Saltar navegación

2.1.1 Definición, enderezos e conexión a internet

Definición

Internet é un conxunto formado por milleiros de redes de todo o mundo que están conectadas entre si. O nome de Internet vén do inglés Interconected Networks (interconexión de redes). Cada rede conectada a internet ten, á vez, un feixe de equipamentos informáticos conectados entre eles.

 internet

Enderezos

A información móvese a moita velocidade entre os equipamentos. Cada equipamento conectado a internet está identificado por un enderezo (enderezo IP) formado por unha secuencia de catro números que están comprendidos, cada un deles, entre 0 e 255. Dependendo das condicións en que o equipamento se conecta á rede, este enderezo pode ser estático (sempre o mesmo) ou dinámico (varía cada vez que se establece a conexión).

Exemplo de enderezo IP: 69.52.180.1

Conexións

Para poder establecer a conexión dun equipamento a internet é preciso contratar unha conexión telefónica cunha compañía. Hai compañías que proporcionan este servizo de xeito gratuíto.

As conexións a internet poden ser diversas, e as diferenzas máis salientables radican na velocidade de transmisión de datos. Os tipos de conexión que se usan na actualidade son:

  • Liña telefónica normal: non se emprega demasiado, xa que resulta moi lenta e non permite o envío de paquetes de información grandes.
  • Conexión RDSI: permite transmisión de voz e a conexión a internet por unha soa liña. Mellora a velocidade de transmisión de datos con respecto á liña telefónica normal.
  • Liña ADSL: alcanza velocidades de transmisión moi altas. É seguramente o tipo de conexión máis empregado. Proporciónano moitas compañías de telefonía. Abonda con ter unha liña telefónica e contratar o servizo con calquera das compañías que o ofrecen.
  • Conexión por cable: o sistema máis avanzado. Dispoñible só nalgúns lugares.

Licenciado baixo a Licenza Creative Commons Recoñecemento Non-comercial Compartir igual 3.0