pagamento. Hai no mercado vivendas de prezo libre, vivendas de protección oficial (VPO) e vivendas de prezo taxado (VPT). Dependendo do tipo de vivenda pódese acceder a axudas oficias, subvencións publicas ou xuros especiais, segundo os ingresos familiares.
Normalmente adóitanse facer uns pagamentos iniciais no momento da compra e o resto págase no momento de facer a escritura pública ante o notario.
Para abordar esta segunda parte, na maioría das veces acódese a solicitar un préstamo, xa sexa por non dispor do total ou xa polas vantaxes fiscais que isto supón, durante a vida do crédito. O préstamo pode ser persoal ou hipotecario. Neste último caso a vivenda é a garantía do crédito.
Teremos en conta que a compra do piso leva aparellada unha serie de gastos: o IVE, no caso de vivenda nova, ou o imposto de transmisións patrimoniais, no caso de ser de segunda man, os impostos xurídicos documentados, os gastos de tramitación, a plusvalía do concello, e todos se deben pagar no momento da compra.
Teremos en conta, así mesmo, que a compra de vivenda nos permite desgravacións fiscais, no caso de ser primeira vivenda habitual. As condicións das desgravacións dependen da lexislación e, no momento de realizar a compra, cómpre informarse das condicións legais existentes.
-
Se temos que acudir a unha entidade bancaria para solicitar un crédito, teremos en conta as ofertas, comparando os tipos de xuros ofrecidos, para créditos iguais, e tendo en conta as condicións de amortización anticipada e cancelación que nos ofrecen.
Debemos buscar créditos que non penalicen as amortizacións anticipadas, que son pagamentos que podemos realizar anticipadamente para diminuír o valor do crédito solicitado. As condicións deben ser negociadas directamente coa dirección da entidade bancaria.


Actividades propostas
S2. Acuda a varias oficinas bancarias a solicitar información sobre tipos de xuros para a compra de vivendas. Realice con esa información un pequeno traballo.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0