2.1 Ecoloxía e ecosistemas
Ecoloxía
A ecoloxíaé a ciencia que estuda as relacións dos seres vivos entre eles e cos factores do ambiente en que viven; é dicir, estuda os ecosistemas.
Ecosistema
Un ecosistema é un conxunto de organismos, o lugar en que viven e as condicións fisicoquímicas con que interactúan. Un ecosistema non é un sistema pechado, é dicir, non está illado, e cambios que se produzan no exterior destes poden afectar o seu equilibrio. Unha poza, un río, unha lagoa, un bosque, etc., constitúen exemplos de ecosistemas e non están illados do medio que os rodea.
Sobre un ecosistema actúan dous tipos de factores:
- Factores abióticos ou biótopo. Son as condicións fisicoquímicas que determinan as características do medio en que os seres vivos se atopan, e ás que teñen que adaptarse para poderen sobrevivir: temperatura, humidade, ...
Coñecemos como hábitat o conxunto de biótopos diferentes que pode ocupar unha especie.
Algúns dos factores abióticos máis importantes son:
– Luz: a radiación ou cantidade de luz recibida varía moito segundo os ecosistemas e incluso nun mesmo ecosistema segundo o momento do día ou estación. Como veremos, a luz recibida por un ecosistema é de gran importancia, xa que dela procede a enerxía necesaria para o funcionamento dos ecosistemas.
– Temperatura: é un factor moi importante, tanto no medio acuático (xa que a temperatura da auga inflúe na cantidade de osíxeno disolvido, necesario para a respiración dos seres vivos) como no medio terrestre (xa que vai condicionar os elementos que definen o clima do ecosistema, como son a humidade, os ventos e apresión atmosférica).
– Humidade: de grande importancia no medio terrestre, xa que a auga en forma líquida é indispensable para a vida.
- Factores bióticos ou biocenose. Son os propios seres vivos que viven nel, e as relacións entre eles, e co medio en que viven.
A parte viva do ecosistema recibe o nome de biocenose. Está formada por todos os organismos vivos e as relacións que se establecen entre eles.
– Poboación: son todos os individuos da mesma especie que ocupan un ecosistema. Podemos falar da poboación de coellos, ou da poboación de corzos dun ecosistema.
– Especie: é o conxunto de seres vivos que poden ter entre eles descendencia fértil, teñen antecesores comúns e, xeralmente, aseméllanse moito morfoloxicamente.
-

Compoñentes dun ecosistema
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0