Internet. Os números enteiros. Estrutura da Terra.
2.5.2 Modelo xeoquímico
Todos os obxectos que nos rodean están formados por unha gran variedade de materiais. Estes poden ser de moitos tipos segundo a súa orixe, composición, elaboración, etc., aínda que todos teñen en común que, directa ou indirectamente, proceden da Terra.
|
![]() |
Segundo a composición dos materiais
Atendendo á composición dos materiais que a forman, a xeosfera está formada por tres grandes zonas que son as seguintes: codia, manto e núcleo.
- Codia. É a capa exterior da Terra, constituída por distintos tipos de rochas cun grosor de entre 6 km e 70 km. Nela distínguense a codia continental (que forma os continentes e as montañas, e é máis antiga que a oceánica e está composta por materiais heteroxéneos), e a oceánica (que é a parte da Terra cuberta polos mares e océanos; máis nova que a continental e máis homoxénea, formada por basaltos e gabro).
A codia representa o 1 % do volume e da masa da Terra e os seus compoñentes principais son silicio, oxíxeno, aluminio, ferro, calcio, magnesio, sodio e potasio. A codia posúe á súa vez varias capas con características diferentes:
-
- Capa superficial: cun grosor entre 500 m e 1000 m. Está formada principalmente por unha delgada porción externa, chamada solo, e por rochas sedimentarias.
- Capa intermedia: que se corresponde coa codia continental, chamada así porque non existe debaixo dos océanos, soamente debaixo dos continentes. Ten un grosor medio variable entre 25 km e 70 km, e a súa densidade media é de 2,7 gr/cm3.
- Capa basáltica inferior: que é a propia codia oceánica e constitúe a base dos océanos. Ten un grosor comprendido entre 10 km e 20 km.
- Manto. Está situado inmediatamente debaixo da codia oceánica, cun grosor duns 2.800 km. As rochas que o forman pódense desprazar lentamente unhas sobre outras. Aínda que representa o 83 % do volume total do planeta, está moi pouco estudado e case non se coñecen datos sobre a súa composición. Sábese que os materiais que o compoñen son máis densos que os da codia e menos que os do núcleo. Pénsase que está formado principalmente por silicio e magnesio, e por ferro e níquel en estado viscoso.
- Núcleo. É a parte máis profunda da xeosfera. Nel distínguense o núcleo externo, parcialmente fundido, duns 2000 km de grosor, cunha temperatura moi alta e formado por ferro, e o núcleo interno, en estado sólido, cun grosor de 1.500 km, ocupa un 16% do volume da Terra. Compóñeno materiais moi densos, cun 90 % de ferro e o resto níquel, e unha densidade próxima a 10 g/cm3. Crese que o magnetismo da Terra se asocia ao núcleo interno.
Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0
