2.1.6 Fluxo de enerxía nun ecosistema
No caso da enerxía, esta realiza nos ecosistemas un fluxo unidireccional: a enerxía entra nos ecosistemas en forma luminosa e sae en forma térmica (calor).
A enerxía luminosa, que é convertida polos produtores mediante a fotosíntese en enerxía química, almacénase en forma de materia orgánica. Esta enerxía pasa ao nivel dos herbívoros, pero non toda, porque gran parte libérase en forma de calor mediante a actividade metabólica das funcións vitais. Da mesma forma, a enerxía conseguida polos herbívoros non pasa por completo aos carnívoros.
Desta maneira a enerxía sofre un continuo proceso de transformación e degradación: o que entra no ecosistema en forma de enerxía luminosa transfórmase en enerxía química, que se transforma en enerxía calorífica, que xa non pode ser usada polos seres vivos.
O fluxo da enerxía por un ecosistema, de xeito diferente ao da materia, non é cíclico, entrando e saíndo do ecosistema.
-

Fluxo da enerxía nos ecosistemas
Actividades propostas
S10. Observe a imaxe sobre o fluxo de enerxía nos ecosistemas e conteste ás seguintes preguntas:
- Por que se di que o fluxo de enerxía é unidireccional?
- Imaxine que deixa de entrar enerxía nun ecosistema, que ocorrería?
- Describa unha secuencia de acontecementos para unha situación hipotética na que todos os produtores do ecosistema desaparecesen. Cal sería o futuro do ecosistema?
- Describa agora a situación para o caso de que os desaparecidos fosen os consumidores primarios.
S11. Que diferenza hai entre a materia orgánica e a materia inorgánica?
S12. Observe a imaxe sobre o fluxo de materia nos ecosistemas e conteste:
- Por que se di que o fluxo de materia é cíclico e pechado?
- Que diferencia un organismo autótrofo dun heterótrofo?
- Que efecto tería sobre o fluxo de materia no ecosistema a hipotética desaparición dos descompoñedores?
- Cal sería o efecto se os desaparecidos fosen os produtores?
S13. Sinale cales das seguintes afirmacións son certas e corrixa as falsas.
- A materia procede do exterior do ecosistema.
- Os descompoñedores transforman a materia inorgánica en materia orgánica.
- Cando un ser vivo se alimenta de outro tamén toma parte da súa enerxía.
- Unha parte da enerxía dos seres vivos pérdese en forma de calor.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0