Saltar navegación

3. Resumo de contidos

  • Ecoloxía: ciencia que estuda as relacións dos seres vivos entre eles e cos factores do seu medio.
  • Ecosistema: conxunto de organismos, lugar en que viven e condicións fisicoquímicas con que interactúan. Están formados por unha biocenose (comunidade dos seres vivos do ecosistema) e un biotopo (medio, substrato e factores ambientais do ecosistema.
  • Especie: conxunto de seres vivos que poden ter descendencia fértil.
  • Poboación: fórmana todos os individuos da mesma especie que ocupan un ecosistema.
  • Hábitat: conxunto de biotopos que pode ocupar unha especie.
  • Relacións intraespecíficas: as que se dan entre os individuos dunha mesma especie (familia, colonia, relación gregaria e relación estatal ou social).
  • Relacións interespecíficas: danse entre individuos de especies diferentes (competencia, depredación, parasitismo, simbiose, mutualismo, comensalismo e inquilinismo).
  • Relacións tróficas: danse entre as especies dun ecosistema e reflicten os fluxos de materia e de enerxía. Atendendo a estas relacións os organismos poden ser produtores, capaces de transformar materia inorgánica en materia orgánica, consumidores, se obteñen a materia e a enerxía alimentándose doutros seres vivos, e descompoñedores que pechan o ciclo transformando a materia orgánica en inorgánica.
  • Cadea trófica: sucesión de seres vivos na que cada un constitúe o alimento do seguinte. A combinación de cadeas tróficas constitúe unha rede trófica.
  • Ciclos da materia: a continua reciclaxe de materia que se produce nun ecosistema permite que todos os elementos químicos precisos estean sempre dispoñibles. O percorrido que os elementos químicos realizan pasando de formar parte da materia inorgánica a facelo da orgánica e o posterior camiño inverso recibe o nome ciclo da materia.
  • Fluxo de enerxía nun ecosistema:de xeito diferente á materia, a enerxía non segue un percorrido cíclico nun ecosistema. Así entra na maioría dos ecosistemas en forma de enerxía luminosa a través da fotosíntese, pasando mediante as cadeas tróficas aos distintos niveis onde escapa cara o exterior en forma de calor.
  • Gráficos: permiten presentar os datos dun xeito máis claro:

–      Diagramas de barras: empréganse rectángulos con alturas proporcionais aos datos.

–      Diagramas de sectores: cada sector é proporcional a un dato.

–      Pictogramas: empregan imaxes para formar bloques proporcionais aos datos.

–      Gráficos lineais: empréganse cando se quere dar idea de continuidade.

  • Funcións alxébricas: serven para representar situacións da vida cotiá.
  • Sistema de coordenadas. Establécese para representar unha función alxébrica.
  • Funcións. Son lineais as que teñen a forma y = ax. As de forma y = ax + b chámanse afíns e as da forma y = a, constantes.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0