2.1.5 O ciclo da materia
A materia nos ecosistemas realiza un circuíto pechado no que circula de xeito continuo polos distintos niveis tróficos. A materia que forma os ecosistemas é de dous tipos, orgánica e inorgánica. Malia estaren os dous tipos constituídos polos mesmos átomos, o nivel de organización é superior na orgánica, que pode ter establecidas unións entre átomos (enlaces) que permiten almacenar grandes cantidades de enerxía química.
Os produtores transforman a materia inorgánica (auga, sales minerais e dióxido de carbono) en orgánica (lípidos, glícidos, proteínas...). Esta vai pasando polos niveis tróficos ata chegar aos descompoñedores, que devolven ao ambiente produtos inorgánicos cando descompoñen a materia orgánica. Con isto posibilitan que a materia volva ser incorporada polos produtores, e polo tanto de novo ao ciclo da materia.
Así a materia non se degrada realizando un percorrido cíclico a través dos seres vivos e o medio físico.
-
Fluxo da materia nos ecosistemas
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0