Saltar navegación

2.1.1 Trámites para a adquisición

A constitución española recoñece o dereito individual á vivenda, pero este segue a ser un dos problemas da sociedade actual. A vivenda é na actualidade un produto de uso ordinario e xeneralizado, e a compra segue a ser o máis habitual entre os consumidores galegos.

A lei protexe o consumidor en relación aos materiais esixibles, as condicións económicas da compra e a documentación esixida. O comprador pode esixir características e condicións relativas á construción da vivenda, a súa localización, os servizos e as instalacións, e os modos de pagamento, malia non figuraren expresamente no contrato.

  • Nome ou razón social, e datos da inscrición no Rexistro Mercantil do vendedor.

  • Plano de emprazamento da vivenda e plano da propia vivenda, coas súas instalacións completas.

  • Memoria de materias utilizados na construción.

  • Datos da inscrición do inmoble no Rexistro da Propiedade, ou de non estar inscrita nel.

  • Prezo da vivenda, con anexos se os houber, e forma de pagamento.

  • Copias das autorizacións legalmente esixidas para a construción de vivendas.

Documentación esixible polo comprador

No prezo total da vivenda inclúense, de ser o caso, os honorarios do axente, o IVE, ou o correspondente imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados. Tamén debe incluír os medios de pagamento (os iniciais e os aprazados, se os houber). Se a vivenda está en construción, a normativa, obriga a pór á disposición do publico e das autoridades competentes os documentos en que se formalizan as garantías da compra.

Cando xa exista unha certeza da compra e as súas condicións, deberá acudir ao Rexistro da Propiedade onde estea inscrita a vivenda e comprobar que figure a nome do vendedor e que estea libre de cargas, máxime cando esta sexa unha vivenda de segunda man.

O promotor da vivenda responde dos defectos existentes na construción que non sexan apreciables a simple vista, durante seis meses despois da entrega. Se os defectos afectan á estrutura responderán o construtor ou o arquitecto director de obras durante os seguintes dez anos, desde o remate das obras.

O derradeiro paso despois de comprar a vivenda, logo de realizada a escritura correspondente, é inscribila no Rexistro da Propiedade como novo propietario.

Actividades propostas

S1.            Comprobe nunha oficina de venda de vivendas, se a información ofrecida é a legalmente esixida.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0